Fascismo e postfascismo

Conferencia de Santiago Abascal na Coruña, en maio de 2018 CC-BY-SA Contando Estrelas

Os resultados das recentes eleccións autonómicas en Andalucía provocaron un terremoto político no Estado español, historicamente propenso a sobresaltos extremos: sublevacións militares, golpes de estado, ditaduras, sucesións rápidas de goberno, cambios de réxime e guerras internas e externas. Algúns asustáronse diante a posibilidade da reimplantación do fascismo ou do empoderamento do postfascismo. Perdura na sociedade hispana un extraordinario descoñecemento de súa historia, cando non un consciente desprezo cara ela. Por iso está condenada a repetila, senón a modo de sainete flamenquizado, como diría o galeguista Plácido Castro, polo menos a xeito de farsa dramatizada ou, Deus non o queira, de maneira tráxica ou cordialmente xélida, como advertía Antonio Machado en Campos de Castilla:”

Españolito que vienes 

al mundo te guarde Dios. 

Una de las dos Españas 

ha de helarte el corazón”.

Os historiadores, por lóxico imperativo do rigor académico e por esixencia ética da profesión, necesitamos un certo período de sedimentación cronolóxica para analizar con imparcialidade, seriedade e honradez as estruturas, conxunturas e acontecementos. Estes, ademais, no mundo cambiante actual da “modernidade líquida” (Bauman) sucédense vertixinosamente. Por elo, pasadas algunhas semanas dos comicios, atrévome a realizar unha breve excursión analítica das causas e do contexto, non tanto das consecuencias, desde unha perspectiva histórica.

Os fascismos coas súas diferentes variantes máis o menos ríxidas (nazismo alemán, fascismo italiano, falanxismo hispano e outros de segundo rango que no gozaron do mel do poder) naceron no período de entreguerras, entre a I e a II mundiais (1918-1939), dentro dun panorama caracterizado por unha depresión económica xeneralizada, que tivo como episodio máis significativo o crack de 1929. Iniciouse nos EEUU e trasladouse axiña a Europa, coas súas conseguintes derivacións sociais negativas (paro, conflitos, folgas) nunha época como aquela carente de sistemas de socorro mutualista. No plano político traduciuse nun debilitamento e inestabilidade das democracias liberais e a aparición de opcións extremas como as Frontes Populares e os fascismos. Estes últimos xurdiron dentro das democracias tradicionais a mediante o trunfo nos comicios electorais (casos evidentes de Hitler e Mussolini) e camuflados coa bandeira de promesas radicais de cariz social e de defensa dos intereses nacionalestatais, de aí súa denominación primixenia de nacionalsocialismo. Isto explica a importante adhesión das clases populares, seducidas polo reclamo de semellantes promesas. As dereitas, os truts industriais e os grupos financeiros (algúns de eles en mans de xudeus) ou miraron para outro lado ou apoiaron abertamente os fascismos emerxentes, en gran medida co obxectivo de frear o movemento obreiro. Tampouco convén esquecer que en no abrollo do fascismo máis virulento, o nazismo, influíu extraordinariamente a mala xestión da vitoria sobre Alemaña na Gran Guerra do 14. Foi sometida no Tratado de Versalles a unhas onerosas condicións, creando un clima que alimentou unha enorme avidez de desquite. Ensinanza: o vencido no pode ser humillado até os xeonllos, pois e a mellor sementeira da vinganza.

No Estado español as dereitas trunfaron nas eleccións xerais do 19 de novembro de 1933 , mais a vitoria da Fronte Popular en febreiro de 1936 decantounas claramente para recuperar o poder polo camiño da sublevación. Nela estaba implicado en maior ou menor medida todo o espectro das dereitas: CEDA, Partido Radical, Tradicionalistas, Acción Popular, Integristas, Partido Agrario, Falanxe, Renovación Española, Partido Nacionalista Español del Dr. Albiñana etc. Coa conivencia imprescindible de unha parte relevante do exército e a cobertura ideolóxica da xerarquía eclesiástica, xuntos a pólvora e o incenso, consumaron o levantamento do 18 de xullo de 1936 contra o réxime democrático republicano, lexitimamente constituído. Una guerra civil de tres años asolou a pel do touro. Saldouse con numerosos mortos por enfrontamento directo e con unha intensa represión posterior. Esta alcanzou a máis de 150.000 asasinados, moitos deles en fosas comúns aínda pechadas, sen mencionar a terrorífica ditadura de 40 anos, que algúns padecemos xa no seu ocaso tamén bañado en sangue. Tan axiña como rematou a guerra “civil, incivil e pluscuancivil” española Europa converteuse nun inmenso campo de batalla, a II Guerra Mundial, onde dirimiron a hexemonía dúas forzas encontradas: o fascismo fronte a alianza pasaxeira das democracias occidentais e o comunismo oriental.

Os postfascismos actuais son herdeiros en certa maneira dos fascismo históricos, pero estaban enmascarados baixo o manto da dereita tradicional, mais esta adoptou nos últimos anos novas caras, emerxendo os fascismos solapados. Este feito está maxistralmente analizado polo historiador italiano Enzo Traverso nun ensaio, publicado este mesmo ano pola editorial Anagrama. Abrollou unha ultradereita postfascista, con sedimentación tradicional fascista, pero incorporou elementos novos ou/e acentuou outros, extraendo a súa vitalidade da crise económica e da debilidade das democracias liberais que impulsaron ás clases populares cara a abstención. Hai que ter en conta, ademais, que as esquerdas non souberon ou non puideron plantarlle cara a este reto . Iso é tamén unha consecuencia da derrota das revolucións do século XX e do eclipse do movemento obreiro como suxeito da vida social e política.

