Marrocos non quere testemuñas

O pasado 14 de novembro cumpríronse 40 anos da firma dos Acordos Tripartitos de Madrid, que representou a entrega por parte de España do territorio do Sahara Occidental a Marrocos e Mauritania, desentendiéndose das súas obrigacións como país colonizador, e posibilitando a Marrocos ocupar o territorio. Estes acordos son nulos de pleno dereito, "ningún país pode ceder a soberanía dun territorio de forma unilateral", por tanto España segue sendo legalmente a potencia administradora do Sahara e responsable do sufrimento da poboación saharauí no Sahara Occidental. A ilegalidade destes acordos fai que Marrocos non sexa máis que o seu ocupante ilegal.

Tras o abandono do territorio por parte de España, Marrocos expulsou das súas casas aos saharauís, que tiveron que refuxiarse en Alxeria en campamentos; os que quedaron sufriron persecución, desaparicións, tortura e prisión, prácticas que continúan a día de hoxe. Marrocos non quere testemuñas destes atropelos, polo que somete ás zonas ocupadas do Sahara Occidental a un férreo bloqueo informativo. Son continuas as expulsións de observadores internacionais de dereitos humanos que Marrocos realiza con total impunidade e sen ningunha base legal.

Só durante o ano 2014, as forzas de ocupación marroquís expulsaron máis de 65 observadores internacionais de diversas nacionalidades, estadounidenses, británicos, españois, portugueses, franceses, tunisianos, noruegueses e italianos, das zonas ocupadas do Sahara Occidental.

Durante este ano as cousas non cambiaron, Marrocos segue coa súa política de hermetismo e bloqueo. Son numerosas as expulsións de observadores. A delegacións sindicais, a avogados, a políticos, a asociacións de mulleres, a activistas na defensa dos dereitos humanos impídeselles constatar de primeira man a grave situación na que vive a poboación autóctona do Sahara Occidental, son expulsados en moitas das ocasións desde a mesma escada do avión que os traslada. Marrocos, no seu paranoia por bloquear toda información sobre a situación das zonas ocupadas do Sahara Occidental, chegou a vetar as visitas de Christopher Ross, enviado especial do secretario xeral das Nacións Unidas, e de Joaquim Chissano, representante da Unión Africana, e atacar a casa onde se atopaban reunidos os delegados do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos cos membros da asociación saharauí de dereitos humanos CODESA, presidida pola activista saharauí Aminetu Haidar.

Marrocos aplica esta política mesmo con asociacións de prestixio e imparcialidade demostrada na defensa dos dereitos humanos como Amnistía Internacional, o seu director para Europa e Asia Central, John Dalhuiseny a súa compañeira IremArf, investigadora sobre os dereitos dos migrantes e os refuxiados, foron expulsados o pasado 11 de xuño, e máis recentemente Human RightsWatch, que supervisa a situación dos dereitos humanos no mundo, que viu suspendidas as súas actividades polas autoridades marroquís tanto en Marrocos como nas zonas ocupadas do Sahara Occidental.

A poboación saharauí, a pesar de coñecer o grave risco que para a súa integridade física supón, loita a diario contra este bloqueo. Varias asociacións saharauís traballan na realización de informes e solicitando información sobre a violación de dereitos humanos, sobre a situación dos presos políticos nos cárceres marroquís, sobre o espolio de recursos naturais, sobre a situación dos menores e as mulleres baixo a cruel ocupación e sobre as diferentes discriminacións que sofre os saharauís. Informes que logo son presentados en forma de denuncia en distintos organismos.

Mención especial merece o grupo de mozos saharauís que baixo o nome de "Equipo mediático" traballan, con máis ganas que medios, na realización e difusión de vídeos das moitas accións e protestas que de forma pacífica realizan as saharauís en todas as cidades do Sahara Occidental. Gravando a brutalidade desmedida coa que as forzas de ocupación marroquís aplacan estas accións. Esta actividade fixo que estes mozos sexan obxectivo prioritario para os marroquís, o que fixo que algúns deles acaben sendo encarcerados e torturados.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.