Financiamento autonómico: pleno emprego, benestar social e equilibrio territorial

Se atendemos a unhas recentes declaracións da Ministra de Facenda (María Jesús Montero) sobre a intención gobernamental de aumentar a participación das Comunidades Autónomas na recadación de impostos poderíamos pensar que o novo goberno español (PSOE) quere poñer fin as incoherencias e desequilibrios que, nos derraderos tempos, caracterizaron o sistema de financiamento autonómico. Benvidas sexan as novas intencións especialmente se camiñan na dirección tanto de aumentar a autonomía e a corresponsabilidade financeiras das CCAA como de incrementar a equidade e suficiencia do sistema. Nembargante, a teima por manter o teito de gasto, un gasto que se manifesta claramente insuficiente, sementa algunhas dúbidas sobre o alcance de aquelas intencións xa que, como vimos todos estes anos, esa opción fiscal neoliberal leva ás comunidades autónomas á soster unha loita polo reparto duns fondos insuficientes cando o que se precisa é incrementalos substancialmente.

Dado que en España os recursos financeiros con que conta unha comunidade autónoma repártense entre impostos, transferencias niveladoras e subvencións o financiamento autonómico e a política fiscal aparecen así intimamente avencellados. Impostos e transferencias, quen deben cubrilo financiamento dos servizos de carácter básico, que ao longo dos anos tiveron en Galicia unha evolución dispar xa que mentres houbo un incremento relevante dos ingresos por tributos (entre un 35% e un 45%) deuse unha caída non menos importante dos ingresos por transferencias (entre un 32% e un 50%). Un incremento do peso dos ingresos por tributos que si ben supuxo unha maior autonomía fiscal non foi quen de evitar unha caída nos ingresos públicos do 12,5%.

Neste marco aumentar a participación das Comunidades Autónomas na recadación de impostos suporía incrementar notablemente a autonomía e a corresponsabilidade fiscal de comunidades que dependen tanto da xestión dos impostos propios como da participación nos impostos cedidos. Un grande avance na descentralización fiscal que sería maior si ademais tal participación na recadación de tributos vai acompañada da posta en marcha dunha auténtica Axencia Tributaria Autonómica que sexa quen tanto de corresponsabilizarse da xestión tributaria no territorio galego como de coordinarse eficazmente co Axencia Tributaria española. Estariamos así diante dunha importante descentralización do sistema tributario español, actualmente moi centralizado, que abriría a porta a unha mais que notable ampliación do espazo fiscal autonómico.

Pero para camiñar realmente na dobre dirección dunha maior autonomía e corresponsabilidade fiscal das comunidades autónomas e unha maior equidade e suficiencia do sistema de financiamento autonómico non basta con aumentar a participación das Comunidades Autónomas na recadación de impostos. Para conseguir tales obxectivos fiscais é necesario ademais proceder a unha profunda reforma fiscal que sexa quen tanto de reducir a elevadísima fraude fiscal como de eliminar o actual desequilibrio no tratamento fiscal entre as rendas do traballo e as rendas de capital.

Velaí unha reivindicación política que deberan liderar as esquerdas galegas a carón das propostas do Ministerio de Facenda. Non só aumentar a participación da Comunidade Autónoma Galega na recadación de impostos senón tamén avanzar decididamente na descentralización do sistema cara unha maior participación da administración autonómica na xestión tributaria. Unha maior participación para que será preciso tanto contar con maiores competencias fiscais como con unha meirande capacidade de seguimento e control dos suxeitos declarantes para así ter unha maior participación tanto na loita contra a fraude fiscal como na procura dun sistema que presente un maior equilibrio no tratamento fiscal das rendas do traballo e do capital. Participación moi importante xa que, por caso, na loita contra a fraude fiscal as administracións autonómicas gozan de mais vantaxes dada a súa maior proximidade e coñecemento dos suxeitos pasivos.

Medidas fiscais desta natureza permitirían aumentalos recursos propios e reducir o moi elevado grado de dependencia financeira de Galiza. Unha dependencia financeira -vía transferencias directas quen, a súa vez, dependen dos Orzamentos do Estado- que limita enormemente a capacidade política da Xunta de Galicia para poñer en practica políticas públicas que tanto procuren o pleno emprego como o desenrolo do estado de benestar. Obxectivos xa de seu moi castigados polas durísimas políticas de axuste fiscal que a actual Xunta de Galiza, con A. Núñez Feijoo ao fronte, ven aplicando en Galiza nesta última década. Políticas austericidas que sumadas a citada dependencia financeira contribuíron decisivamente a disparar a débeda pública de Galiza.

Unha situación que demanda urxencia na reforma do actual sistema de financiamento autonómico. Retrasala á vindeira lexislatura –como ven de anunciar o presidente Pedro Sánchez- non debería ser aceptable para a esquerda galega. Retrasar a reforma do sistema de financiamento autonómico e retrasar, especialmente para comunidades como Galicia, a procura de obxectivos como o pleno emprego, o desenrolo do estado de benestar e o equilibrio territorial.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.