En Marea e a agulla de marear

 “Somos qualquer coisa que se passa no intervalo de um espetáculo; por vezes, por certas portas, entrevemos o que talvez não seja senão cenário. Todo o mundo é confuso, como vozes na noite.” (Livro do desassossego, Fernando Pessoa).

A paisaxe política galaica é a perfecta silueta da cita da cabeceira: monótona e confusa, inexorabelmente inverniza, mercé á torpeza –ou talvez á mesquindade– dos líderes autóctonos, desposuídos da habelencia necesaria para axudarnos a gozar das sensuais tonalidades outonizas, ata o extremo de que, cando alguén se esforza en mostrárnolas, axiña se confabulan os outros para facelas pasar inadvertidas.

Pero, como a perversión tamén padece descoidos, ás veces a teimosía dos vagalumes esfuraca, dende o interior das moreas de follas secas amontoadas nos cadabullos da Gallaecia –repoboados con especies foráneas por “inguenieros” autóctonos– para acender o pabío dun candil que lle ensine o camiño aos que se empeñan en viaxar con paraugas, pero sen rumbo e sen facheiro, polo medio da escuridade invernal.

Aquí, nesta esquina da península ibérica, nunca deixaron de agromar tocagüevos con chapa vernácula, mangoneados á perfección dende a capital do reino, malia a longura, os arrodeos e a parsimonia das comunicacións que posuímos, para que atranquen con lousas as etapas vencidas, ata obrigar aos despistados a desandar o camiño, a fin de que a “España una y grande” poida dispor, de moca, de servidumes de paso cara as mareas do Atlántico –ou cara onde carallo lle pete!– aldraxando os verxeis desta terra, cada vez máis erma, máis desigual e, por suposto, menos galega e menos libre.  

Por iso, aínda que finalmente todo acabe tal e como estaba, o feito de que Luís Villares lidere unha proposta, con xente que pretende trocar En Marea nun espazo político máis galego e soberano, debería levarnos a ser algo menos exquisitos, e concederlle as gabanzas que merece, a ver se o chintófano de «Podemos-IU y otros» deixa dunha vez por todas de entoar popurrís madrileños, ataviados con aturuxos galegos.

Ah! Vexo ao meu tío Lisardo moi preocupado, vendo como Compostela Aberta e Marea Atlántica lle ceden o capital a Podemos, sen xuros nin fianza, conformándose con ser o “y otros” dunha franquía capitalina, na que Beiras só vai ter dereito a usar o wifi, en horario de oficina, para escoitar a sintonía dos YouTubes de Pablo Iglesias.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.