España. En busca de un relato

Manuel Artime acaba de escribir un libro que hai que ler: España. En busca de un relato ( Ed. Dykinson.2016 ). No básico, a obra de Artime constitúe unha crítica do que poderiamos denominar a ideoloxía do actual modelo constitucional, nacido do texto do 78. Seguramente a besta negra que recorre o texto, o inimigo a bater, é Santos Juliá e, con el, a xeración de historiadores que tiveron e teñen a pretensión de “normalizar” a  Historia de España, construíndo o típico relato liberal, de raíz hegeliana, no que a sen razón, os elementos de violencia e absurdo que caracterizaron a historia nacional, se resolven en síntese apropiada, no moderno Estado democrático, epítome da luz e a vontade de concordia.

Ese relato normalizador racha coa idea, tan estendida no pasado, de que a Historia de España constituía unha anomalía europea, marcada polo peso da Monarquía e do Imperio, pola incapacidade de levar a cabo, en tempo e forma, a revolución burguesa. A Historia de España era a máis triste historia porque sempre acaba mal, deixou escrito Gil de Biedma. O poeta barcelonés non facía máis que darlle voz ao que foi o sentir común de xeracións sucesivas de españois que non puideron reconciliarse cun país atrasado, pasto do catolicismo tridentino, inimigo da Ilustración, cunha identidade fundada na expulsión de xudeus e mouriscos e na supremacía da cultura castelá –que non de Castela, subsumida no imperio-. Un país, en definitiva, merecedor da Lenda Negra que sempre acompañou, como unha sombra, o decurso español.

A pretensión de todos os que intentaron crear un proxecto de modernización de España foi, precisamente, romper con ese fado para europeizar, modernizar España. A xeración do 14, Azaña sobre todo, intentou levar a cabo, tardiamente, a través do impulso da República, o que outros non souberon ou non puideron levar a cabo antes, dado o peso das forzas reaccionarias, ultramontanas, absolutistas. Pero iso non significaba, senón que ao contrario, implicaba, recoñecer a singularidade española precisamente como faro e guía para construír un futuro posible. Non hai curación sen diagnose acertada.

A negación desa singularidade, a “normalización” da Historia de España é vista por Artime como unha forma de segar as opcións de futuro. Esa nesgada visión liberal constitúe un teito de cristal que oblitera os conflitos sociais, de xénero, nacionais, etcétera, que poderían fertilizar o horizonte de España. No fondo, ese relato “normalizador”, segundo o autor, o que ven é a consolidar a visión conservadora da Historia de España situando na clandestinidade a memoria dos liberais ditos exaltados, dos anceios republicanos e federais, da tradición anarquista, da vindicación feminista, dos esforzos vasco, catalán e galego polo autogoberno, etc., etc. En definitiva a España contemporánea apóiase sobre unha visión liberal solidaria da interpretación conservadora do pasado que ás veces incorre en aberto ou soterrado negacionismo dos elementos históricos non reintegrables ao relato dominante.

No entanto, outra España é posible. E esa España necesita reler o seu propio pasado á unha luz distinta da que nestes momentos é dominante ata o absurdo. A actual crise do modelo do 78 ofrece precisamente unha oportunidade de revisitar os lugares e os tropos  da tradición española. Non todo ha de ser Menéndez Pelayo e Menéndez Pidal, Cánovas e Sagasta. Tamén estiveron aí Blanco White e Ferrer i Guardia, Riego e Pi y Margall.. A liña imaxinaria que conduce de Modesto Lafuente a Juliá tal vez pon na sombra, en beneficio do mito da España reconciliada consigo mesma a memoria de posibilidades alternativas que non chegaron a consolidarse pero que non por iso deixan de ser fitos importantes sobre os que reconstruír o Templo no que se preserva a conciencia do que aínda pode chegar a ser.

Manuel Artime, con España. En busca de un relato súmase a aqueles que buscan refacer a identidade española. É un libro que pode compararse en amplitude de mirada e lucidez ao reputado libro de Álvarez Junco Mater Dolorosa. La idea de España en el siglo XIX. A maneira en que Artime encara o rastro  de España como problema no XIX é primeira metade do XX, ata a República, é orixinal e innovadora, e contribúe a sentar as bases dunha historiografía crítica, en definitiva dunha reavaliación do pasado. Pero a orixinalidade de Artime radica en que se atreve a repasar as pegadas que nos levan ata hoxe mesmo. A súa mirada esténdese polos confíns da oposición intelectual e política ao franquismo e tamén da transición. Pero parte do cerne do seu libro radica na crítica á idea de España asentada hoxe mesmo..en España. É un atrevemento que tal vez lle pase factura na comunidade dos historiadores, politólogos e filósofos que se ocupan de poñer cancelas entre o que está admitido e non o está, nin pode ou debe estalo.

Hai que consignar, polo demais, que, como puxo de relevo Álvarez Junco, el mesmo expresión dun liberalismo español contemporáneo, o nacionalismo español que foi rexeneracionista e modernizador no XIX transformouse, en grande medida, nun movemento reactivo que incorporou como finalidade substantiva a oposición aos nacionalismos subestatais. Borja de Riquer e Nuñez Seixas teñen descrito como ese  nacionalismo deveu conservador e unitario, autoritario e militarista. Primo de Rivera e Franco son os nomes que encarnan esa transformación. O período democrático modificou, por suposto, os termos desa ecuación sen que fose posible, polo momento, un relato nacional español integrador, á maneira Helvética, das diferenzas internas. Ao contrario, ás veces parecería que se renova a tese do “inimigo interior”, por non falar directamente da Anti-España.

No campo da historia poden atoparse nas librerías españolas un cento de libros que denuncian, alporizados, os mitos e fábulas que fundan os nacionalismos sub-estatais, por non falar da ración diaria de improperios que poden lerse todos os días nos xornais ou escoitarse nas radios e televisións para solaz do seu patriótico público, que se sinte así confortado na súa desolación ante a falta de periférico pudor.

Con todo, pouco a pouco outro factor estase poñendo no foco: a Unión Europea. Unha certa idea da nación española ten que confrontarse agora coa perda de soberanía non pola competencia dos nacionalismos subestatais senón polo modo en que o neoliberalismo encarnado na UE baleira o poder do Estado. A inexistencia dunha moeda española pon a España aos pés do BCE e, en definitiva, de Berlín. O soberanismo español non ten hoxe peso, ao contrario do que en Francia, onde ten gañado a batalla intelectual, pero cabe pensar que ten futuro se as condicións de vida da poboación seguen caendo costa abaixo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.