Dia da Galiza Mártir 2018: Memoria e unidade

Para un emigrante, que leva en Euskal Herria dende o ano 1973, sempre é un anceio anovado regresar á Patria para recuperar folgos e seguir alimentando a esperanza dun rexurdir definitivo. Ao atravesar a fronteira  do Sil na estrada de Ponferrada a Quiroga o corazón latexa en estoupidos de ledicia e os beizos murmuran a oración patriótica dos piñeiros pondalianos, que rematan na nazón de Breogán.

Desta vez acudimos a dona a e máis eu para celebrar o 17 de agosto o Día da Galiza Mártir, efeméride que lembra o asasinato de Alexandre Bóveda e por extensión o de case 5.000 galegos masacrados e os 15.000 represaliados, segundo dados doados polos proxecto “Nomes e voces” da USC.

Desfrutamos dun recuncho de paz na acolledora hospedería do mosteiro de Poio. Entristeceunos a nova do pasamento do nonaxenario bibliotecario, o Pai Xerónimo, que tan  agasalleiro nos tratara o ano pasado doándonos precisa e ampla información encol da documentación dalgúns persoeiros que nos interesaban. Porén, o albariño das viñas do convento é afroitado, ledo e competente. Ademais, como está bendicido pola proximidade ao sagrado non é capaz de subir ós miolos e frea a medio camiño. Na hospedaxe está incluída a visita á extraordinaria construción monacal, igrexa, claustros, salas de exposicións, agás as dependencias da comunidade dos monxes. Non faltou a nosa contemplación da imaxe de Santa Trahamunda, padroeira da saudade, que aos emigrantes sempre nos acompaña e nos fai soñar con unha patria rexurdida e de seu. 

O acto fulcral do Día era, como non podía ser doutro xeito!, a homenaxe a Alexandre Bóveda no monumento erixido na Caeira, Concello de Poio, preto do lugar onde o asasinaron os feixistas sublevados. Exercendo de mestra de cerimonias a concelleira de cultura, Lidia Salgueiro, interviñeron breve, axustada e acertadamente varios oradores. Carlos Mella, presidente da Fundación Castelao, insistiu na necesaria unidade do nacionalismo galego. Aurora Marco, integrante do Padroado da Fundación Alexandre Bóveda, en ausencia obrigada por mor de causas familiares do Presidente, Uxío Breogán Diéguez, sinalou os antecedentes e facianas máis salientables da homenaxe. Néstor Rego, como representante dos 19 de Meirás, remarcou a necesidade da memoria como semente de porvir. No mesmo rego a prol da memoria sucaron as palabras do alcalde de Poio, Luciano Sobral. Dona Amalia Bóveda, filla póstuma de Alexandre, agradeceu con verbas sentidas a homenaxe. Xosé María López de Guereñu, ex presidente e fundador da Fundación Alexandre Bóveda, recibiu o XIII Premio Galiza Mártir, loou emocionado a personalidade de Bóveda e animou a seguir as súas ensinanzas. O acto rematou co cántico do noso himno nacional. Ao meu entender tódolos os falantes fixeron un bo papel, con intervencións curtas e atinadas, pois adoito estes actos con moitos oradores deveñen en pesados, pelmas e, ás veces,  insoportabeis.

