Había unha vez dúas Caixas

“Corría o ano 2009 da nosa era...” Así comezaba o inmenso César Vidal o seu programa La Linterna na COPE. Foi a época dourada da cadea radiofónica, flaxelo de socialistas, nacionalistas e marianistas: Jiménez Losantos disparaba pola mañá cedo e xa no solpor, César ía rematando os feridos aínda vivos. En España reinaba o pérfido Zapatero, e na Galiza un tal Feijóo recuperaba o trono de don Manuel, usurpado durante catro anos polas hordas nacionalsocialistas, e iniciaba así para o seu partido a reconquista do sentido común para o resto do territorio estatal. Un dos primeiros problemas cos que se atopou Feijóo foi o das dúas grandes caixas galegas. Caixa Galicia e Caixa Nova libraban unha loita pola supervivencia e, desbotado un futuro en solitario pola súa precariedade patrimonial, barallaban fusión quentes e frías antes de ser papadas por algún peso pesado das finanzas.

Corría o ano 2009..., aí por Novembro, cando o intelectual orgánico Xosé Carlos Caneiro escribía en La Voz (non confundir co programa concurso de TV): “...Por eso afirmo que Feijoo ha cumplido el papel que todos esperamos de él: liderar un proceso que debe conducir a la fusión de las cajas para que además de solvente la nueva entidad siga siendo, enfatizo con vehemencia, una caja nuestra...” E mandou un recado: “ ...(Feijóo) ha mostrado y demostrado que ahora es presidente de la Xunta, ese lugar donde hace pocos meses convivían dos presidentes y dos modos de gobernar. Quizá todo haya sido una fascinante prestidigitación de un mago de la política, una temporal ilusión. La ciudadanía quiere creer que no. Desea un presidente que aliente el futuro de la mayoría y que tenga el bien común por bandera.” (Feijóo entre financieros, 27-11-2009) Por suposto, e como non podía ser doutro xeito (expresión que se puxo de moda en política), Feijóo tomou nota e apostou pola fusión das dúas caixas galegas. Ademais do ditame favorable de Caneiro, encargou a KPGM unha auditoría que concluíra a procedencia da fusión, previo pagamento dun millón de euros, IVE engadido.

Corría o ano 2010..., aí por Xaneiro, cando o presidente Feijóo declarou que a aposta pola fusión de ámbalas dúas caixas non era un capricho nin unha mera opinión, senón que unha auditoría externa avalaba a súa viabilidade, que Galiza estaba ante a oportunidade histórica de constituír unha caixa única, a cal sería a quinta de España en 2012 por volume de activos. “El Gobierno ha hecho un trabajo serio y con rigor. Si aprovechamos la oportunidad, el pueblo lo agrederá; si no, lo reclamará”, declarou o Presidente, todo cheo el de razón e transcendencia. (La Opinión, 21-01-2010) E como queira que o patrón de Caixa Nova, o señor Gayoso, quería quedar por riba do de Caixa Galicia, o intelectual orgánico volveu mandar recados: “...Gayoso actúa contra toda lógica. La lógica de la ponderación y de la naturaleza. Sus exigencias de prevalencia, con setenta y ocho años, son injustas. Quien lo apoye está dinamitando el porvenir de los gallegos y, por permisibles que sean las estrategias políticas de desgaste del contrario, está actuando de modo artero contra el interés general. El presidente Feijoo, a quien supongo sentido común, debe exigir que se imponga la cordura. Exigir, reitero.” (La fusión y la cordura, 03-05-2010).

Corre xa o ano 2017..., aínda por Xaneiro. A fusión consumouse, a entidade resultante foi nacionalizada cun burato de nove mil millóns de euros, e logo vendida a prezo de saldo a un banqueiro da Venezuela chavista; Marta F. Currás, a conselleira de Facenda, foi premiada cunha Secretaría de Estado no primeiro goberno Rajoy; Caneiro foi nomeado pola Xunta membro do padroado da Fundación de ABANCA, e Feijóo saíu reelixido hai nada presidente de Galiza. Aquí paz e despois gloria! Todos somos moi listos despois de que pasen as cousas, poderame retrucar O Equilibrista.

Certo, leva moita razón, pero un sempre vai ser escravo das súa palabras. Ou debería. Isto escribía eu no mítico Vieiros, no 2009: “ Se non hai buratos negros, Caixa Galicia e Caixanova poden seguir a súa andaina cada unha cos seus propios pés. E se hai buratos, as fusións correrán un tupido veo sobre deles e os causantes salvarán o pelexo sen o correspondente castigo. Por eso non me gustan as fusións amañadas dende arriba. E o que si non me quita o sono é a perda da galeguidade das nosas caixas. Hai xa tempo que os cartos voan ceibes por riba das nosas cabezas sen importar que ventos os traen nin que ventos os levan.” (A mosca xaxá e mailo gobernador, 21-11-2009) Nestes días soubemos da entrada na cadea de cinco prebostes da entidade fusionada, entre eles o vello prepotente de Caixanova. Porén, o lambido José Luís Méndez, máximo responsable da desfeita de Caixa Galicia, está a gastar os 18 millóns de indemnización polo bo traballo feito.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.