O crack de 1929

CC-BY-SA Praza Pública

Co gallo de ter escrito un artigo encol dos fascismos e postfascismos decateime que o tema ficaba coxo sen o requisito previo do seu contexto remoto: a análise do fascismo histórico e do ambiente creado polo crack do 1929, que o favoreceu.

Por iso permítome a ousadía de examinar os trazos máis salientables desta depresión case mundial dos anos 1930, que creou un caldo de cultivo axeitado para o abrollo do fascismo histórico e da II Guerra Mundial. Chaman a atención as notorias similitudes desa convulsa época histórica con la situación que padecemos actualmente. Incluso algúns analistas auguran unha nova recesión. Tamén é rechamante unha segunda apreciación. Non aprendemos ren, pois volvemos a cometer os mesmos erros que no pasado. Vostedes, perspicaces lectores, quizais se alarmaron diante a miña rotunda aseveración. Non é tan abrupta e extemporánea como a simple vista puidera parecer. Xúlguena ao rematar a lectura.

Despois da I Guerra Mundial (1914-1918) produciuse na década dos 1920, “Os felices 20” ou “Belle epoque”, unha era de crecemento económico e de aparente prosperidade. Após a guerra iniciouse unha fase de reconstrución, a recuperación da produción nos estados europeos máis afectados polo conflito e un espectacular desenrolo da economía estadounidense, que se convertería na primeira potencia económica mundial. Esa recuperación tras o cuadrienio bélico manifestouse especialmente no sector automobilístico, que arrastrou a outros como a siderurxia, a extracción petrolífera, a petroquímica (abonos, produtos farmacéuticos e derivados do petróleo) e a fabricación de vidro e de neumáticos. Así mesmo se amosou nas innovacións tecnolóxicas e nas formas de produción. Outros sectores industriais tamén experimentaron un notable desenvolvemento: a industria aeronáutica, na súa aplicación civil, a industria eléctrica, que permitiu a electrificación dos fogares, o uso da radio, a difusión do teléfono e do motor eléctrico. Non foron menores os cambios no consumo enerxético, pois mentres se estabilizou o consumo do carbón, o do petróleo cuadriplicouse e o eléctrico triplicouse.

O mundo occidental asistiu a un considerable aumento da produtividade industrial debido a a introdución de novas formas de organización do traballo, o taylorismo, iniciado en EEUU, concretamente na fábrica de automóbiles Ford. Consistía na eliminación dos tempos mortos, a utilización de cadeas de produción e a máxima automatización coa conseguinte redución do tempo de produción e dos custes. Introducíronse novidosos conceptos como produción en cadea, cronometraxe e especialización. O traballador dependía dunha máquina que non controlaba. Ninguén mellor que Charles Chaplin, no seu filme “Tiempos modernos” (1935), para ofrendar unha mostra destes cambios co seu humor acedo, retranqueiro e crítico.

O taylorismo xerou varias consecuencias: un extraordinario incremento da produtividade, un aumento empresarial dos beneficios, a compra de bens máis baratos por parte dos consumidores, o medre do consumo a causa da descenso dos prezos e da presión psicosocial da publicidade sobre os consumidores, que fixo a súa aparición coa súa correspondente escola de psicólogos, a acentuación da concentración empresarial vertical e horizontal e de carteis por mor da esixencia de grandes inversión. Todo isto redundou nunha enorme deshumanización e proletarización do traballo.

Pero os desequilibrios subxacentes ocultaban graves problemas sectoriais, que cristalizaron nunha profunda crise do sistema capitalista e unha longa depresión, cuxo cumio foi o crack de 1929. Baixo la aparente euforia económica latexaban as causas que provocarían esa depresión: un crecemento económico desequilibrado, que danaba primordialmente a agricultura, as materias primas e os sectores industriais envellecidos. O sistema monetario estaba aflixido por dous espiñentos problemas: a inflación e o endebedamento crediticio, ambos derivados fundamentalmente da guerra. A inestabilidade financeira apoderouse da economía debido a perda do valor fixo das principais moedas a respecto do ouro, dos trastornos nos mercados de divisas e do desprazamento de capitais na procura da meirande rendibilidade, creando un ambiente de pura e dura especulación.

