Mínima cartografía

Matteo Salvini intervén nun acto da Lega Norte CC-BY-SA Fabio Visconti

No principal encontro da Lega Norte, nunha pequena cidade, os políticos presentes definen o movemento como unha familia máis que como un partido de militantes. Parece unha derivación lóxica do espírito que os informa. Umberto Bossi tiña alma de botiguer, á maneira catalá, con pouca formación, sentido sagrado do traballo e da pela. E disciplina social calvinista, mirando para Suíza, con gañas de aplicala por medio da organización. Non chegan a comunidade como o PNV, aínda que bican tamén unha árbore con fitas nas que pon Lega varias veces, antes de que suba para o estrado Salvini, entre berros de Matteo! Matteo! Os alleos, pola rouquedade e o volume elevadísimo dos altofalantes, poden lembrarse dos de Duce, Duce! Pero a cousa non vai por aí; é só a maniera italiana.

O orador introduce case ao comezo dúas marcas, unha racista, desprezando os africanos, e outra bélica, loando os mortos italianos da Grande Guerra, e explicando que non puido ser en van, o cal é indicio de que na política europea non vai reinar precisamente a calma despois das eleccións de maio.

Parécese a Mussolini tamén en que ataca as mafias e do dito pode deducirse que vai a morte a por elas, como facía o Duce e non era de broma, porque intentou aniquilalas. Durante a II Guerra Mundial os americanos negocian con Lucky Luciano, recluído nos EEUU, o desembarco en Sicilia e o gángster dá orde á Cosa Nostra, xa desde a illa, solto por suposto, para que facilite o asentamento das forzas militares de Usa. El mesmo dirixe a entrada. Despois a Mafia xogará á carta da independencia siciliana; un Singapur mediterráneo que finalmente non sae adiante, pero que estivo na axenda da primeira potencia e tiña apoio importantísimo entre os sicilianos. Salvini enumera as mafias e di que irá a por elas. Parece pois que a subida cara o norte da Ndrarngheta e da Cosa Nostra, para poñer negocio criminoso en Milán non afectou á familia da Lega, ou iso queren aparentar.

Con Mussolini non se notan máis semellanzas, só a voz rouca, a afirmación masculina e a corpulencia forte e enérxica, pero supoñemos que iso non é mácula.

E cambio de estratexia. Di que os tempos son outros, e que o seu partido tamén se transformou. De Roma ladroa, a Bruxelas ladroa. Cambia pois o obxectivo principal e entón primeiro tomarán Roma e despois tomarán Bruxelas, e queren asentarse seriamente no sur, do que xa non din que sexa vago (de taberna e peonás calabresas) senón vítima de Bruxelas e dos poderes financeiros, igual que Lombardía, Piemonte e Véneto.

Distánciase do fascismo nos dereitos individuais. Cada un fai na súa casa o que lle peta, líase con quen quere, e por eses dereitos daría a súa vida, afirma, pero tamén a daría porque todos os nenos teñan un pai e unha nai. Fala, claro está, das adopcións homosexuais. E daríaa tamén, a vida, porque non se produzan crimes como os dos ventres de alugueiro, unha monstruosidade, di textualmente se non lembro mal.

Conecta co público, diríxese persoalmente a eles, e describe o que ve. E nun momento di que ve moitas bandeiras. E enumera varias das que ve. E ve de primeira, antes que as outras por tanto, a bandeira de Israel, e dio enfaticamente, e ve despois creo que a de Sardeña, e de terceira ve a estrelada de Cataluña e afirma que a estratexia leguista se estenderá e servirá para construír outra Europa. Non explica moito cal. Despois da referencia á primeira guerra mundial e aos caídos, acolloa algo pensar na Europa na que pode estar pensando. Parece pois que o ministro de interior, el, cambiou o rumbo dos vellos gobernos italianos a respecto de Cataluña. Cando gobernaba o Partito Democratico, colaboraba abertamente na represión do independentismo, permitíndolle por exemplo a Madrid utilizar os barcos de Grimaldi e Moby Lines para aloxar as forzas represivas no porto de Barcelona, segundo analiza Germano Dottori.

Salvini cita despois a Simone Weil, intelectual xudía, cuxas teorías acostuman a gustar a esquerdistas e a dereitistas e di que a francesa dicía que: “Primeiro son os deberes e despois os dereitos”.

Nas mesmas semanas, o primeiro ministro italiano (sostido por Salvini e Di Maio de Cinco Estrelas) reuniuse en Washington con Trump e deu despois unha rolda de prensa na Casabranca. Chamoulle simplemente Donald a Trump e amosouse moi contento porque negociaran cooperación estratéxica. Italia vai ser, dixo, o socio preferente no centro do Mediterráneo para a vixilancia africana, “quasi gemellaggio”. EEUU recoñece un papel de lidership de Italia no rol de estabilización do Mediterráneo, especialmente Libia.

Os dous países parecen brincar desta maneira por riba da estrutura de poder europeo. Berlín, rival de EEUU, fica desprazado na operación e EEUU faise así co segundo gemellaggio, pois o primeiro é Israel no extremo leste do mar antigo.

Cataluña levantoulle a España dores de cabeza co acomodo mediterráneo. Non debe esquecerse que Mariano Rajoy visitou a Donald Trump cando era xefe de goberno, para frear o apoio explícito de USA ao independentismo catalán. EEUU considerábao un posíbel xeito de romper o bloque dominante europeo que lidera Alemaña e no que está España.

Os independentistas cataláns pro israelitas, que son moitos e importantes, tanto en ERC como no campo de CiU, vían con agrado hai uns anos a posibilidade de que o porto de Barcelona fose o outro polo mediterráneo de defensa occidental.

Despois de todo iso, o presidente Pedro Sánchez loou moito o outro día ao ex presidente Willy Brandt, líder carismático da socialdemocracia e alemán por suposto. Fíxoo no mitin do PSC. Pero seguramente todo se volvese máis suave desde que a xustiza xermana liberou ao presidente Puigdemont, que non por iso deixa de ser tamén amigo de Israel, na tradición dos presidentes da Generalitat.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.