Islamofobia e solidariedades colectivas. De Lesbos a Bruxelas

Mentres escribo estas liñas, aínda resoa o eco das sereas en Bruxelas, o lume segue a saír da estación de metro de Maelbeek e as televisións continúan a informar sobre o ataque terrorista. Confusión, medo, barbarie, ideas que golpean a conciencia e ante ás que é facil sucumbir. Achegar algo de luz entre as tebras parece unha misión tan suicida como necesaria, á fin de non refuxiarse nun pesismismo paralizante. Cómpre fuxir da dialéctica da dor e dos sentimentos primarios (inseguridade, necesidade de protección, odio), empregada como arma de distorsión masiva fronte aos "outros", os que "non son coma nós". Eis a semente do racismo, a semente da barbarie. Os primeiros pensamentos, porén, van cara ás vítimas, persoas do común, atrapadas nun inferno que non crearon. A mellor homenaxe que lles podemos facer é non calar, é sinalar as causas e os culpábeis, ir ás raíces. O silencio é terreo aboado para que campen o racismo, a xenofobia, a exclusión, coma látegos que se espallan por Europa sobre a miseria das clases explotadas, sexa cal for a súa etnia ou relixión.

O silencio é terreo aboado para que campen o racismo, a xenofobia, a exclusión, coma látegos que se espallan por Europa sobre a miseria das clases explotadas, sexa cal for a súa etnia ou relixión

Trala fachada do islamismo xihadista coma inimigo hai varias simplificacións interesadas. O concepto "islamismo xihadista" é unha construcción mediática e académica realizada en Occidente, coa complicidade dos mass media e dalgún "orientalista" coma Bernard Lewis, con escuros vínculos co Departamento de Estado dos EUA. No relato dominante xerado trala caída do Muro e que procura un novo antagonista trala creba da URSS, identifícase Islam con xihadismo, poñendo baixo sospeita a toda unha "civilización" tan diversa e heteroxénea coma a Cristiandade (termo este que non se adoita empregar na análise). Esta simplificación bebe do vello discurso "Orientalista" que nace no século XIX e que tan ben caracterizou Edward W. Said, como unha construcción interesada, tan falsa coma o concepto de Occidente, e que responde a unha lóxica de sometemento baseada nunha suposta superioridade. O choque de civilizacións de Hungtinton como marco interpretativo que lexitima un neocolonialismo desposuídor, posto de manifesto cruelmente nas dúas guerras de Iraq, en Afganistán, en Libia, en Siria.

Esta visión orientalista incide na visión do outro, do "Islam", como espazo territorial e simbólico onde agroman o fanatismo e o nihilismo, despoxando as reivindicacións dos seus pobos de calquer contido político. Esta explicación psicoloxista, que percibe o Islam coma un todo homoxéneo, fundamentalmente patolóxico, agocha calquera relación entre os atentados xihadistas e o problema palestino ou as intervencións imperialistas de Occidente. Esta análise dominante centra a explicación da existencia de células con intencións de atentar no resentimento, nun odio identitario e cego, non na realidade de entornos sociais azoutados polo desemprego, a falta de políticas sociais e o desprezo das institucións. O discurso islamófobo estigmatiza as comunidades de migrantes en territorio europeo, identificando relixión, miseria e violencia nihilista. A islamofobia tamén tenta illar estas comunidades doutros sectores das clases populares, estendendo o medo e a desconfianza entre as clases subalternas. De feito, o auxe do voto á extrema dereita en Europa, dende Francia até Alemaña, baseáse na expansión da xenofobia entre os barrios de clases traballadores, tradicionais feudos da esquerda, vítimas do paro, a descomposición social e a bancarrota política das organizacións de clase.

