Hai Nación?

O pasado martes, no debate do estado da Nación do Parlamento Galego, o Presidente Feijóo renunciaba explicitamente á reclamación de máis autogoberno para Galiza, manifestábase non só resignado, satisfeito ante o devalo do protagonismo galego na axenda estatal, tan crucial nos tempos de mudanza constitucional que se aveciñan. Como contraste, uns días antes escoitara a Anxo Quintana en Ourense facer un chamamento á galeguización da política galega para mellorar a nosa posición institucional, reclamar máis autogoberno  e combater este devalo. Debo recoñecer que vexo con certa tristeza nos últimos tempos, como voces cualificadas e que sinto moi próximas consideran secundaria a reclamación de autogoberno ante o actual estado de emerxencia e deterioro social e económico do País, argumentando que non hai demanda social, que a xente galega está noutra cousa.

Concordo en que non parece haber hoxe una ‘demanda social’ de nación/identidade en Galiza pero non sei se atribuílo ao deterioro das condicións de vida.  Cunha situación social de empobrecemento e crise semellante haina en Cataluña, haina en Escocia. Non parece por tanto ser a situación social o que provoca esa suposta falta de demanda de máis autogoberno. Sería a interpretación e as alternativas que a cidadanía incorpora ao 'sentido común' como solución á crise o que nos diferencia. En Cataluña deron en escoller a interpretación 'España ten a culpa'. Detrás desa interpretación hai, ademais dunha historia de auto organización, feitos que a respaldan (o agravio do Estatut, o catalán nas escolas, o tema da financiación, non nos deixan votar...) un traballo de partidos e movementos na elaboración dese relato (acordos parlamentares moi amplos) e hai tamén intereses menos decentes (de CIU para esconder as súas responsabilidades nos recortes...) que conflúen nun cambio na conciencia social, un novo sentido común que se instala nas conciencias e que fai ver como desexable, como solución, algo que poucos anos antes ficaba fora dos límites do posible. Non é que a sociedade mudou e os partidos se adaptan, é que os partidos colaboraron e promoveron a construción dun cambio na conciencia social, no relato das causas dos problemas e das solucións. Cal é o relato en Galiza?

Como nacionalista creo que os problemas estruturais de Galiza son consecuencia da nosa dependencia nacional, que ningún goberno español, por moi de esquerdas e demócrata que sexa lles vai poder dar solución

Como nacionalista creo que os problemas estruturais de Galiza son consecuencia da nosa dependencia nacional, que ningún goberno español, por moi de esquerdas e demócrata que sexa lles vai poder dar solución. Creo que é unha trampa pensar que se pode avanzar na resolución destes problemas, ocultando a contradición que está na súa base: que a nosa estrutura produtiva, económica e social, os nosos intereses e prioridades son diferentes aos de España, que cando entran en contradición sempre levamos as de perder, e que en Galiza eses problemas non terán solución se non é dende o autogoberno, que para nós a alternativa ao autogoberno é a destrución. E non teño que abandonar as propostas dirixidas á maioría social para reclamar máis autogoberno, fíxose compatible no pasado, con nacionalismo galego na Xunta, faise dende os gobernos nacionalistas dos concellos, exemplo dunha combinación que mellora as condicións de vida da xente ao tempo que avanza na conciencia nacional.

Resulta difícil medir a 'conciencia nacional'. Alén da defensa racional dos intereses obxectivos, na globalización, na crise, as persoas aferrámonos a identidades fortes, algo superior e colectivo que proporciona seguridade e confianza, que sobarda as análises racionais e conecta coa nosa parte emocional. Se a política que pensa na xente non proporciona unha identidade forte, vaino facer a ultradereita ou o deporte ou a relixión ou outra cousa. O novo patriotismo do que fala Podemos para o reino de españa e ERC para o estado catalán apelan a esa necesidade humana de identidade colectiva. Aquel 'Un País Novo' do BNG, o 'Yes Scotland' do SNP, a ‘Vía Catalana’ da ANC... son esforzos para construír un camiño colectivo orientado ao futuro, un proxecto nacional máis ambicioso que a defensa da lingua e das tradicións, unha identidade forte e confiable, integradora, construída sobre as fortalezas e os vínculos preexistentes na sociedade non sobre as debilidades nin a exclusión. Que as identidades non son a solución dos problemas de todo o mundo? Claro, nada o é. Proporcionan unha oportunidade de facer algo diferente, mobilizan á poboación, dan opcións para o cambio, para ese cambio que mellore as condicións de vida do 99%.

Este ano o Depor sacou unha segunda equipación coa bandeira galega, o colapso de ventas fixo que houbera lista de espera para mercala, na crise, coa segunda equipación ... que move esas ventas? eu digo a Identidade.

Este ano o Depor sacou unha segunda equipación coa bandeira galega, o colapso de ventas fixo que houbera lista de espera para mercala, na crise, coa segunda equipación ... que move esas ventas? eu digo a Identidade. Nalgunhas ocasións esa conexión fluída case gasosa, identitaria, solidifícase e faise visible. Polas mesmas veas que o orgullo do centenariazo corre a confianza do voltaremos, o compromiso dos 15000 abonos ou o ánimo de seguir indo ao campo animar, aínda pechando a clasificación. Cando o sentimento identitario agroma, ten máis forza que calquera cálculo ou racionalización. As maiores mobilizacións cidadás políticas no noso País estiveron ligadas á identidade: Aldraxe, Prestige … reaccionando ante ataques de fora. Avecíñase unha reforma da Constitución e por terceira vez Galiza está a piques de ser excluída da oportunidade de avanzar no autogoberno. Se o noso discurso é que iso agora non é una prioridade porque outras cousas son máis importantes, perderemos ese tren. Eu teño a seguridade de que novamente a sociedade galega reaxirá. Porque sinto que hai Nación e confío en que as forzas políticas galegas estarán á altura do seu pobo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.