Mareas -e cantos de sereas-

A José Sarrión Andaluz

Sabedes perfectamente que nacen mortas. Sabédelo. Pero non : hai que seguir coa performance. Hai que convencer a propios e estranos de que existe unha unidade de destino recíprocamente desexada, de que existe programa e obxectivos nese pre-acordo político entre Anova-IU-Podemos. Hai que seguir facéndose dano. Hai que seguir auto-enganándose. Alargar a dor da ferida até exclamar basta, xa non podo máis.

Hai que ocultar o feito de que as candidaturas chegaron precociñadas en petit comité de arriba a abaixo, sen analítica previa á elaboración programática a posteriori, sen debate social nas bases, sen debate entre as bases dos acrónimos supostamente comprometidos no novo invento. Agora hai que encher o discurso de alcanfort sobre madeira podre porque non hai un proxecto de sociedade e sí a presentación de caras novas con discursos ocos. A vaciedade, a nada, a cansina retórica saudosista e esperanzadísima chea de metáforas e versos libres que o único que ocultan é, precisamente, a nada. A nada de nada de nada. A sensación de que a un estanlle a tomar o pelo é tan intensa que o mero intento de articular unha palabra semella estéril

De repente, un día, o que aquí escribe chega no seu carro a unha asamblea comarcal de EU en Lugo. De repente, póñenlle nas mans un vademécum político de futuribles sen concreción progamática nin ideolóxica e con pingas de ciudadanismo en abstracto. Iso sí, con retórica saudosista e esperanzadísima. A cuestión é que ao invento chámanlle agora pre-acordo. Do acordo aínda non sei moito porque nin sequera no pre me convidaron a unha cervexa, que é coma se adoita facer política neste país de binonos. Mais dos contidos do preacordo xa sei algo : que foi anunciado ás bases con tres papeis e que, en breve, a condesa Yolanda Díaz chegaría con él contenta, rauda e veloz dende a capital do Pirulí.

A verticalidade do preacordo, por suposto, deixouse pasar por alto, non vaia ser que as bases de esquerda unida se tomen en serio as dúas últimas liñas do artigo 5 dese farrapo vello chamado constitución española en referencia ao que debería ser a estructura e funcionamento dos partidos e sindicatos : democrática. En esencia, o que xa hai tempo que deixou de ser esquerda Unida, tanto en Galicia coma en boa parte do estado español. Por iso, o que aquí escribe propuxo xa dende hai meses unha urxentísima rifondazzione interna de EU que, dende logo, non é un invento seu, senon eco doutras voces cansadas da hipertrofia de esquerda unida coma movimiento social e político anti-sistémico, dende o que aniña, aínda a día de hoxe, a vella retórica do medo ao coco comunista.

Porque, ao fin e ao cabo, aquí do que se trata é de convertir a política, a golpe de ovario ou pirola super-empoderada, no postmoderno arte das relacions públicas. Do que se trata é de correr cara adiante coma polos sen cabeza pregoando confluencias sen diálogo previo, base programática, estructura institucional ou orientación ideolóxica. Do que aquí se trata é de seguir correndo cara adiante a trote napoleónico e hegeliano, coas formas e os ritmos cos que a condesa Yolanda Díaz e a fábrica de porquería político-informativa da capital marcan.

¿Qué facer – e cómo – coa débeda soberana do estado?. Silencio. ¿Qué modelo productivo?. Silencio. ¿Qué é e cómo implementar a renda básica de cidadanía?. Silencio. ¿Contratos, salarios, convenios?. Silencio. ¿Estado da cuestión do pluralismo informativo no estado español?. Silencio. ¿Modelo de estado?. Silencio. ¿República parlamentaria ou monarquía parlamentaria?. Silencio. ¿Qué modelo de laicidade?. Silencio. ¿Otan sí ou non?. Silencio. ¿UE realmente existente sí ou non? : se sí, porqué, para qué e cómo. Se non, porqué, para qué e cómo. ¿Política exterior?. Silencio. ¿Política de I-D-I social?. Silencio. ¿Política cultural?. Silencio. ¿Sobregasto armamentístico?. Silencio.

