Eu non entendo esta xentiña!

A verdade, non entendo esta xente. Manifestacións, folgas, paróns, peches, etc. para reclamar traballo!? Despois de estar toda a vida loitando por cumprir un soño: vivir sen traballar. E piden traballo!? Que alguén me explique isto. Cando se gañou máis estando na casa sen facer nada ou cobrando unha axuda do INEM ca indo a traballar. Cando!?

Temos uns presidentes excelentes. Tanto Alberto Núñez Feijoo como Mariano Rajoy esfórzanse, todos os días, polo pleno desemprego, pola honradez do seu partido e polo noso benestar

Temos uns presidentes excelentes. Tanto Alberto Núñez Feijoo como Mariano Rajoy esfórzanse, todos os días, polo pleno desemprego, pola honradez do seu partido e polo noso benestar. É digno de admirar, ou non? Iso ningún presidente ou presidenta (como vemos, neste país, cúmprese a Lei de paridade) o fixo nunca por nós ata o de agora.

Hogano, a xente nova quere traballar e ter fillos. Para que? Para ter que mantelos, para ter que envialos a uns centros de ensino precarios nos que os maleducan e, aínda por riba, se se che poñen gallitos, non lles poder pór a man enriba porque é maltrato. En fin! Pensade un pouco. Por favor! Non sexades tan egoístas. Ademais, para aforrar, o mellor é non ter gastos e os fillos comen, visten e piden sempre. Sempre, sempre. Lembrade que fillos criados, traballos dobrados.

Asemade, a maioría desta mocidade incluso emigra por traballar. Eu alucino. Vaia, vaia, a onde chega a ignorancia e o vicio. Pero xa o dicía miña avoa, a cabra co vicio dá co corno no cu. Hai que deixalos andar. Tempo ao tempo. Ademais, agora os mozos e mozas ou non se independizan ou, de facelo, volven para a casa de novo. E, cando os que quedan na casa chegan a unha idade ou os que se foron veñen de volta, tes que manter fillos, noras e netos. Iso si, menos mal que os nosos presidentes xa pensaron niso e aínda lles manteñen as paguiñas aos velliños. Hai quen pensa que o fan por truco electoral e que os fillos só acaban arrimándose aos vellos por diñeiro. Que mala hostia teñen! O que é a envexa.

Ademais, nunca tan pouca xente enferma houbo. Vivimos nunha sociedade totalmente sa. Agora a xente non se pon enferma, nin pode nin ten tempo para iso. Ademais, debemos ser prácticos e, de facelo, non tería a onde se ir curar

Ademais, nunca tan pouca xente enferma houbo. Vivimos nunha sociedade totalmente sa. Agora a xente non se pon enferma, nin pode nin ten tempo para iso. Ademais, debemos ser prácticos e, de facelo, non tería a onde se ir curar. Pero iso é bo. Había moito vicio. A xente vivía por riba das súas posibilidades. Agora, dende que subiron os medicamentos, a xente pensa máis o de pórse enferma e consome menos menciñas. Acaso isto non é bo?

Con todo este panorama, non pensades igual ca min, que a xente se queixa de vicio?

Outro aspecto positivo desta situación é que comemos menos e iso fainos ben. Si si, e é moi saudable. Dende o 2009 descenderon os índices de obesidade e de exceso de peso dos galegos que malgastaban innúmeras cantidades de diñeiro en tanta festa gastronómica. E, actualmente, os galegos pican menos entre horas; teñen máis cousas nas que pensar; como no WhatsApp, no Telegram ou no Galegram. Que son realmente os que lles dan sentido ás súas vidas os que lles ocupan o tempo. Grazas teléfonos intelixentes, se non fose por vós…! Que sería das nosas vidas!

Con todo este panorama, non pensades igual ca min, que a xente se queixa de vicio? Como di meu pais: Ai, se Franco levantase a cabeza. Canta tundiña!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.