Endogamia política

Está de moda, que se lle vai facer, que os partidos políticos (non todos) adiquen tempo, esforzos e capital humano a solucionar problemas internos e a facer política de portas cara dentro, que terrible erro. Está instaurada hoxe, cada vez máis, a cultura do ego e do personalismo, por desgraza na nosa Galicia temos dous paradigmas deste feito: EN MAREA e o PSOE. Estes dous partidos levan preto de dous anos falando única e exclusivamente de si mesmos: primarias, procesos, congresos, plenarios... Percorrendo País para falar única e exclusivamente consigo mesmos, canto tempo perdido para o avance de Galicia. É máis grave se temos en conta que entre os dous suman 28 representantes na cámara dos galegos e galegas, que perda de potencial.

Ven ó caso, a frase de Stephen Jay Gould: “cando a xente non aprende a manexar as ferramentas do xuízo, e só se guía polas súas esperanzas, están sementadas as semillas da manipulación política”. A política ten que entenderse como un servizo á sociedade, hoxe por desgraza enténdese como un servizo ós partidos, e ás veces nin iso, un servizo persoal a tal ou cal líder de quenda.

É preciso un novo modelo de partido, un modelo de traballo coa sociedade de continuo contacto, un modelo que devolva a dignidade á acción política, a xente está cansa de ver novas que falan única e exclusivamente de accións partidarias, bandos, lideres ... e que se esquece dos seus problemas.

A falla de camiño destes partidos en Galicia só fai que medre a opción que máis seguridade transmite, un grave problema como Nación para nós, posto que a opción que tiña que medrar tiña que ser a que mellor solucións tivera para Galicia, a ver si dunha vez aprendemos que a política está para facer que a xente viva dignamente, con igualdade e con oportunidades.

Máis grave me parece a acción daqueles que viñan a mudalo todo, incluso a política de Pericles, e ó final son unha expresión do máis rancio sistema de partidos saídos da constitución e protexidos polo sistema.

Lembrade pois a Tomás Jefferson: “Cando alguén asume un cargo público, ten que considerarse a si mesmo, propiedade pública”

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.