Nada, olvídense, nada de nada : palabrería oca pautada por silencios e metáforas saudosistas ás cais é imposible responderlles algo pola sinxela razón de que a nada atrae á nada coa mesma forza coa que repele algo que teña pouso reflexivo, debate cultural de base, deseño, estructura formalizada, programa e horizonte ideolóxico.

Sei que é moito pedir a un latino colonizado até os miolos polos ritos de paso da TV-Política euroamericana que teña algo máis de pausa e saque máis tempo á súa vida para darlle forma e método ás cousas antes de convertilas nunha marca apta para consumo, abofé que o sei, e por iso vivo sen vivir en mí neste país, e por iso soño con coller de novo a maleta algún día e volver nevermore. Sei que é demasiado pedir un mínimo de orde, coordinación e disciplina de abaixo a arriba a quenes teñen ansia de facer amigos viaxando por toda a península ibérica, e que pedir demasiado é, tamén, que o traballo político proxectado nunha institución sexa o resultado dunha analítica social localizada e dun programa resolutivo acaído a esa realidade local; sei, dende logo, que esquerda unida é un partido ao que aínda lle faltan décadas, quizais, para arraizar nas comarcas e vilas do interior galego máis destrozado industrial, agraria e e demográficamente polo impacto do modelo euro-americano post-maastricht, sei que non debería esixir tanto e tan básico senon fose porque debe acabarse o buenrrollismo globalizado, senon fose porque o que aquí firma, Diego Taboada, considera ás devanditas mareas coma un ser que nace morto, de xénese totalmente antidemocrática, oco de contido e estéril de volición política e horizonte ideolóxico. 

Esquerda Unida e Podemos non poden nin deben traballar xuntos. É máis, non deben facelo polo ben de ambos. Os auto-enganos páganse a corto-medio prazo. O proxecto laico, republicano, federal e anti-sistémico de IU, con nervio nos movimentos sociais, é incompatible de forma e fondo co proxecto de Podemos. O horizonte de IU é un horizonte de ruptura, o de Podemos é un horizonte de acomodación gradual ás vellas estructuras político-mediáticas da transición. Por iso, eu, Diego Taboada, exhorto á sociedade civil galega a non dar consentimento ético, político, cultural ou estético as devanditas mareas :

1 – Pola verticalidade e opacidade dos seus procedementos na conformación das candidaturas.

2 – Pola ausencia de contidos programáticos emanados dun diálogo de base

3 – Pola necesidade de debater máis e mellor posturas clave como a cuantía e forma de impago da mal chamada deuda soberana española

4 – Pola necesidade de termos un modelo productivo alternativo con visión de país e dende coordenadas ecolóxicas e decrecentistas

5 – Porque mesmo a obtención dunha maioría cualificada no parlamento non é nin sería suficiente para encetar un proceso de transformación social ou de mínima vertebración económica e demográfica

6 – Pola incompatibilidade do proxecto laico, federal, republicano e socialista de IU co gradualismo social-liberal de Podemos e a súa sumisión aos marcos discursivos e de negociación institucional impostos tanto pola UE realmente existente como pola OTAN en materia de soberanía económica, financeira, política e militar respectivamente

7 – Pola desvergonzada hipocresía de quenes cuspen a palabra democracia en público ao tempo que calan ante a exclusión mediática do debate pre-electoral ao meu compañeiro Alberto Garzón Espinosa, vulnerando así nin máis nin menos que un dos dereitos fundamentais da constitución española, en concreto o artigo 20 referido a liberdade de expresar e difundir libremente os pensamentos, ideas e opinions mediante a palabra, o escrito ou calqueira outro medio de reproducción. En concreto, tamén, a ley 7/2010 chamada LGCA – Ley general de comunicación audiovisual -, e que incorpora un capítulo no que se fixan uns principios básicos sobre os dereitos do público, entre os cales encóntranse o dereito a recibir unha comunicación audiovisual plural.

Por estes feitos, por estes motivos e por estas razons, eu, Diego Taboada, sen rencores e sen acritude, en lealdade aos valores laicos, republicanos, ilustrados e obreiros, non asumo o horizonte marcado polas mareas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.