O aliado principal

Na análise dos resultados das eleccións xerais españolas acho a faltar algunhas causas a considerar, se se quer actuar en política con capacidade de crítica e con afán de superar as eivas que retardan o suceso. 

Non agardo a análise de EnMarea, porque xa resulta evidente a incapacidade dos seus promotores de a converter na entidade política con personalidade e capacidade (o magreado “suxeito político” ) que é a actual esperanza única para a Galiza comezar un novo proxecto político nacional.

Agardaba, non obstante, que o aliado principal Podemos tivese máis predisposición crítica, e cando menos enumerase algunhas causas posíbeis do retroceso electoral.  Así, asuntos como o do recoñecemento e formalización dos grupos parlamentarios propios e específicos das nacionalidades que eles din ser parte da súa definición ideolóxica (O Estado plurinacional). En Galiza, por exemplo, hai evidencia de que tradicionais votantes do nacionalismo quedaron na casa.  

Tampouco non escoitei crítica algunha a unha cuestión de estilo, de formas.  A prepotencia e a soberbia do seu máximo  dirixente –con burdas formas próximas á chulería—os ataques aos aliados necesarios e o desprezo polos votantes dos rivais e mesmo polos  seus propios coaligados sen dúbida explicarán unha parte da perda de votos que, novamente, hai que adxudicalos a posicións abstencionistas.

Non gosto de elucubracións, e as hipóteses hai que usalas con prudencia.  En cambio, si que adoito constatar os efectos indiscutíbeis de decisións concretas.  Mais o que eu creo un elemento mui importante da situación é a de non considerar os efectos políticos da posición diante á posibilidade dun goberno PSOE-C´s, que puido ter cambiado substancialmente o panorama político español.

Teño claro que o propio Pedro Sánchez non fixo o que debería mesmo pensando nunha alternativa real e transversal, por acción ou por omisión, de basear o cambio no acordo con Ciudadanos e con anuencia pasiva de Podemos, e coidou máis o flanco dereito, sen darlle muito chance ao seu lado esquerdo.

A cuestión é que, visto o visto –eu xa o vin antes, díxeno e escribino—a decisión de votar en contra por parte de Podemos veu dar nunha situación muito peor.  Xa daquela non había maioría de esquerda, considerando ou non as organizacións nacionalistas, mais había si superior cantidade de escanos a favor da esquerda española agrupada (perdón por incluír acó as confluencias de Podemos, en todo caso integradas no seu grupo parlamentar).

Agora, a dereita é maioritaria absolutamente se computamos as nacionalistas, mais tamén é aritmeticamente  superior no esquema “español”.  
Se tivese habido unha abstención de Podemos, hoxe gobernaría Pedro Sánchez con Ciudadanos, Podemos sería a oposición indiscutíbel, Rajoy tería desaparecido e o PP iniciaría unha rexeneración que lle levaría dúas lexislaturas.   Para máis, Podemos forzaría algunhas ou moitas medidas –probabelmente a cambio de ceder noutras (así é a política real), mentres o PSOE  veríase cara a cara coa débeda, co déficit (seguramente coa sanción comunitaria), con novos recortes, con demostración da súa inexorábel gallada de ser ou non ser da socialdemocracia, antiga ou modernizada.

Afirmo que moita xente esperaba e necesitaba que houbese un goberno consonte á expresión democrática, forzosamente de consenso e de compendios, e que non veu con bos ollos a renuncia de Podemos a facer política con sentido práctico e compromiso.

Noutra orde de cousas, e dende o punto de vista da esquerda e do galeguismo –mesmo de perspectivas menos ideolóxicas—algo de inseguridade debeu aportar o continuo cambio de ubicación de Podemos, que pasou en pouco tempo de posicións sobre o euro, Europa, a débeda, a OTAN, as bases, a Monarquía –acabar coa restauración borbónica do 78 sóalles?--, o Senado, a transversalidade (“non somos de esquerdas nen de dereitas”), o referendum catalán, o dereito a decidir para todas as nacionalidades e a sua convivencia con “somos os que derrotamos aos independentistas” viva a patria española, somos socialdemócratas… etc.

Saltimbanquis, contorsionismos políticos, inseguridade e desconfianza, en suma.

Pois dito todo isto, que se ignora nas análises máis obrigadas, Podemos segue a ser o axente principal da oferta alternativa de cambio de cara ás eleccións galegas.   Mais é, dende logo, un axente que xa non dá máis de si  Tampouco non Esquerda Unida, que non me pararei a explicar por que  O necesario é convocar, darlle sitio e activar o inmenso potencial dos activistas procedentes do campo nacionalista e galeguista.  Como se demostrou nas eleccións, miles de votos ficaron na casa, non tiveron destino nen no BNG nen en EnMarea.  Precísase aclarar a proposta, facer o partido de carácter instrumental, permitir a participación individual, non excluír a ninguén, nen partidos nen persoas, elixir en primarias @s mellores, e acudir ás galegas desta vez si, mostrando que queremos un cambio rotundo e actuando en consecuencia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.