O Centro Gallego de Bos Aires morreu. Quen o matou?

Estase levando a cabo en Bos Aires, a 44ª edición da súa Feira Internacional do Libro. Por primeira vez non está presente o Centro Gallego de Bos Aires. A centenaria entidade dos galegos na Arxentina non está porque os mortos non adoitan ter presenza máis alá dos recordos.

A segunda obra en importancia da diáspora galega no mundo (a primeira foi o Centro Gallego da Habana), estaba bastante doente hai xa moitos anos, por iso o Goberno arxentino autorizou, por unha concesión excepcional no ano 2006, a creación da Obra Social Ospaña, a única ata daquela sen orixe sindical, para favorecer o sostemento económico do Centro Gallego. A nova Obra Social, composta polo Centro Gallego, a Xunta de Galicia e o Goberno de España, poñía nas primeiras propagandas o seguinte: “O Centro Gallego de Bos Aires é, antes que nada, un verdadeiro exemplo de servizo social, creado co esforzo e o traballo 'dos galegos', que na Arxentina souberon dar forma a esta realidade singular e emblemática”.

Ospaña é hoxe unha poderosa entidade económina no mercado da saúde da República Arxentina; o Centro Gallego, prestador de atención sanitaria aos seus afiliados, morreu.

Nunha asemblea de representantes de socios levada a cabo o 12 de abril deste ano, empezouse a aprobar a venda do inmóbel e a cesión do servizo de asistencia médica. A devandita asamblea, que xa tivo un receso ata o 24 do mesmo mes, está agora cun novo cuarto receso ata o 8 de maio. Os socios xa non volveremos ter sanidade propia. Terémola, no mellor dos casos, a través de quen compre o hospital ou o reciba en concesión. Convencido estou de que non desaparecerá e que os socios teremos acollida nunha mutual que poida resgardar o patrimonio artístico e cultural.

Como se chegou a esta realidade tan contrastante? Quitando o Centro Gallego da Obra Social creada para salvalo. Quen o fixo? A Xunta de Galicia e o Goberno español. Como o fixeron? Avalando que os seus representantes no directorio da mesma --léase o vicepresidente, Alejandro López Dobarro, delegado da Xunta de Galicia na Arxentina; e o secretario de Acción Social, Santiago Camba Bouzas (conselleiro de Emprego e Seguridade Social do Goberno de España na Arxentina e desde hai máis dun ano co mesmo cargo en Venezuela, o que por estatuto obrigaríao a renunciar pero non o fai)--  aceptasen unha reforma estatutaria proposta polo daquela embaixador do Reino, Estanislao de Grandes Pascual, e o secretario da Emigración da Xunta de Galicia, Antonio Rodríguez Miranda. Ese cambio deixou fóra da hoxe poderosa Ospaña ao Centro que fora merecente, por parte do Goberno arxentino, dunha medida de excepción que sería a súa salvación.

A presenza galega na Feira do Libro de Bos Aires foi imposta polo Centro Gallego na primeira realización da mesma en 1975. A presenza da Galicia territorial chegaría 14 anos despois, por medio da Xunta de Galicia. Hoxe temos mágoa pola perda do sitio que mantivemos 43 anos, pero moita máis por saber que non nos matou fogo inimigo, senón o “amigo”.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.