Eslovenia, unha vía propia

Celebración da independencia eslovena ©

A vía eslovena foi oficialmente recoñecida por todos os estados membros da Comunidade Europea o 15 de xaneiro de 1992

A vía eslovena foi oficialmente recoñecida por todos os estados membros da Comunidade Europea o 15 de xaneiro de 1992. A nación nacente incorporaríase ás Nacións Unidas o 22 de maio. Pero o recoñecemento internacional, non aconteceu o 23 de decembro de 1990, cando celebra un referendo de autodeterminación, cun 92% de participación e un 95% de votos favorables. Referendo considerado ilegal, segundo os tribunais xudiciais de Belgrado.

É máis, en maio de 1991, a CEE ofrecíalle un tratado de asociación a Iugoslavia para evitar as independencias balcánicas. Ao tempo, James Baker, secretario de estado norteamericano advertíalle en xuño de 1991 a Croacia e Eslovenia, que non recoñecería a súa independencia, nin tampouco lles prestaría axuda económica. Desde Rusia, os apoios cara o unionismo serbio mantivéronse inalterables ata a fin do conflito.

Ata ese momento Europa mantíñase fiel á filosofía da Carta de París, aprobada pola Conferencia de Seguridade e Cooperación Europea, que defendía que tras da unificación alemá, non habería modificacións de fronteiras no continente.

Tampouco tivo lugar  o recoñecemento internacional,  O 25 de xuño de 1991, cando Eslovenia declaraba a independencia.

A declaración aconteceu un día antes da data inicialmente prevista e publicada. O tempo suficiente para facerse co control de todos os organismos públicos e infraestruturas

Unha xogada moi audaz, xa que a declaración aconteceu un día antes da data inicialmente prevista e publicada. O tempo suficiente para facerse co control de todos os organismos públicos e infraestruturas, sen tempo de reacción suficiente ás autoridades federais  para deter este control esloveno.

As potencias europeas non comprenderon a tempo a dimensión do conflito iugoslavo e a súa pasividade deu azos a Serbia, para considerar que tiña carta branca, e para utilizar o exército para dobregar   violentamente a vontade de independencia dos Eslovenos. O silencio e parálise das potencias occidentais favoreceu que o goberno federal e ás súas forzas armadas (JNA) tivesen claro que non ían respectar a vontade democrática dos eslovenos.

En Belgrado, mentres uns defendían unha operación militar a grande escala destinada a disolver o goberno esloveno e substituílo por un goberno militar iugoslavo, outros xenerais como Veljko Kadijević,  consideraban que abondaría cunha unha demostración de forza que faría recuar ao goberno esloveno para que  desistise das súas aspiracións independentistas.  Aínda que o debate se decantase cara as posicións máis moderadas, finalmente o exercito actuou por libre, tomando optando polas posicións máis duras.

O activismo da resistencia civil maioritaria e eficacia estratéxica das Forzas de Defensa Territorial decantaron en poucos días o equilibrio militar cara o control esloveno

O 26 de xuño de 1991 as unidades militares da JNA entran en Eslovenia coa intención de controlar o pasos fronteirizos con Italia e Austria, polo que circulaba o 40% dos intercambios comerciais da vella Iugoslavia, dando comezo ao que se coñecería como a “Guerra dos 10 días”. Ao día seguinte reximentos acorazados e brigadas antiaéreas e antiaéreas invaden Eslovenia coa intención de controlar os puntos estratéxicos. E nese mesmo día, o goberno esloveno  acordou, por unanimidade, resistir con todos os medios dispoñibles a embestida militar federal, organizando as chamadas Forzas de Defensa Territorial.

O activismo da resistencia civil maioritaria e eficacia estratéxica das Forzas de Defensa Territorial decantaron en poucos días o equilibrio militar cara o control esloveno dos centros estratéxicos e a neutralización das tropas federais.

Panorama bélico que, de súpeto, activou todas as alarmas das autoridades europeas e das potencias, que se apresuraron a apadriñar solucións políticas, para deter un conflito bélico que nunca debeu existir, se se tivese respectado a vontade democrática dos eslovenos.

Nos acordos de Brioni, que deu paso á paz, asumiuse o respecto ás fronteiras que só poderían modificarse por acordo mutuo, mediante procesos negociadores

Ao tempo, o fracaso do golpe de estado en Moscova deu paso ao nacemento  dun ronsel de novos estados na zona Oriental de Europa. Ben é verdade que Alemaña, mutilada na influencia continental, tras de 2ª Guerra mundial cobizaba estender a súa área de influencia cara aos países dos eslavos do sur. Particularmente cara a Croacia e Eslovenia, países cos que viña importantes vínculos migratorios e , sobre todo,  desenvolvera un considerable nivel de investimentos xermanos, mais tamén austríacos.

Nos acordos de Brioni, que deu paso á paz, asumiuse o respecto ás fronteiras que só poderían modificarse por acordo mutuo, mediante procesos negociadores. A Conformación dos novos Estados de Dereito deberían inspirarse nos principios da Nacións Unidas e da Acta Final de Helsinki. Por último, salvagardaba o respecto aos dereitos individuais e colectivos das minorías e dos grupos étnicos.

Durante a Guerra dos dez días perderon a vida ao redor de 60, persoas, houbo episodios escuros e repudiables, como na maioría das guerras. Unha guerra innecesaria, anacrónica e froito dun proxecto nacional unionista, onde os serbios pretendían a conformación da Gran Serbia, unha grande patria.

Que finalmente haxa unha solución democrática en Catalunya  vai depender, en grande parte, de que a diplomacia europea non siga a vía eslovena que adoptou na década dos 90

Moitas son as diferencias entre a Vía Eslovena e Catalunya (participación, porcentaxes a favor, organización e mando de tropas…). Ningún proceso é igual e cada un ten os seus tempos, ritmos e peculiaridades. Pero tamén é verdade que moitas son as coincidencias. Especialmente. a tensión entre unionismo e independentismo,  entre decisións democráticas e esmagamento militar ou policial, entre o corpus legal da unión e as soberanías dos territorios.

Que finalmente haxa unha solución democrática en Catalunya  vai depender, en grande parte, de que a diplomacia europea non siga a vía eslovena que adoptou na década dos 90.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.