No Estado español é nidia a supervivencia dun substrato sociolóxico e ideolóxico franquista, disposto a aventar as súas brasas ao sopro dun vento propicio ou dun acontecemento favorable, como se pode observar na andaina do procés catalán, do caso do pazo de Meirás ou na exhumación dos restos do Perenne. Si a isto engadimos outros ingredientes na cocteleira o resultado da apócema pode ser explosivo. Estes son algúns dos compoñentes da forraxe que alimenta o postfsacismo:

-A crise económica e as súas consecuencias sociais: alto índice de paro, que depauperou as condicións de vida das clases máis desfavorecidas, incrementou a desigualdade e as bolsas de pobreza e afectou negativamente, incluso, á clase media baixa.

-A influencia dos medios de comunicación, que consciente ou inconscientemente, algúns coa pretensión de escorrentar os posibles fantasmas e outros chamándoos adrede serviron de eco para a súa aparición e espallamento. Puido acontecer como no caso das meigas, ninguén cree nelas, pero habelas, hainas. No proceso de bruxería de Zugarramurdi a comezos do século XVII o inquisidor Alonso de Salazar advertiu con bo criterio que canto máis de falaba delas, máis aparecían.

-O esgotamento do modelo territorial do Estado español, ab initio mal configurado mediante o sistema de “café para todos”, coa intención de drogar as reivindicacións das nacións periféricas históricas. Está emerxendo a crúa realidade plurinacional, a existencia de catro nacións, unha hexemónica empoleirada en Estado absorbente. Os estatutos de autonomía concedidos a regañadentes, con transferencias adiadas a perpetuidade ou cepilladas mediante procedementos xurídicos, non están resultando, como algúns pretendían, o opio das nacións sen estado. A reaparición manipulada e adrede magnificada da fractura da unidade española, tema tabú, pois nin a dereita nin a esquerda españolas asumiron a plurinacionalidade do Estado.

-A utilización perversa e maniquea de castróns expiatorios: os inmigrantes e as accións terroristas do yihadismo violento, ampliadas ao colectivo islámico.

-El efecto contaxio en un mundo globalizado como o actual de outros movementos ultradereitistas internacionais semelalntes: en Francia, Alemania, Holanda, Dinamarca, Austria, Polonia, Rusia, Italia, Hungría, EEUU, Brasil, Austria.

-A debilidade das democracias occidentais liberais, sometidas a un nacionalismo estatal exacerbado e a non consolidación e ruptura do proxecto europeo, convertido nun puro espacio enfrontado de mercadores, con escasa sensibilidade social e un déficit claro de humanismo, adoito oco e hipócrita.

-A aparición de caudillaxes e liderazgos impresentables: en EEUU, Italia, Hungría, Rusia, Brasil, Turquía, Arabia Saudí, Corea del Norte, Filipinas etc. Os personaxes que se ofrecen nos escaparates da opinión e xestión pública son, salvo raras excepcións, espellos rotos, histriónicos, vociferantes, mordaces compulsivos, desmesuradamente locuaces, glotosucios, sementadores de odios e medos, desprezadores do débil e do diferente, autoritarios, desvergonzados e amorais.

-A desorientación das esquerdas antigas e emerxentes, viciadas polos vellos defectos dos partidos tradicionais e carentes de iniciativas cribles, tanxibles e factibles.

-A disolución de valores morais xebres, a inundación da modernidade líquida, a volatilidade efémera e a difusión da ética conxuntural da conveniencia fronte a estrutural dos principios.

- A reaparición da iconografía probélica: o retrato de Franco a cabalo, realizado polo pincel de Alvarez de Sotomayor, transmutouse nun novo Cid Campeador ou Guerreiro do Antifaz, cabalgando pola campía andaluza en gozosa reconquista, nesta ocasión de Sur a Norte.

La ultradereita sacou o seu periscopio á superficie. So se funde o submarino con cargas preventivas de profundidade sociais, políticas e económicas, que destrúan as causas da doenza e non so alivien os síntomas.

Tomar a broma este problema ou non facer nada é a súa mellor arma e o comezo da súa vitoria. Ven como anelo ao dedo o poema del pastor luterano Martín Niemöller, escrito co gallo do nazismo:

Cando os nazis viñeron a buscar ós comunistas, 

gardei silencio, porque eu non era comunista.
Cando encarceraron aos socialdemócratas, 
gardei silencio, porque eu non era socialdemócrata. 
Cando viñeron a buscar ós sindicalistas, 
non protestei, porque eu non era sindicalista.
Cando viñeron a buscar aos xudeus, 
non pronunciei palabra, porque eu non era xudeu. 
Cando finalmente viñeron a buscarme a min.
non había ninguén máis que puidera protestar.” 

Steve Bannon, ex-asesor e ex-jefe de campaña de Donald Trump, director o xornal dixital de extrema dereita Breitbart News, banqueiro e inversor de Goldman Sachs, traballa en Bruxelas con unha equipa para converter Europa nun grande espacio de organizacións posfascistas, ben financiadas e aliadas entre si.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.