Ladrillos con ideoloxía en Compostela

O territorio é expresión política. E o urbanismo é una das ferramentas para esa expresión. Esta é a idea que pretende presidir as palabras que aquí ledes.

A preocupación por como ordenar o espazo é consubstancial aos primeiros asentamentos humanos e sempre reflectiu territorialmente a estratificación social dunha comunidade. A pouco que se coñeza o desenvolvemento das diferentes civilizacións, poderá comprobarse a ligazón dos lugares centrais e dos máis elevados ás máis altas capas da sociedade, mentres que as periferias foron as reservas para as xentes máis humildes, até o punto de que o termo arrabaldeiro rematou por converterse en insulto.

A chegada da revolución industrial e o desenvolvemento do capitalismo elevou este principio ao punto de que o novo sistema económico aséntao definitivamente. Xurde o urbanismo que lle vén dar a razón a Marx: o centro é para o poder económico e político e as aforas para as persoas expulsadas por ese sistema.

É neste contexto no que se chega ao desenvolvemento das vivendas protexidas, sobre todo cos movementos migratorios desde o campo á cidade, man de obra barata con escasos recursos para acceder a unha casa de seu. E eses desenvolvementos urbanísticos crean trama urbana, fan cidade, medrando nas periferias. E cando estas periferias pasan a ser cidade mesma, corpo propio do espazo dos que teñen, ese lugar pasa a dispoñer de habitantes co nivel económico e o status social “axeitado” e xurde así un novo gueto no que se concentran os que teñen menos.

O territorio é expresión política. E o urbanismo é una das ferramentas para esa expresión

Para facer visible esta idea, tómese como exemplo a propia Santiago de Compostela. A actual Praza Roxa, o outro centro neurálxico da cidade, era arrabalde; eran os Agros de Ramírez. Alí foi onde o se construíron “as casas baratas” (a denominación xa o di todo), un dos primeiros asentamentos de vivenda protexida. Desde alí até a Carreira do Conde non había practicamente vivendas. E quen vive agora alí? A que segmento social se adscriben os que alí habitan? Onde está situada a “Milla Dourada” do “boom” da construción de Santiago? Onde se localiza un dos prezos do metro cadrado máis caro da cidade?

E sirva tamén como imaxe gráfica, aínda que quizás, dun menor impacto, o grupo de vivendas de Quiroga Palacios, da Pontepedriña, separada da cidade pola vella circunvalación que hoxe se chama Avenida de Lugo e a Rúa do Hórreo. Quen vivirá dentro dunhas décadas en Vite, A Almáciga ou Fontiñas? As construcións máis recentes deste tipo na capital do país fixéronse en Ponte Pereda ou Volta do Castro. Outra vez, periferia.

Que unha persoa menor de 35 anos, cos escasos recursos, poda dispoñer dun alugueiro por menos de 110 €/mes é toda unha declaración de principios, que non ven con bos ollos os especuladores da cidade

A política de vivenda protexida non debe ser entendida simplemente como un xeito de facilitar un teito a quen ten dificultades para poder acceder a el. É moito máis que iso. É política social. E, xa que logo, tamén implica integración social. Desenvolver vivenda protexida nos centros das cidades implica rachar coa idea clasista de distribución do espazo urbano. É materializar co urbanismo o principio de igualdade.

Velaí que as vivendas protexidas en réxime de aluguer para xente moza en plena Avenida de Xoán XXIII é construír algo revolucionario con ladrillos. Só que, no canto de arrebolalos, púñanse uns en riba doutros e contribuían a resolver un problema. É ideoloxía. É un proposta chea de política. Que unha persoa menor de 35 anos, cos escasos recursos, poda dispoñer dun alugueiro por menos de 110 €/mes é toda unha declaración de principios, que non ven con bos ollos os especuladores da cidade. Que xente moza poda vivir a 400 metros da Catedral, contribuíndo a rexuvenecer un casco antigo, tradicionalmente avellentado e de constante perda de poboación, tamén é a expresión dunha vontade política. Vontade política á que eu teño o orgullo de poder dicir que contribuín.

Como é política, como é ideoloxía, o PP aplica a súa: permitir o negocio a conta de apropiarse do que era de todos

E como é política, como é ideoloxía, o PP aplica a súa: permitir o negocio a conta de apropiarse do que era de todos para uns poucos. O intervencionismo dos que non queren a intervención dos poderes públicos: se a teñen que facer, que sexa para favorecer aos ricos ou aos amigos.

Unha parcela de titularidade pública pasa a ser pasto da vivenda libre e a protexida vai para Lamas de Abade. Unha outra declaración de principios. E, o mellor de todo, promovida polo Alcalde da cidade. Porque comparte o mesmo concepto de cidade que Conde Roa ou Currás. Porque son PP.

San Agostiño non é tan santo. Aínda que o pareza.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.