Divorcio entre sociedade e parlamento

O recente debate sobre o estado da Nación reflectiu un fondo divorcio entre o contido dos debates no Parlamento e as angueiras da cidadanía. É decepcionante a incapacidade das forzas parlamentares para acadar os consensos fundamentais que precisa este país, mais non deixa de ser certo que foi Feijóo quen rachou anteriores consensos e quen deconstruiu as políticas de prevención de lumes, mellora do medio rural, ampliación do benestar social  e potenciación das enerxías renovábeis do pasado goberno de coalición. Sendo certo tamén que a axenda dos Gobernos do PP é tan radical canto ás políticas de recurtes que é moi difícil que o electorado dos partidos da oposición sinta a mínima atracción  pola idea de pactar co Goberno.

O recente debate sobre o estado da Nación reflectiu un fondo divorcio entre o contido dos debates no Parlamento e as angueiras da cidadanía

Mais é inconcibíbel que PSdeG, AGE e BNG non sexan quen a se pór dacordo nunha axenda común ou, polo menos, nun conxunto de propostas comúns que lle ofrecer á cidadanía e coa que confrontar coa ausencia de proxecto da maioría absoluta do PP. É evidente que a alternativa ao PPdeG só pode ser multipolar. Pero semella que as forzas da oposición están a xogar ao xogo das cadeiras musicais, a ver quen fica fóra ou dentro. A ver quén mellora coa súa táctica a posición relativa entre as tres forzas opositoras, malia que cadanseus electorados obxectivos sexan moito máis compatíbeis entre si e pidan accións e propostas comúns.

É inconcibíbel que PSdeG, AGE e BNG non sexan quen a se pór dacordo nunha axenda común ou, polo menos, nun conxunto de propostas comúns que lle ofrecer á cidadanía

Fronte esta incapacidade, a cidadanía anda a artellar novas fórmulas para se facer ouvir. Velaí o suceso da Iniciativa Lexislativa Popular xurdida dunha comisión cidadá luguesa formada por persoeiros representantes da sociedade civil, entre eles o antigo alcalde Vicente Quiroga, que acadaron en poucas datas máis de vinte mil sinaturas para garantirlle a todas as cidades galegas os servizos de radioterapia e hemodinámica. Sen dúbida a sociedade vai moi por diante dos partidos e non vai agardar por eles.

Sen dúbida a sociedade vai moi por diante dos partidos e non vai agardar por eles

A brincadeira: Sen fotocopiadoras nos xulgados

Varios Xulgados da Coruña están sen fotocopiadora ou coa mesma avariada. Non se cobren as baixas por enfermidade  nin os días de feiras do persoal. O servizo resíntese, malia a dedicación xeralizada dos xuices e dos funcionarios. Os recurtes están a afogar a Administración de Xustiza.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.