O copagamento en sanidade

A dereita gobernante está a promover, cada vez con máis insistencia, a introdución do copagamento na prestación sanitaria e farmacéutica. Feijoo anunciou a posibilidade de estabelecer unha cota pola “comida, a cama ou o uso da ducha” durante os ingresos hospitalarios; tamén avisou da posible supresión da gratuidade na dispensación de fármacos aos pensionistas. Cospedal pretende que  a sanidade pública deixe de financiar os medicamentos máis baratos; mentres, a dereita catalana impón o cobro dun euro por cada receita dispensada.

A sanidade pública non é gratuíta; pagámola os cidadáns cos nosos impostos. Os gobernantes deben facer un bo uso do diñeiro público para que os servizos sexan de calidade e non perigue o seu futuro. Non ten sentido que Feijoo reclame agora a axuda dos cidadáns para financiar a sanidade a través do copagamento; unha recadación dos tributos xusta e progresiva e unha xestión rigorosa e esixente dos orzamentos públicos debería abondar para garantir o futuro do noso sistema sanitario.

Os defensores do copagamento apoian a imposición deste recargo pola súa capacidade recadatoria e tamén como elemento disuasorio, para reducir o uso abusivo dos servizos sanitarios e o malgasto en fármacos. Mais a experencia demostra o contrario. Sánchez Bayle afirma nun artigo que o copagamento “non contén o gasto, é incapaz de discriminar a demanda apropiada da inapropiada e ten moitos efectos negativos sobre as persoas máis enfermas e con menos recursos”.

O presidente da Sociedade Española de Medicina Familiar e Comunitaria (SEMFYC), Josep Basora,  vén de facer unhas desafortunadas declaracións nas que defende o copagamento dos fármacos en función da renda. De ser así os pensionistas deixarían de ter acceso aos medicamentos de forma gratuíta, como é na actualidade, e terían que pagar unha porcentaxe do prezo das medicinas (como as persoas en activo, que abonan o 40 %). Se cadra cómpre recordar que os pensionistas cobran unha media de 750 euros ao mes, o 75% recibe menos de 1000 euros e só unha mínima proporción ten retribucións superiores. Mais as persoas maiores si teñen doenzas crónicas, patoloxías diversas e problemas de dependencia. Suprimir a gratuidade da prestación farmacéutica podería representar un serio revés para moitas economías familiares neste último tramo das súas vidas.

Pero hai que decir que declaracións citadas reflicten a opinión persoal do doutor Basora, xa que a posición desta organización médica, á que teño a honra de pertencer, está recollida nun documento oficial (Copago, conclusiones desde la evidencia científica), no que se afirma: “A SEMFYC está en desacordo coa aplicación de copagamentos nos servizos sanitarios, pois non existen probas concluíntes dos seus beneficios, pero si hai evidencias sobre os seus posibles efectos perxudiciais na equidade e na saúde da poboación, especialmente a máis desfavorecida”. Neste traballo faise unha revisión exhaustiva das experiencias de copagamento en diversos países; os datos existentes desaconsellan a súa implantación.

Se non hai evidencia dos seus beneficios recadatorios e disuasorios, a que se debe tanta insistencia dos actuais gobernantes? Se cadra trátase de instaurar o pago por acto para que o servizo sanitario deixe de ser un dereito para converterse nunha mercadoría pola que hai que pagar. Ou pode que só sexa unha cortina de fume para xerar unha polémica permanente mentres se produce o desvaldimento das arcas públicas por outros mecanismos: a cesión da xestión hospitalaria a empresas privadas, a entrega da tecnoloxía sanitaria, a apropiación indebida dos sistemas de información, etc. Haberá que estar atentos, pois o copagamento é unha ameaza, mais hai outras que temén poñen en serio risco o sistema sanitario público.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.