Dialéctica – e coñecimento – sen dogma

A Rosa Enríquez, a Teresa Moure, a Xohan González Millán, a Goretty Sanmartin, a María do Cebreiro.

Unha cousa é a literatura. Outra, ben diferente, a xeopolítica. Póñenme ámbalas dúas aínda que, ás veces, confésoo, a narrativa xeopolítica pode resultar tan aburrida e repetitiva coma o diario íntimo dun rei promiscuo e luxurioso : “Caro diario, hoxe namorei de Turquía, mais interésame non dicirlle nada a Alemaña, coa que só quero sexo. Teño que pensar unha estratexia para conquistala e, ao mesmo tempo, seguir mantendo relacions sexuais con Alemaña, que tampouco é mal amante”.

O mesmo me pasa coa filosofía, aínda que ésta sexa, e non por culpa súa, moito máis proclive que a literatura á hora de sentar cátedra e prescripción ideolóxica con vontade de absolutos. Cando o motivo profundo da reflexión filosófica e da creación estética coloniza partidariamente ao que lles é dado ás dúas : capire la realitá e il semplice piacere di creare un universo literario propio, os resultados adoitan ser nefastos. Unha cousa é ter unha concepción política do mundo, outra, a cegueira á que leva o patriotismo de partido. Manuel Vázquez Montalbán, que disto sabía un chisco máis ca nós, tiña ben claro o terriblemente difícil que era destilar material literario con intencionalidade política sen caer nun panfletismo patético.

Se a pulsión íntima da filosofía é a procura diso que chaman verdade – sobor do mundo, o universo e un mesmo - e desoutro que chaman felicidade, se o motivo profundo que impulsa á filosofía é il vero piacere di capire la realitá, a dolorosa aventura de re-pensarnos nun mundo secular e cambiante, etcétera, eu coido que esa pulsión non pode satisfacerse dun xeito illado e individual, senon colectivo. Procuramos a verdade xuntos entendendo e discutindo a perspectiva do outro, e nada hai máis humano que iso. Procuramos a felicidade xuntos discutindo solucions co outro, e nada hai máis político que iso. Falar da verdade e da felicidade só en primeira de singular, así pois, non ten sentido, por un motivo moi sinxelo : porque non se pode ser sen ser-en-relación con algo ou alguén. De momento, o insoportable inferno dos replicantes postmodernos non foi quen de inventar incubadoras para manter ao eu en perpetuo estado de conxelación.

A literatura, como a filosofía e as ciencias sociais, sen corsés canónicos, sen prescripcions hermenéuticas de cuño neo-colonial, ten potencialidade abondo para provocar un radical xiro copernicano na nosa – mal – acostumada mirada eurocéntrica. Precisamente, en Xustiza poética: A imaxinación literaria e a vida pública, Martha Nussbaum fai unha crítica moi sensata a esta mentalidade absurdamente utilitarista que nega toda capacidade á literatura para transformar a realidade. Evidentemente, o leitmotiv profundo do narrador non é transformar a realidade, así, a pao seco. Xa bastante revolucionario é que sexa capaz de multiplicar por dez, por cen e por mil, se fai falla, as posibles miradas que proxectamos sobre o mundo, e polo tanto, as decisions que se derivan de ampliar a perspectiva e empetizar coas vidas e situacions de persoas e colectivos que descoñeceríamos sen a intervención da fiction/non-fiction narrative.

Xustiza poética é un ensaio que nace da convicción que Nussbaum comparte con Whitman, a saber : que a narrativa e a imaxinación literaria non non se opoñen á argumentación racional. Poden darlle ingredientes esenciais. Para mostra, un botón :

“A falta de compaixón vai tamén con frecuencia acompañada por unha confianza excesiva nos métodos técnicos para modelar a conducta humana, sobre todo os que derivan do utilitarismo económico”.

“Aínda que son unha afeccionada en cuestions legais e ignoro o aspecto máis técnico e formal do dereito, creo enfáticamente que a reflexión sobre a narrativa pode facer contribucións ao dereito en particular e ao razoamento público en xeral”.

“De qué serve narrar historias pois, nun mundo onde a vida cotiá de moita xente está dominada por múltiples formas de exclusión e opresión?”.

Estas liñas resumen a partícula elemental do ensaio da filósofa norteamericana. A súa radical afirmación de que tanto o utilitarismo económico coma o formalismo xurídico son instrumentos necesarios, mais insuficientes, para loitar contra as múltiples estructuras de desigualdade e exclusión social, son demasiado luminosas, demasiado humildes, demasiado empáticas e dolorosas para 9 de cada 10 abogados e economistas existentes no Reino de Galicia.

Recuperar a capacidade para imaxinar, empatizar e recoñecer, non só a vida, senón, sobor de todo, a dor íntima e física dos demais, que diría Susan Sontag, é algo que as táboas macroeconómicas, as estatísticas, as porcentaxes e a retórica xurídica non poden espertar por sí mesmas. Non hai mellor mostra disto que o caso omiso que as nosas élites político-culturais fixeron de The FEL Manifesto, un esperanzador texto escrito pola Foundation of Endangered Languages. Texto que conviría ler en voz alta á meirande parte de certa gauche divine do Reino de Galicia cegada polo utilitarismo económico a curto prazo e a política cultural que o ampara.

