Imaxina que es un mozo saharauí

Imaxina que es un mozo saharauí, naciches hai 41 anos no Sáhara Occidental, nese momento provincia española. Ao pouco de nacer España abandona o Sáhara e a túa terra é invadida por Marrocos e Mauritania.

Imaxina que es un mozo saharauí, naciches hai 41 anos no Sáhara Occidental, nese momento provincia española

Imaxina que ata que cumpres os 17 anos vives no medio dunha guerra que te arrebata ao teu propio pai e moitos dos teus familiares. Gran parte da túa familia nin a coñeces xa que tiveron que fuxir centos de quilómetros a pé escapando do exército marroquí que os bombardea con napalm e fósforo branco, tendo que refuxiarse no interior do deserto alxerino. Alí, na hamada, constrúen campamentos onde refuxiarse dos ataques do exercito marroquí e sobreviven grazas á axuda de países amigos.

En 1991 a Fronte Polisaria negocia un alto o fogo baixo os auspicio da ONU que debería culminar coa celebración dun referendo de autodeterminación na que os saharauís deberían decidir o seu futuro.

Pasan os anos e Marrocos non cumpre o seu parte do acordo, as forzas de ocupación marroquís continúan desprezando os dereitos e a dignidade dos saharauís. Homes, mulleres e nenos son torturados e violados pola policía e militares marroquís.

Imaxina que es obrigado a emigrar ilegalmente para poder gañar a vida. Non tes estudos xa que odiabas a escola, onde eras discriminado e obrigado a cantar o himno marroquí. As escolas parecen cuarteis militares, rodeados de vehículos de intervención da policía marroquí.

Imaxina que chegas a España, país que te vendeu e abandonou, e agora te explota como man de obra barata

Imaxina que chegas a España, país que te vendeu e abandonou, e agora te explota como man de obra barata. Traballas no campo, na construción, hostalaría, sempre co soño de volver á túa terra. Tes que mendigar o dereito aos papeis de residencia ao mesmo país que durante anos obrigo aos teus a ser españois e agora négache a nacionalidade.

Pasados os anos decides volver á túa casa, tes trinta anos, sen muller, sen fillos, sen futuro.

En outubro de 2010, ti e 30.000 saharauís máis iniciades o campamento protesta de Gdeim Izik nos arredores do Aaiun, formando parte deste campamento pacífico é a primeira vez na túa vida que te sente realmente libre. Na mañá do 8 de novembro as forzas de ocupación marroquís desmantelan violentamente o campamento. Estás entre os responsables da organización. Ese día es secuestrados pola policía marroquí. Ese día empeza o teu calvario.

Esta historia que che pido que imaxines é a historia real dun dos moitos presos políticos saharauís que sofren condena sometidos a un trato inhumano culpables do único delito de querer vivir en liberdade

Es torturado, sen roupa, sen comida nin auga. Es sometido a torturas físicas e psicolóxicas durante meses.

Es un dos 21 detidos do chamado grupo de Gdeim Izik, xulgados por un tribunal militar, todas as acusacións están baseadas en confesións obtidas baixo tortura. As condenas varían entre os 20 anos e cadea perpetua. Ti tes unha cadea perpetua por un crime nunca cometiches.

Esta historia que che pido que imaxines é a historia real dun dos moitos presos políticos saharauís que sofren condena sometidos a un trato inhumano culpables do único delito de querer vivir en liberdade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.