Enmarea: proxecto transformador, proxecto nacional galego

Alianza das esquerdas e o nacionalismo, enmarea ou é un proxecto transformador radical da realidade e un proxecto nacional galego ou non chegará a ser. 

No 2012 AGE, acrónimo de Agrupación Galega de Esquerdas (coalición de Esquerda Unida e ANOVA) cruzou a raia, a posibilidade innomeable daquela de pacto do nacionalismo coa esquerda de matriz española. Cun liderado solvente, coñecido e rupturista, soubo sintonizar cos anhelos de cambio social e obtivo un resultado impensable na política galega, superando en moito ao BNG, tendo en conta que partía de cero, e ameazando ao PSOE. Nunca Esquerda Unida obtería un resultado semellante, nin en soños. E nunca ANOVA soa sería capaz de recoller o desencanto co BNG e superar a esta organización. Sen dúbida o efecto foi multiplicador.

Liderado, innovación política, corazón transformador e rupturista e pensamento en, desde e para Galiza colocaron a AGE con 200.828 votos e 9 escanos no Parlamento galego e como oposición máis nítida ao PP.

Desde o 2012 moito se moveu na política galega e española. A aparición de Podemos, das Mareas e as denominadas Confluencias noutros lugares do Estado desafiaron a orde constitucional vixente desde o franquismo, un atrevemento que o establishment non podía consentir. Só os múltiples erros e egos propios da autodenominada ‘nova política’, unidos ao ataque visceral desde o poder económico e mediático ralentizaron o crecemento destas opcións políticas.

De novo a innovación política xorde en Galiza coa fórmula de enmarea, non como coalición electoral de partidos senón como partido instrumental e de participación individual. Poderíamos dar un feixe de ‘a pesares’: un feixe de imprevisións, mala xestión electoral, elección tardía do candidato (descoñecido politicamente ata ese momento), creación exnovo para as eleccións galegas, desigualdade nas primarias para a elección das candidaturas, todo feito as présas, sen tempo a madurar nin a convivir. A pesar destes problemas, e máis, a expectativa de cambio e o acerto na estratexia de confluencia deron uns resultados que sitúan a enmarea como segunda forza (273.523 votos, 14 escanos), e co mundo e tempo por diante para converterse na alternativa que agora non soubo facer ver. Só a vitoria de Feijoo frustra a celebración destes resultados.

Este é un proxecto ilusionante, coa convivencia de todas as expresións políticas de cambio na esquerda galega, con tolerancia, unidas polo desexo de cambio social e de radicalidade democrática,   aceptando o ámbito nacional galego de decisión política e o dereito a decidir. Compartindo políticas coas forzas e movementos do cambio estatais. Coa cabeza en e para Galiza. Todas estas características (perfil enmarea) non se cuestionan nos documentos, mais agora terá que demostrar a súa vontade de realizalos.

Sería un engano para a cidadanía o despece nas partes, a intención de diferenciación das súas unidades organizadas. Un fraude intolerable. Probablemente unha decepción imperdoable. Nos últimos días apareceron as tentacións de novo dos diaños da división da esquerda, dos cainismos, da guerra sucia con filtracións á prensa. Non é o camiño. As bases deste chamado partido instrumental ansían unha construción en positivo, aportando todas a súa inmensa riqueza, desde os movementos sociais, desde a cultura, desde o sindicalismo plural,..., desde a singularidade de cada participante. Todo suma. Permitir florecer esta diversidade é complexo pero paga a pena intentalo. Agora toca estruturar esta nova organización, con respecto e buscando o consenso, explotando as súas grandes posibilidades de transformación da realidade tanto nas institucións como na rúa, con denuncia, con pensamento e con forza. Tecendo a alternativa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.