Escándalo

Simone de Beauvoir dicia que o máis escandaloso que ten o escándalo é que un se afai. Parapetándose na excusa da tradición, dos usos e dos costumes, o mundo ten sido gobernado por homes. O obxectivo sempre foi o mesmo: convertir ese predominio artificial nunha especie de normalidade. E abofé que o patriarcado acadou ese obxectivo.

Galiza construiuse grazas á forza das súas mulleres, mais tamén de costas a elas

O noso país nunca foi alleo a esa realidade. Galiza construiuse grazas á forza das súas mulleres, mais tamén de costas a elas. Nais e fillas que escribiron páxinas dos vieiros da historia da Galiza que posteriormente foron borradas por aqueles que obstaculizaban o proceso de liberación da muller. E así segue á acontecer na actualidade. Nesa Galiza idílica que parece existir só nos discursos de Feijoó, as mulleres vense notablement máis afectadas que os homes polo desemprego, no acceso e permanencia ao mercado de traballo, con evidentes consecuencias nas condicións laborais e con diferencias salariais. Son tamén as mulleres quenes primeiro abandoan o emprego para coidar dos seus dependentes (21%, segundo datos do IGE de 2010), e das meniñas e meniños (14,5%, IGE, 2010). Segue sendo a gravidez un motivo de despedimento cotián, e o  dereito ao aborto, que debía ser unha evidencia da vontade de cada muller que decida, ainda é  un motivo de loita. Vivimos nun mundo no que hai moito que cambiar.

Estudantes, desempregadas, avoas, viuvas, labregas, xornalistas, mariscadoras, enfermeiras e médicas, funcionarias, sindicalistas, autónomas, pequenas empresarias,  informáticas, caixeiras, dependentas, víctimas de violencia, conductoras, mestras, limpadoras, empregadas de fogar, comerciais, escritoras, e tantas outras, ven afogados os seus dereitos na maré da indiferencia e no contexto da dinámina antisocial que padecemos nos últimos tempos.

Dende o nacionalismo galego tratamos de contribuír a mudar esta situación con iniciativas e propostas que compriría reforzar ainda máis, tal como foi aprobado nunha resolución na pasada Asamblea Nacional. Por iso, tamén aqui, onde as mulleres galegas estamos representadas, ademais de formar parte da Comisión da Muller e Igualdade, a transversalidade de xénero está presente en todo o traballo político como eurodeputada. Nesta cámara somos 261 deputadas, o 34% do total, fronte a 493 deputados e só o grupo do que o BNG forma parte, Verdes-ALE, ten maioría de mulleres nos escanos europeos.

A naturalidade coa que se asume esta situación, tanto en Galiza como en Europa é, citando de novo a Simone de Beauvoir, o maior motivo de escándalo

A naturalidade coa que se asume esta situación, tanto en Galiza como en Europa é, citando de novo a Simone de Beauvoir, o maior motivo de escándalo. Por iso as mulleres temos que continuar traballando para concenciar sobre a igualdade e desterrar a discriminación por xénero, temos que continuar traballando para loitar contra a pasividade e as propostas esgamadoras, e temos que continuar traballando para que sexan promovidas políticas integrais e non se anulen máis dereitos. Aspiremos, pois, a trocar esta vergoña, e no nos afagamos a este escándalo que se produce todos os días.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.