Nunca Máis

“O monte non ten dono. Os propietarios non contan. Os intereses son moitos. Apagar no lume é un negocio e a xestión do rural non existe” (C.I.T., veterano gandeiro de A Baña que coñece e ama o rural como poucos)

A terrorífica vaga de incendios que tiveron lugar en Galiza os pasados días  debera servir para que, dunha vez por todas, se afronte con decisión e intelixencia o problema dos incendios forestais, que si é un problema de xestión e explotación da superficie forestal, remata converténdose nun problema de xestión do territorio galego dada a dimensión daquela. Pero moito me temo, dada a reacción dos poderes públicos, e moi especialmente dos responsables da Xunta de Galicia (PP), que isto non sexa así.

O número de focos, a súa dispersión e a propia forza dos incendios son evidencias indiscutibles que xustifican debidamente que podamos pensar que moitos dos incendios son provocados. Aceptado este argumento xorden, nembargante, algunhas preguntas como por caso, quen os provoca?, quen ten interese en que os montes ardan?. Aquí xa aparecen argumentos oficiais que, de ningures, podemos aceptar e que ademais de repetitivos, son –pola súa insidia-  indignos de calquera gobernante e que ademais a algúns tráenos negras lembranzas con cheiro a franquismo.

Cando se declara que “o despido de 436 brigadistas non afecta a loita contra o lume” e que “algún incendiario forma parte dalgunha cuadrilla” non se está deixando caer, indirecta e sibilinamente, a sospeita sobre que algúns exbrigadistas poida que estiveran detrás dos incendios?, por caso a televisión pública galega (TVG) non incidiu nese argumento informando que veciños das zonas afectadas viran a exbrigadistas prendendo lume, unha información non constatada?. Como moi ben sinalou o fiscal de Medio Ambiente, Álvaro García Ortiz, ante as hipóteses lanzadas polo Goberno galego (PP), resulta necesario “agardar para dicir se todos os incendios son intencionados ou non …. e non especular …. en anos de investigación nunca atopamos rastros dunha trama incendiaria”. Un goberno responsable non debera caer en tales argumentos. Moito mais si se trata dun goberno que, como sinalamos, viña de despedir mais de 436 brigadistas cando o risco de incendio aínda se mantiña alto pola climatoloxía adversa e a extrema seca, de desactivar o dispositivo contra incendios e de cambiar a lei de montes entre outras medidas que, como se viu posteriormente, resultaron seren moi desafortunadas.

Unha estratexia que chega ao paroxismo cando, tamén sibilinamente, se culpa ao pais veciño –Portugal- dunha parte dos incendios ao sinalar como causantes da “grande actividade incendiaria” amais das condicións meteorolóxicos aos “incendios que veñen do pais veciño que están a imposibilitar o control en Galiza” dos mesmos. Diante deste tipo de declaracións por parte do presidente da Xunta de Galicia (A. Núñez Feijoo) un non pode por menos que retroceder no tempo é lembrar como durante a ditadura franquista os responsables de tan sinistro réxime culpaban dos incendios forestais tanto ao inimigo exterior como a pertinaz seca. Nalgúns aspectos parece como senón pasara o tempo. Desgraciadamente relevantes altofalantes de Galiza sumáronse a estratexia do “inimigo exterior” con titulares irresponsables (“Atacan Galicia”. La Voz de Galicia, 17.10.2017)

Unha estratexia política que, nembargante, non ten en conta informes relevantes que apuntan como causantes dos incendios a outras forzas incendiarias como por caso ao chamado “cartel do lume”. Informes que, por outra parte, non fan mais que incidir nunhas causas que forman parte do imaxinario popular galego, un pobo moito mais listo do que os seus gobernantes pensan. Un pobo que sabe que “apagar no lume é un negocio” e que a actual Xunta de Galicia, como ben sinala o Consello de Contas, concentra os seus esforzos orzamentarios na prevención e extinción dos incendios mais que nun desenrolo rural que considere a produción forestal como un elemento mais non so da produción agraria senón tamén do desenrolo territorial. O sector forestal galego non é un sector illado, foráneo a realidade produtiva e territorial na que se inserta. Galiza, que non é Finlandia nin Canada, non se pode permitir o luxo de que o 50% do seu territorio teña exclusivamente o que se considera unha utilización forestal que por riba aparece illada doutras producións e actividades como, por caso, a gandeira, a industria, o medio ambiente e o ocio. Galicia tampouco se pode permitir que a xestión pública dunha superficie tal estea en mans, case exclusivamente, dunha dirección xeral.

Son, por outra parte, contundentes as evidencias de que coa actual Xunta de Galicia que preside Alberto Nuñez Feijoó, a extinción dos incendios forestais converteuse nun grande negocio. Nun negocio controlado por relevantes capitais que, como calquera capital, anda a procura da máxima ganancia que sempre está ligada a (máxima) produción e (mínimos) custos. Neste caso máximos incendios e menos persoal na limpeza e prevención. Claro que se a iso lle engades unha gotas de corrupción mellor: gañan capitalistas e gañan políticos.

Resulta tamén incuestionable que logo dos incendios medran espectacularmente os cultivos de eucaliptos como ben denuncian tanto o movemento sindical agrario como relevantes asociacións mediombientais e algúns medios de comunicación. Uns cultivos que rematan sendo un grande negocio para relevantes industrias papeleiras con contan nos seus consellos de administración cunha importante presenza de familias moi ligadas ao partido político (PP) que goberna tanto a Xunta de Galiza como o Estado español.

Estamos así diante do triángulo perfecto: illamento da produción forestal do resto da produción, maiormente dunha produción gandeira en declive, rompendo así o equilibrio anterior sen xerar un novo; especialización produtiva forestal intensiva neste caso a eucaliptización da que turra o mercado e privatización das actividades forestais que conduce a especialización na extinción de incendios quen polas súas características permiten a maior ganancia. Todo elo claro está estimulado polos poderes públicos que centran unha parte relevante da súa política agraria e, xa que logo, dos orzamentos públicos nas actividades citadas (o redor do 60% do investimento publico en políticas forestais vai destinado a loita contra os incendios forestais).

Dito todo isto non se debera esgotar o crecente impacto que o cambio climático está tendo tal que esixe cambios nos sistemas tradicionais de loita contra os incendios forestais.

Unha realidade que a cidadanía galega ten cada día mais clara. Velaí que os milleiros de cidadáns galegos que o pasado 16 de outubro ateigamos as rúas coas numerosas mobilizacións convocadas en diferentes localidades galegas e baixo o lema de “nunca mais” deixaramos moi claro que “rural abandonado é incendio asegurado”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.