E o 26? Que pasa o 26?

Se hai unhas datas no ano que teñen a facultade de descolocarme, e facer que me sinta mesmo fisicamente mal, son as que preceden ao 25 de novembro, e, lóxicamente, o propio “día D”.

Cada ano asisto, con perplexidade primeiro (porque sempre penso, tal vez inxenuamente, que o anterior tal vez fora o derradeiro), con indignación despois, para rematar con unha profunda tristura, a ese espectáculo ímpúdico, a ese alarde de notoriedade, que en van se tenta maquillar con unha pátina de solidaridade e de implicación, co que moitos dos que o resto do ano nin sequera pestanexan ante o feminicidio tan atroz que se cobra unha vítima tras outra, aproveitan para, coa excusa de “visibilizar”, situarse nos lugares estratéxicos e o mais preto posible dos “persoeiros” de mais enxundia, asegurándose así o seu sitio na foto, e, se pode ser, ascender un chanzo mais, ou todos cantos sexan posibles, na escala social,e, quen sabe? Pode que mesmo na profesional.

Xa desde os dias precedentes, e nunha especie de carreira de obstáculos, cada un destes personaxes comeza a xestar sua “posta en escena” aparcando por unhas datas a sua indiferencia, esa xélida indiferencia coa que ignoran a violencia de xénero, e, polo tanto, as suas vítimas, día tras día, para, cada quen a o seu xeito, asegurarse non pasar inadvertido nesa data no que hai ollos... E flashes, case que por cada recuncho da cidade... Polo menos nos recunchos mais significativos.

Hai desde quen se esmera en cultivar as relacións adoptadas, frecuentando os lugares ou eventos donde se pode dar a “coincidencia” de ter un afortunado encontro, ata quen, despois de ter o seu cerebro e a sua sensibilidade durante o resto do ano nun “dolce far niente”, de súpeto paren brillantes ideas que lles permitirán que todos os ollos os observen, xa que os seus talentos afroran como por arte de maxia, pasando por aqueles que ignorando o tremendo drama que representa a violencia machista o resto do ano, mesmo quen o ten ben pertiño, no seu propio entorno, se ven afectados por un acceso de implicación, que lles fai compoñer o xesto perfecto, a cabalo entre a dor e a emoción, e que durará o que dure o día, nin mais, nin menos.

A dor, a impotencia, o terror, que as mulleres maltratadas sufren todo o ano, as vidas coas que se saldan os asasinatos machistas, son tratados estos dias por moita desta xente como meros instrumentos de márketing

Non falta, por suposto, quen, aproveitando que as datas son  propicias, e as conciencias están un pouco mais removidas do habitual, decide embarcarse nun proxecto co que demostrar “a quen corresponda” que vai acadar todos os méritos para, o vindeiro ano, volver posar na foto, e ser xa alguien “de ben” e con peso na sociedade.

A dor, a impotencia, o terror, que as mulleres maltratadas sufren todo o ano, as vidas coas que se saldan os asasinatos machistas, son tratados estos dias por moita desta xente como meros instrumentos de márketing cos que vender un produto, o seu produto, a o mellor cliente, nunha campaña que o vintecinco de novembro se presenta oficialmente, agardando convencelo, e que así os inclúan na sua axenda VIP.

Hai quen realmente é quen de poñerse na pel das mulleres maltratadas, das suas crianzas, de sentir o seu medo, a sua impotencia, pero eses non estarán aí, posando na foto, nin codeándose coa xente mais representativa e de mais peso, nin organizando ningún espectáculo para deixarse ver. E sabedes por que?. Porque ese día, o vintecinco de novembro, estarán, como todos días do ano, traballando para tentar rematar coa violencia de xénero, para axudar, na medida do posible, a quen está a sufrila, porque os malos tratos, a dor, a anulación mais absoluta, non entenden de datas, e campan pola vida desas mulleres todo o ano, día a día, e minuto a minuto.

Visibilizar, manifestarse, non e malo, claro que non. O malo e facelo en proveito propio, utilizando como escusa o desgarro de tantas e tantas mulleres, ainda que sexa vintecinco de novembro, porque despois do vinte e cinco, chega o vinte e seis, e, que pasa o vinte e seis?.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.