Matar é a resposta

Por algunha inexplicable razón, cada vez que un conflito de intereses é percibido por parte de determinadas persoas a resposta sempre traza unha liña recta coa parte máis brutal do xénero humano, esa parte onde a racionalidade, a honestidade, a reflexión e a bondade desaparecen para deixar lugar á violencia e a estulticia. A resposta simple para asuntos complexos, o Antigo Testamento en pleno século XXI: mata. E o indicio dun fascismo galopante que ten as súas puntas de lanza nos acontecementos políticos globais dos últimos meses.

A incitación á violencia nunca é desinteresada. O mundo rural está  morrer como consecuencia, fundamentalmente, do declive do traballo no rural que a súa vez é consecuencia dunhas relacións enerxéticas, económicas e sociais radicalmente diferentes coa nosa contorna a nivel global desde hai xa décadas. Neste contexto as políticas da UE e das diferentes administracións do Estado demostráronse inútiles porque realmente ao estamento político non lle interesan. Interésalles, pola contra, o TTIP, o CETA, a cesión de dereitos a determinadas multinacionais: as da alimentación, as das sementes, as de transporte, as enerxéticas, etc.

A caste política maioritaria ten varios instrumentos para controlar que os prexudicados que encaran a extinción miren a outra parte. Un deles son os sindicatos do campo que actúan ás ordenes dos partidos aos que serven e tenden eficaces cortinas de fume. Unha delas é o lobo. Dá a impresión de que se o mundo rural está en declive é por culpa duns centos de cánidos. Impresionante. E a resposta é matar. Outro instrumento é a prensa, refén dos grupos empresariais e financeiros que controlan as grandes corporacións arriba citadas. Unha prensa que normaliza os discursos do odio, do discurso de matar.

Así vemos como nos últimos tempos ante a patética falla de solucións reais aliméntase un conflito imaxinario que ten como resposta final: mata. Matamos con veleno, con escopeta, ilegalmente, “legalmente”, con cepo ou lazo.

Pero o discurso da odio, da morte, cala con asombrosa facilidade. Onte eran os lobos, os raposos, hoxe xa son os xabaríns e os corvos mariños... Resulta que unhas 60.000 licencias de pesca fluvial en Galicia non teñen culpa de nada. Pero si os corvos mariños. Tampouco podemos culpar aos verquidos contaminantes nos ríos tanto de vilas e aldeas como de cidades, de empresas, de xurros, non podemos culpar á desaparición de filtros verdes e o deterioro da vexetación de ribeira, nin a construción de centos de encoros e pequenas centrais, á introdución de especies exóticas, nin ao cambio climático que diminúe as precipitacións  Non, a “culpa” é dos paxaros. O eufemismo para matar é “control”, “xestión”.

Podemos pensar que son o remate dun proceso. Non nos enganemos  estamos ao principio dunha traxectoria que na veciña Asturias xa colleron hai uns anos. En Asturias, todos os partidos, incluíndo IU (ollo aí), menos un, xa optaron pola vía da morte no asunto do lobo. E así lles vai, se non me equivoco xa son 9 as cabezas de lobo cortadas e exhibidas publicamente  Tamén puxeron hai pouco unha aleta de arroaz cravada...  Realmente queremos comezar este camiño?

Rescato un tuit do senador Bernie Sanders (@SenSanders) de hai unhas semanas: “There are no "alternative facts." A modern society cannot survive unless decisions are made on evidence-based research”. Se nos fiamos da ciencia, logo, e non da terxiversación interesada ou do “cuñadismo” hai varios feitos que deberamos coñecer sobre o lobo:

1.- Matar lobos (control, xestión) non soluciona os conflitos entre lobos e gando. Todo o contrario, increméntaos, pois grupos familiares e individuos desestruturados escollen presas máis sinxelas inda que de maior risco, isto é, gando.
2. – No Reino Unido, por exemplo, onde o lobo leva desaparecido desde a Idade Media os danos por ataques de cánidos a ovellas e años é de varios millóns de libras por ano. Ao gando atácano lobos e cans. Maioritariamente estes últimos tal e como se ten amosado noutras partes de España. Ter matado unha cadela nunha batida para lobo para controlar danos, tal e como sucedeu en Friol, debera facer reflexionar a uns cantos.
3.- Canto máis se permite o control letal legal, máis se incrementa a caza ilegal vía furtivismo. Non é ao revés.
4.- O alarmismo da prensa está en relación directa co incremento das solicitudes e da posterior morte (legal ou ilegal) de lobos, o que se correlaciona co incremento de danos ao ano seguinte (Ver punto 1)

En resumo, a matanza (control ou xestión) de depredadores apicais trae grandes problemas aos ecosistemas onde se asenta. Incluso, se atendemos á ciencia, ten consecuencias imprevisibles xa que incluso diminúe a capacidade dos ecosistemas para reter CO2.

Por estas e moitas outras razóns chama poderosamente a atención que haxa individuos e organizacións que se erixan en expertos e se posicionen a favor do control de depredadores. Ninguén pode se un experto en ningunha póla de ningunha disciplina científica se non se considera a mesma ciencia. Medios de comunicación e xornalistas mesmo deberían reflexionar sobre este fenómeno. Pero, por que ocorre? Ben, nos últimos anos asistimos a un fenómeno de aniquilación do ecoloxismo e da conservación xeral do medio ambiente. Chámase greenwashing. Consiste en que individuos ou organizacións fan unha especie de lavado ou branqueo das actuacións e consecuencias de determinadas políticas de administracións e empresas. Son os oportunistas de toda a vida que se arriman alí onde hai algúns cartos (poucos, son baratos). ONG con historia e outras nadas con este fin ocupan a centralidade cunha estratexia de discursos imposiblemente equidistantes, aparencia de diálogo, posicións falsamente consensuadas e desde logo carentes de rigor científico. Esta transmutación ou venda mesmo é estudada, exposta e denunciada por reputados investigadores como Clive Spash.

Mentres, a cultura da morte avanza xunto co populismo, a banalización do coñecemento, a lavandería verde e a falla de dignidade. Matar non é a última palabra, é o primeiro de todo o que está por vir.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.