Non Servium

*Antón Fernández de Rota, membro de www.zoopolitik.com

O venres 17 a Universidade da Coruña entregaba os seus premios extraordinarios e medallas. Unha delas levaba o meu nome xa que un ano atrás doutoreime en Antropoloxía Cultural, especialidade en Antropoloxía Política. Se esta universidade pretendía honrar aos seus homenaxeados, moitísimo se equivocou traendo como convidado de honra ao alcalde do PP desta cidade. En igual medida trabucaríase se o convite fose para algún gobernante anterior do PSOE. Un e outro partido son directos responsables da dramática situación que vivimos na universidade en xeral, e na sociedade no seu conxunto.

Aclaro. O "mileurismo" é cousa do pasado. Sendo eu, na actualidade, o tipo de profesor universitario ao cal lle pagan un salario que non chega nin a ese mínimo bioloxicamente reprodutivo co cal Marx definía aos proletarios de antano, non podo sentirme de ningún xeito honrado pola presenza do devandito personaxe. Moi pola contra, como tantos outros, levo máis dunha década participando activamente contra as políticas que o PP e o PSOE implementaron baixo a escusa dos "mercados". Quen pode esquecer tan cedo as sabotaxes contra as ETTs que legalizou o PSOE no 1994, os insultos recibidos por UGT e CCOO por cada reforma laboral que asinaron, a ledicia de ver emerxer con Chiapas e Seattle o "movemento de movementos" global, máis tarde as loitas contra a LOU, tamén aquelas mobilizacións para por fin a crueldade das guerras económicas secundadas por Aznar, ou hai ben pouco os berros da rede V de Vivenda? Todos estes movementos golpeaban dende ángulos dispares na matriz de relacións que xestaron a crise. O que os USA non puideron coa guerra o tentan facer agora coas axencias de rating; a resposta que os partidos non souberon dar aos movementos pola vivenda, estala agora nas nosas caras.

Esta crise leva con nós moito máis do que din, simplemente mudan os seus puntos quentes. No 2001 lle tocou a Arxentina e pouco antes aos por entón chamados "Tigres Asiáticos". California leva en bancarrota dende o Dot.com Crash do ano 2000. De aí que non sexa de estrañar o eco obtido polas protestas de Ocuppy Wall Street na costa Oeste. Así como a perda de poder adquisitivo leva unha longa marcha nos USA, no estado español a precarización da existencia foi unha constante dos últimos quince anos entre os mozos, soamente atenuada polos "colchóns" familiares herdados dun raquítico welfare e o bluff dun crédito que, ao cabo, non resultou tan barato. Como consecuencia, a "clase media" desaparece. O "99%" devimos precariado en acto ou en potencia. No meu caso, nunca pedín un préstamo, pero pídeseme que, pola vía indirecta dos recortes, pague unha débeda non contraida. No entanto, teño a firme convicción de que os gregos están no certo. O precariado, esteamos hipotecados ou non, realmente non lle debemos nada a ninguén.

Estamos a ser vítimas dunha extorsión mafiosa? Non hai dúbida de que a economía converteuse en mera policía; o seu son as porras e os lacrimóxenos. Si, renóvase o conflito de clases, agora entre os acreedores das grandes finanzas e os deudores sennúmero. De tal xeito, suxire outro antropólogo da política, David Graeber, compre reclamar a abolición das débedas, como tantas outras veces na historia tiveron que ser suprimidas cando os prestamistas non foron quen de comedir as súas ambicións e desmáns. Esta parece ser condición sine qua non para a saída da crise. Non a solución, pero si unha das condicións.
Agora ben, o problema non so é a Troika e Goldman Sachs, é dicir, os grandes actores globais, titiriteiros dos partidos políticos. As mareas verdes, brancas e de todos os cores explicitan os antagonismos que atravesan todas e cada unhas das institucións. Ambivalencia. Na universidade os préstamos do Banco Santander suplantan as bolsas e a propia universidade pública, certamente cada vez máis controlada por este tipo de poderes financeiros, entrégase gustosa á extorsión dos seus estudantes, investigadores, P.A.S. e moitos dos seus profesores. Os ánimos comezan a quentarse. Na eclosión madrileña do 15M unha rede universitaria, Juventud sin Futuro, xogou entón un papel importante. Non cabe dúbida que no seguinte acontecemento da política de movemento a disidencia universitaria volverá estar aí, empurrando co resto.

O pasado venres funme dando as costas ao acto, sen recoller o galardón ofrecido, renovando as miñas ganas, con tantos outros compartidas, de tamén marcharme deste país e sistema universitario. Á espera dun estrondo que pronto tomará as rúas, preferín conservar de momento algo de dignidade. Mágoa o da medalla. Mágoa que a Academia lles siga rindo as grazas...  Como cantar o Gaudeamus Igitur cando o que hai que responder é Non Servium!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.