A continuación o xantar celebrouse no emblemático parque da memoria, bañado pola ría, con unha extraordinaria e fermosa panorámica: cara o solpor a inmensidade do mar océano, de fronte o peirao de Marín e a dereita o recolleito pobo de Combarro, farturento de millo e hórreo. No xantar, adubado con frugal modernidade culinaria, a fortuna da comensalía agasallounos coa agradable compaña, entre outros, de Alba Nogueira, Xavier Vence, Ana Seixas e Luis Villares. A conversa xirou encol de moitos temas máis ou menos  transcendentes e, !como non!, outra vez a imprescindible unidade do nacionalismo, asunto que fora xa tema de conversa recorrente durante a mañá nos prolegómenos da homenaxe entre amigos  e compañeiros.  Na sobremesa houbo entrega de galanos, consistentes nunha edición facsímile do cartaz de propaganda do Estatuto galego de 1936, que fora deseñado por Vidarte. Os receptores/as foron dona Dores Gallego, viúva de Fernando Quintela, galeguista histórico finado no ano 2015 con 98 anos, quen fora presidente da Fundación á morte de Manuel Beiras García. Mesmamente o segundo receptor foi o fillo deste último, en nome do seu pai, Xosé Manuel Beiras Torrado, líder de ANOVA. Dona Dores amosou na súa intervención un fondo sentimento de gratitude polo galano e Xosé Manuel Beiras pronunciou un discurso improvisado, cheo de erudición histórica, no que demostrou con claridade como lle fora  roubada a acta de deputado a Alexandre Bóveda nas eleccións do 18 de febreiro de 1936, adxudicándolla a José Calvo Sotelo. Pechou o acto dona Amalia Bóveda, para reafirmar de novo a necesidade da unidade do nacionalismo galego, “como estou segura que quería meu pai”.  

Trasladámonos polo serán ao cemiterio de San Amaro. Nunha belida capela a carón do camposanto oficiou a misa en galego un crego, que pronunciou unha emotiva homilía debullando as virtudes de Alexandre Bóveda e un cooficiante informounos do envío aos bispos galegos dun informe para solicitar da Santa Se a incoación do proceso de beatificación de Alexandre Bóveda. Estou absolutamente conforme con esta petición. No martiroloxio e santoral eclesiásticos hai santos, sen ir máis lonxe os fundadores dos xesuítas ou do Opus Dei,  que carecen da piedade e santidade que caracterizaba a vida, paixón e morte de Bóveda: coherencia, dignidade, honestidade, amor a familia e a Galiza, integridade moral, aposta polos máis desfavorecidos e cumprimentos das benaventuranzas. Estes valores amosounos na súa traxectoria vital e, sobre todo, no intre da súa morte. Non hai máis que ler as últimas cartas que escribiu e as verbas finais pronunciadas diante do remedo de tribunal que o xulgou. 

Na cerimonia da ofrenda floral posterior á misa, na campa que garda os restos do mártir, exerceu o labor de mestre o secretario da Fundación Alexandre Bóveda, Ernesto Vázquez-Rei. Xosé Manuel Beiras pronunciou un longo discurso, escrito no 2003 en honor a un Bóveda refusilado, e relido para ocasión, resaltando a impunidade do crime e  a urxencia de memoria como semente de futuro. Unha moza ao acordeón e un rapaz coa frauta interpretaron maxistralmente unhas pezas musicais e introduciron o noso himno patrio, cantado con voz tremente polos presentes, rematando o acto co corazón nun puño.

Aínda tivemos folgos para baixar á Boa Vila, pois na Praza de Curros Enríquez, a carón do monumento a Alexandre Bóveda, o BNG celebraba o tradicional mitin. Falaron o alcalde de Barro, Abraldes, e a líder, Ana Pontón, quen demandou unha axenda galega de recuperación da memoria histórica para poñer punto final á impunidade dos crimes do franquismo, esixiu anular todos os xuízos sumarísimos, comezando polo do propio Alexandre Bóveda, e volveu a reclamar a declaración oficial e por lei do 17 de Agosto, DÍA DA GALIZA MÁRTIR. Fica evidente que as dúas palabras máis usadas nesa memorable xornada foron memoria e unidade.

