De cláusulas solo a cláusulas cero e renuncia de accións

A evolución xurisprudencial que se ven dando no tema das cláusulas abusivas en préstamos hipotecarios non para de modularse. Esta cuestión non só da lugar a unha certa inseguridade xurídica respecto dos procedementos en curso, se non a unha produción lexislativa para regular tal situación, proba do mesmo é o RD 1/2017 de 20 de xaneiro, ou a proposta de reforma da lei de enxuizamento civil en materia de costas procesuais.

Dende a sentencia do Tribunal Supremo de 9 de maio de 2013, son múltiples os pronunciamentos dos distintos xulgados, audiencias provinciais e do noso Alto Tribunal, así como a multitude de cuestións consultadas ó TXUE, en moitos casos tendo que reconducir o criterio que se viña mantendo nas resolucións das nosas instancias.

A raíz dos mesmos, e a declaración de nulidade das cláusulas solo, así como a cláusula gastos e en algúns casos, a de vencemento anticipado, as entidades bancarias comezan a partir do 2013 a executar dúas novas prácticas. Por un lado, realizar acordos de novación hipotecaria de renuncia de accións a cambio de retirar as cláusulas solo contidas no préstamo, e por outro, supeditar os novos préstamos hipotecarios a cláusulas cero.

Os contratos de renuncia de accións facilitados por parte das entidades bancarias, implican unha relación contractual entre consumidor e banco mediante a cal se acorda, que a entidade acepta retirar a cláusula solo do préstamo –liberando así o tipo de interese– a cambio de que o cliente renuncie a reclamar todas as cantidades que se abonaron de mais durante a vixencia da mesma.

Non fai falta ser unha eminencia do dereito para ver que de antemán se trata dun pacto inxusto. A entidade bancaria coloca unha cláusula abusiva coa que pagamos demais, e por enriba ten a “boa vontade” de quitárnola do préstamo se nós non lle reclamamos as cantidades do que nos debe. Tal pacto non pode senón ser declarado como nulo de pleno dereito. Isto é porque a declaración de nulidade da cláusula en si, implica a propagación de tal efecto sobre todo o relacionado coa mesma.

Dito o anterior, a firma de este tipo de acordos coas entidades bancarias non limitaría o prestatario-consumidor para poder acudir a un procedemento xudicial instando a nulidade do pacto, xunto coa cláusula solo e a reclamación de cantidades, sen ter que pasar pola reclamación previa contida no RD 1/2017 de 20 de xaneiro.

Por outro lado a “nova” cláusula cero –se ben se viña usando en algúns préstamos con anterioridade a crise do 2007– ó igual que unha cláusula solo, implica unha limitación no tipo de interese do préstamo, en este caso fixando o límite no cero por cen. Esta cuestión implica que o interese da hipoteca sería o índice de referencia xunto co diferencial que se pacte en cada caso. É dicir, nunha hipoteca –a maioría delas– con EURIBOR, con  un diferencial de 0,5 sobre o índice, o interese que se pagaría sería ese EURIBOR mais 0,5 por cen .

Débese ter en conta que o EURIBOR actualmente atópase en índices negativos, polo tanto, a cláusula en cuestión limitaría que nos puidéramos beneficiar de esa rebaixa do noso interese. A pregunta por tanto aquí sería, pódese solicitar a nulidade dunha cláusula cero? E por outro lado e como consecuencia directa pódese liberar o interese e minoralo tendo en conta que o índice é negativo?

Neste sentido sobre a primeira das cuestións debemos entender que dependerá do caso en concreto. Si que é certo que existe unha limitación ó tipo de interese no préstamo, o tema sería se se cumpriron cos requisitos para superar a abusividade de tal limitación.

Por outro lado, sobre a posibilidade de minorar o interese, débese expoñer que en aqueles procedementos xudiciais nos que se quitaron as cláusulas solo, o que corresponde a pagar polo préstamo é o índice (EURIBOR) xunto co diferencial (porcentaxe pactado sobre o índice). Pode ocorrer polo tanto que tendo en conta o EURIBOR actual –en negativo- existan hipotecas que pasen a pagar moi pouco, entre un 0,1 ou un 0,5 por cen. Sen embargo, aquí antóllase unha terceira cuestión, e dicir, se o EURIBOR segue caendo a valores cada vez mais negativos, pode ocorrer que sexa a entidade bancaria a que teña que pagar intereses ó consumidor polo préstamo?

Se ben isto parece unha cuestión de sentido común, hai opinións enfrontadas na materia. Na do que subscribe é claro que non. Aínda que os intereses estean pactados a un índice que é negativo, iso non pode implicar que se liquiden en favor do hipotecado, xa que desnaturalizaría de por si o contrato de préstamo bancario, transformándoo desta forma nun depósito. O que si se podería reclamar é que non se pagasen intereses polo préstamo, isto é, que se falase dun préstamo gratuíto.

Do anterior pódese concluír que os procedementos contra as entidades bancarias están lonxe de darse por resoltos –a pesar de que os últimos pronunciamentos do Tribunal Supremo exclúen a posibilidade de reclamar o imposto de actos xurídicos documentados– quedan varios frontes abertos, entre eles –seguramente o principal– o pronunciamento por parte do TXUE a cerca da cuestión do IRPH, xa que a súa nulidade implicaría unha nova avalancha de procedementos xudiciais con un prexuízo se cabe maior polas especias características que reviste, de cara as entidades.

Con todo, como ata agora, haberá que seguir de cerca todas as modulacións que se vaian sucedendo por parte dos tribunais ó respecto.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.