O obxectivo da FEL é, en esencia, combatir os efectos que a globalización económica está a ter no mapa socio-lingüístico e na gramática cultural do planeta. Cómo? : creando unha organización transnacional para gardar documentación – audio e escrita – relativa ás linguas e culturas en perigo de extinción, impulsando programas de sensibilización moral coas comunidades lingüísticas ameazadas, recuperando habilidades lecto-escritas nas mesmas, impulsando a súa conservación e visibilidade nos soportes mediáticos e as tecnoloxías da comunicación e facendo énfase no valor e beneficios da diversidade lingüística.

Para materializar estes obxectivos, a FEL fai énfase na necesidade dunha organización transnacional autónoma no senso de non constreñida ou influenciada, a priori, por motivacions políticas conducentes á producción de políticas da diferencia, sexa racial, cultural, de xénero ou relixiosa. O espírito, por así dicilo, da FEL, é canalizar enerxías na investigación socio-lingüística strictu sensu, sendo isto compatible, mais non relacionado, co compromiso político individual d@s investigador@s

Estas liñas poden dar a entender que a Foundation of Endangered Languages ten un carácter totalmente apolítico. En absoluto. O que ten é un carácter apartidario, e o que acontece, sobor de todo, é que comeza a casa polos cimentos : pola investigación científica. As conclusions políticas – persoais – son un a posteriori da investigación, e non ao revés, que é o que leva facendo a meirande parte do cognitariado cultural da esquerda nacionalista e non-nacionalista do Reino de Galicia en toda a súa historia contemporánea recente.

Dentro dos obxectivos da organización está, así pois, a monitorización de prácticas de recuperación lingüística e, tamén, a monitorización de pragmáticas de recuperación lingüística fóra da razón instrumental do poder. Ninguén nega que toda política – lingüística, económica, cultural – ten unha filosofía e unha tekné, unha praxe subxacente, mais é necesario construir espacios autónomos de empoderamento cultural en tódolos campos do saber por unha simple cuestión de ecoloxía mental. Abonda con observar día a día os frames, os story-tellings e os marcos xornalísticos realmente existentes no Reino de España para concluir que estética sen ética, significante sen significado, presentismo sen memoria, pragmatismo mercantil e imaxe sen reflexión son modos de facer, modos de falar e modos de producir información cuxa intencionalidade non é outra que afortalar o canon eurocéntrico en tódolos eidos das letras e as ciencias, así como no imaxinario social das periferias da Europa-fortaleza.  

A primeira estratexia da mirada e o discurso totalitario é a manipulación semántica e a obturación – ou manipulación – da memoria histórica. Deste xeito, a lingua e a memoria colectiva, que forman parte da antropoloxía profunda de todo ser humano, perde todo o seu pulo crítico e reflexivo, toda a súa potencialidade para construir o que Pierre Vilar chamaba Les lieux de la mémorie. A manipulación semántica atenta contra a profunda necesidade humana de comunicarse e recoñecerse. A manipulación da memoria histórica, sempre aberta á pluralidade de perspectivas, sempre en movimiento, mais non por elo derivable ao postmoderno perspectivismo absoluto, atenta contra a necesidade humana de reter experiencias pasadas para poder, en termos prácticos, reflexionar e proxectarse politicamente. A aprendizaxe individual, así pois, é rotundamente imposible sen a capacidade da memoria para codificar, reter, recuperar e interpretar contextualmente información, e isto é tan certo para o ser humano como para o resto de especies.

Que as ciencias sociais e linguísticas non teñan valor no mercado non é, precisamente, ningunha casualidade. Mais, non futuro non moi lonxano – é dicir, agora -, o duplo obxectivo de conservar os eco-sistemas e satisfacer as necesidades básicas e radicais do ser humano, sen re-comezar un novo ciclo de acumulación/que repita o vello e crónico impacto socio-ambiental e a non menos vella e crónica socialización pública da débeda privada, non poderá convencer sen a finezza da analítica social e a súa conseguinte comunicación.

Sería, xa que logo, de agradecer, que a comunidade científica galega, no eido destas disciplinas, tivese algo máis de presencia nos medios de comunicación. E de agradecer sería, tamén, que puidese investigar e debatir constructivamente sen tirarse os seus ego-me-mei-mihi-me á cara, dende unha clara vontade de cooperación transversal entre departamentos. Unha ciencia local como pulo para o desenvolvimento auto-centrado das potencialidades e recursos de Galicia é moi necesaria. Lembrar esto non é descubrir mediterráneos, dende logo : falta fai que os nosos poderes públicos fagan o xusto e necesario para que a medio-longo prazo Galicia poida dispor dun Instituto de estudos culturais con espíritu interdisciplinar e aberto

Facer posible o necesario segue a ser, en palabras de Xosé Manuel Beiras, o leitmotiv, non só dunha política in acto, senon tamén dun proxecto contra-cultural e decolonial que lle sirva de base. Ademais das voces que, no Reino de Galicia, reclaman creación sen dogma, teñan en conta que tamén existimos voces que reclamamos ampliar o espectro do posible e o desexable :

“¡va benne!, ¡anque dialettica e conoszenza senza dogma!

As miñas máis sinceiras e humildes disculpas á santa inquisición da UPG, da executiva federal de Izquierda Unida e do comité central do Partido Comunista de España por tan impías e heréticas consideracions. En caso de proceder ao meu silenciamento e baixa administrativa de novo, traten de comunicarmo por carta ou por teléfono movil. Moitas gracias.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.