Todo este fráxil sistema económico saltou polo ar o 24 de outubro de 1929, o “Xoves Mouro”, coa quebra de bolsa neoiorquina, que se estendeu rapidamente a outros sectores e países. O pánico se apropiouse da banca. En EEUU pecharon uns 5.000 bancos de 23.000, a quebra crediticia bancaria magoou a industria e arruinou a moitos labregos. Recorden a excelente novela de John Steinbeck, “Las uvas de la ira”, levada ao cine, en 1940, baixo a maxistral dirección de John Ford. Entre 1930 e 1932 a crise chegou a Europa e a España en plena II República, contribuíndo á inconsistencia do réxime apenas estreado. En 1931 crebou un dos principais bancos austríacos e a banca alemá pechou durante varios días. En setembro do mesmo ano a libra esterlina sufriu unha severa caída arrastrando a outras moedas e a comezos de 1932 a depresión alcanzaba Francia e España. So a URSS, illada economicamente en virtude de seu réxime político comunista, viuse libre do terremoto económico.

En Europa o abatemento económico maltratou principalmente á siderurxia e á fabricación de automóbiles, ao sector agrario, ao comercio internacional, ao sistema monetario internacional por mor das desvalorizacións, das flutuacións dos cambios monetarios, da creación de zonas monetarias separadas e, en xeral, da adopción de políticas económicas proteccionistas. As secuelas sociais axiña fixeron acto de presencia: destrución masiva de postos de traballo, descenso dos salarios, desemprego, desigualdade, conflitividade, folgas, descontento, crecente contraste entre ricos e pobres e sensación xeneralizada de inxustiza. Todo elo nunha época carente de medidas de protección e previsión social, agravadas polo fracaso das disposicións gobernamentais para afrontala crise. A secuencia máis inmediata implicaría a fraqueza das democracias e o desenvolvemento doutras alternativas, pola esquerda, Socialismo, Comunismo e as Frontes populares (este como compromiso das esquerdas para frear o fascismo), e pola dereita, tendencias autoritarias, ditaduras militares e fascismos.

Fronte a crise nos comezos adoptáronse solucións típicas do liberalismo clásico, unha mestura de austeridade e autoridade, coñecida como deflacionismo, baseada en tres elementos. redución salarial, equilibrio do presuposto do Estado e defensa do valor da moeda. Así o fixeron Hoover, en EEUU, ou Brùning, en Alemaña. Pero resultaron un fracaso. Máis éxito obtivo a política de Roosvelt, que trunfou nas eleccións de 1932 en EEUU e aplicou medidas novidosas, o New Deal (Novo Pacto). Recollía nelas ideas de Keynes, que propoñía o intervencionismo do Estado, algunhas delas vixentes na actualidade: reforma da banca mediante o control dos poderes públicos, contratación de obreiros en paro a cargo da Administración para equipamento público, asegurar aos labregos prezos garantidos, convenios colectivos, salarios mínimos, redución da xornada laboral, inversións públicas en obras civís, actuacións monetarias para controlar a inflación e estimular o consumo, supervisión da actividade bolsista, imposición de cotas á produción de empresas e de explotacións agrícolas, sistema federal de seguro de paro e de pensións, horario máximo de traballo e conversión dos sindicatos en interlocutores dos empresarios.

En Europa os intentos máis orixinais para saír do pozo realizounos a Fronte Popular en Francia a partir de 1936, con medidas sociais análogas ás do New Deal estadounidense: aumento salarial, redución da xornada laboral, contratación de obra pública e outras.

Espero que desta lección da historia aprenderamos algo, pero coido que non. Estou convencido que se aproxima unha nova recesión. El tempo é xuíz fidedigno e inapelable e el sentenciará. Está demostrado que os únicos que aprenden en cabeza allea son os peiteadores.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.