A memoria é un ben inmaterial comunal  a preservar. Un pobo sen memoria padece un alzeimer colectivo e está a piques de desaparecer no abismo insondable da historia. Non debemos deixar que nola rouben nin tampouco que a mordan os cans rabiosos da desmemoria interesada. Ben o expresa o poeta portugués Fernando Fitas nestes versos:

“NÂO DEIXES QUE TE ROUBEN A MEMÓRIA
Nâo deixes que te roubem a memória.
Nenhuma coisa será suficiente
para se morrer à beira das palavras,
ou apagar a lembrança dos dedos numa mâo decepada,
ainda que estranhos dizeres te falem de inquietas águas
na crepuscular desolaçâo das margens.
Sem réstia de pudor, sâo ecos de vingança
que retorna do tempo de tacôes de silêncio no lajedo
para ferir a luz que se derrama na calçada.
Que obscuro silêncio sobre as mâos
poderia impedir a luz-que os dedos souberam aceder-,
de instigar o sol a escolher entre as nuvens
o sitio onde rasgar o manto do inverno?
Nâo deixes que te mordam a memória
os câes raivosos cuja mantilha investe.
Ergue-te sobre o olhar.
Faz um poema con cheirinho a samba, bossa nova, frevo...
nâo detenhas o passo e reaviva o sonho.
Quem tem nos lábios a boca de um sorriso nunca
estará sozinho nem vencido,
pois guarda em sua fala os símbolos da terra
e o recesso do viço que precede a festa.
De nada  mais carece para tomar as ruas ou seduzir as fontes
se acaso ousa no verso, imaculado e puro,
o secreto desígnio de habitar-se de vento e fecundar o mar.
Anda, por isso, amigo, ver o sol
reacender nas mâos dos deserdados,
as bandeiras dos sonhos ocultados
por hienas, vampiros e chacais.
Vem comigo à janela reclamar outra vez a nudez das flores
e o legado de afectos que embriague de novo
os lábios do teu povo,
a intentar os límpidos caminhos
onde soube pintar, en cada muro,
un olhar de alegría e de futuro”
(Fernando Fitas:”Subversiva liturgia das mâos”; Espiral Maior, A Coruña, 2018, pp. 51-52) 

Nunha nación normalizada o nacionalismo pode partillar distintas opcións políticas que reflictan os intereses de cada clase ou grupo social, pero Galiza, nas condicións actuais, onde o nacionalismo aínda non penetrou na meirande parte do tecido social e ten moitas dificultades para facelo, cuxas causas levarían a un longo debate explicativo, non pode permitirse ese luxo. Polo tanto, a unidade, aínda a risco de deixar cada un pelos na gateira, é absolutamente necesaria e urxente. A patria demándao e a conxuntura aturuxa unánime por esa emposta. Non viría mal ter en consideración un adaxio que segue a educuión do xesuítas:”suaviter in modo, fortiter in re”.

En aras desa unidade e memoria como militante do nacionalismo galego dende 1965, seminarista daquela, e, laico xa, afiliado do BNG dende 1982, data do o seu nacemento, con amigos e amigas en tódalas formacións nacionalistas, e tamén non nacionalistas, dirixo un solemne, sentido, suplicante e sincero prego aos vivos e cordial berro diante da morte dun país, dende a emigración nunha patria irmá, Euskal Herria.

Líderes dos partidos políticos galegos, que teñan unha mínima sensibilidade galeguista e/ou nacionalista, sentádevos a falar, degustade con moderación uns competentes grolos de godello ou mencía da Ribeira Sacra, que aledan o corazón “ad depellendum moerorem” e predispoñen a boa vontade, debatede “de humana et divina re” sen acritude, escoitade o clamor das xentes boas e xenerosas do común, conformade nuns puntos básicos de acordo, esquecede estratexias e tácticas, baixade do poleiro e aterrade antes de que a desfeita en Galiza sexa total, deixádevos de lerias, díxome, díxome e pataqueiradas e procurade a unidade do nacionalismo galego!. Nel colle moito máis persoal do que vós pensades. Quizais haxa que enclaustrarvos nun conclave papal de cardeais e irvos reducindo progresivamente o cibaco até que saia un novo pontífice?

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.