É preciso o grupo galego

En Marea non se puido constituir como Grupo de seu no Congreso despois das eleccións estatais de decembro 2015 e xuño de 2016 por mor de cadansúa decisión manifestamente ilegal da Mesa da Cámara. Mais, fronte a decisións análogas que vetaron tamén o Grupo “A la Valenciana” (a coalición de Compromís con Podemos), os catro deputados valencianistas decidiron ficar como subgrupo no Grupo Mixto, nomeando voceiro a Joan Baldoví. Mentres En Marea decidía ficar no Grupo  Unidos Podemos-En Comù Podem-En Marea.

Hoxe é xeralmente coñecida a existencia dun grupo valenciano no Congreso e moi recoñecido Baldoví. Mentres, o labor e identidade da representación de En Marea no Congreso son relativamente descoñecidas. Descoñecemento que se agrava coa falla dunha portavocía permanente.

Velaí que Anxo Quintana definise hai dous meses En Marea no nível estatal como un proxecto de xente moi válida e ben intencionada, malia que “pouco útil para Galicia” arestora. E que moitas das persoas vencelladas a En Marea recoñezan que foi un erro non asumir a “opción Compromìs” para que Galicia tivese voz de seu no Congreso. Voz ques e acadaría mesmo que só fose seguida polos dous deputados de Anova.

Esta falla de voz galega en Madrid ten a súa orixe na fórmula electoral de En Marea nas eleccións estatais. Partido galego independente nas eleccións galegas de setembro de 2016, o espazo político de En Marea concorreu ás estatais, pola contra, como coalición entre Anova, EU e Podemos. Unha fórmula concibida polas dúas forzas estatais coaligadas para frear os  movementos de base que pulaban por unha Maré galega ao Congreso no verán e outono de 2015 e evitar, deste xeito, a participación da sociedade civil e dos independentes na fórmula electoral. Con estes antecedentes é normal que Luis Villares considere á coalición que agora propón Podemos para galegas e municipais como un claro retroceso.

Os neocentralistas de Ciudadanos están a definir a axenda política e isto alimentará a prevalencia da clave nacional e territorial. Por outra banda, a fórmula estatal de En Marea non serviu para defender os intereses galegos en Madrid. Para as seguintes eleccións cómpre acadar o Grupo Galego ampliando este espazo, que habería explorar a  converxencia  “á corsa” co BNG, Compromiso por Galicia e demáis forzas sen obediencia estatal.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.