O auxe do voto á extrema dereita en Europa, dende Francia até Alemaña, baseáse na expansión da xenofobia entre os barrios de clases traballadores, tradicionais feudos da esquerda, vítimas do paro, a descomposición social e a bancarrota política das organizacións de clase

A existencia de barrios cunha composición maioritariamente orixinaria de países musulmáns contémplase como un problema de seguridade, non coma entornos cunha problemática social complexa que cómpre atender. De feito, as solucións á cuestión do terrorismo plantéxanse dende unha óptica securitaria policial, colocando a barriadas enteiras no punto de mira. Esa é a lóxica que subxace na consideración que fan moitas veces as autoridades da construción dunha mesquita como un problema de seguridade  Fronte as evidencias que sinalan que a maioría de persoas que participan en atentados "yihadistas" proveñen de capas medias, cun alto nivel de estudos en moitos casos e fortemente ocidentalizadas(S.Amghar), persíguese a organizacións "salafistas", que ofrecen ámbitos de socialización e redes de solidariedade a persoas provintes das clases baixas destas barriadas. Criminalízase a reconstrucción de lazos comunitarios destruídos polo capitalismo, tal como facían as elites británicas co asociacionismo obreiro na Gran Bretaña de comezos do século XIX, segundo nos narrou con brillantez E. P. Thompson.

Os Estados magnifican o perigo, fomentan o medo para lexitimar a súa función “protectora” e apagar a disidencia. A islamofobia aféctanos a todas, destrúe as nosas solidariedades coletivas, divide ás maiorías sociais e confunde a nartureza do inimigo. Nese senso, mentres as bombas estoupaban en Bruxelas, milleiros de refuxiadas eran deportadas da illa de Lesbos, entre a ausencia de testemuñas incómodas. A misma UE que invoca a defensa dos seus "valores" fronte a ameaza do terrorismo, invoca eses mesmos "valores" para para deter masivamente mulleres e nenos, converte o Mediterráneo nunha gran tumba e nega o dereito de asilo ás que escapan das guerras xeradas polos países occidentais. O acordo de inmigración asinado pola UE e Turquía, coa complicidade do goberno Tsipras, reforza a idea de exclusión, de "eles" e "nós", da Europa fortaleza ameazada polas refuxiadas e o Islam, unha lóxica infame que alimenta a xenofobia e os votos da exterma dereita, que é a que está a dictar axenda aos gobernos europeos, temerosos de  perder votos por ese frente.

O certo é que son os asasinatos con drones, os bombardeos indiscriminados, as cárceres secretas,  as torturas ou o apoio a ditaduras (véxase o aplauso ao golpe de Estado do exército exipcio) os que alimentan o yihadismo do ISIS. A resposta que protagoniza esta variante do wahabismo sunnita (apoiado dende os anos 20 por Reino Unido e EEUU en Arabia Saudí) diferénciase non polo seu grao de violencia, senón pola súa pretensión de territorializar un novo califato, de xerar estruturas de Estado cunha rede asistencial e administrativa que amplía as sús bases de apoio a pesar da represión indiscriminada que practican. A caracterización que se fai dende moitos sectores da esquerda do ISIS como neofascista peca de caricaturesca e xoga nun marco conceptual occidentalizante, bastante simplificador. Este razoamento podería levar a xustificar unha intervención militar na zona para extirpar de raíz a estes seguidores de Hitler e Mussolini. Dende logo que o ISIS non ofrece ningunha alternativa ás masas explotadas dos países musulmáns, e que xoga un papel reaccionario, pero ningunha cruzada militar poderá solucionar o caos xerado na rexión polos países occidentais, Rusia, Arabia Saudí, Qatar e Irán . A violencia só traerá violencia, mentres algunhas compañías occidentais se aproveitan da venta de petróleo das zonas controladas polo ISIS. Xa se sabe, o capital non ten moral.

Nestas horas de incertidume é o momento de marcar un discurso diferenciado, un discurso disidente. A solución non virá das forzas e corpos de seguridade do Estado, dun pacto antiyihadista, da unidade fronte ao Terror(non pode haber ningunha unidade cos que instalan vaiados, apoian guerras e deportan migrantes). Tampouco mediante a restricción de dereitos e libertades, senón incidindo nas causas do terrorismo, combatilo construíndo solidariedades, construíndo comunidade entre as de abaixo. A esquerda social e política debería ofrecer un proxecto emancipador e unha identidade política a toda esa mocidade que expresa o seu rexeitamento contra un modelo social que os exclúe e sinala. Cómpre loitar contra a estigmatización das diferentes, apostar por facer pedagoxía contra o discurso da vinganza e do odio, como fan moitos movementos e activistas que combaten o racismo e a exclusión. Abrir muros, derrubar fronteiras, evitar que as vítimas se convirtan en culpábeis e os culpábeis en vítimas. Por Lesbos, por Bruxelas. É hora de construír outra Europa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.