O home tranquilo ten motivos para estalo

Esas liñas telefónicas están botando fume nos días polas chamadas entre Moncloa e o Palacio de San Telmo

A liña de ferro entre Madrid e Sevilla foi a primeira en construirse en España. O teléfono ten xa máis anos, pero esa mesma comunicación entre as capitais andaluza e española toman protagonismo unha vez máis case 25 anos despois. Esas liñas telefónicas están botando fume nos días polas chamadas entre Moncloa e o Palacio de San Telmo, ao que de seguro lles suceden máis entre diversos puntos quentes do poder administrativo socialista como Toledo, Mérida e outros.

Non querendo pasar por pitoniso, máis ben o que trato de facer é chegar á única explicación posible a un comportamento tan anormal, a priori, de Mariano Rajoy.

A operación de Rajoy é unha empresa conxunta entre el por unha banda e pola outra coa parte do aparato socialista radicado en Sevilla coas ramificacións xa mencionadas doutras cidades

Poderiamos pensar que o que menos quere o hoxe Presidente en funcións é deambular por unha investidura fracasada. Non tan só pola comprensible e humana aversión a facer o ridículo ou cando menos a quedar en evidencia por un dobre rexeitamento cando é o único candidato nunha votación. Tamén porque tras dúas eleccións negativas do Congreso quedaría lexítima e legalmente invalidado como candidato á presidencia nunha nova votación ata unhas novas xerais.

Pois ben, o matiz que se ventaba e que se fixo máis palpábel é que a operación de Rajoy é unha empresa conxunta entre el por unha banda e pola outra coa parte do aparato socialista radicado en Sevilla coas ramificacións xa mencionadas doutras cidades. Esa empresa é evidente que é o punto final de tódolos posicionamentos aos que vimos atendendo últimamente entre algúns dos xefes territoriais socialistas e algunhas vellas glorias que se lles xuntan cantando a letra da mesma canción: Antes muerta que izquierdosa.

Para esta operación de acoso e derrubamento contra o oficialmente líder socialista Pedro Sánchez precísase unicamente unha cousa: tempo

Para esta operación de acoso e derrubamento contra o oficialmente líder socialista Pedro Sánchez precísase unicamente unha cousa: tempo. Tempo para ir quentando o panorama socialista polo lado da audiencia, e por outro e sobre todo, no aparato político, no comité federal, dado que é nese ámbito onde é máis doado que uns poucos individuos dean un golpe de man.

Pero quen pode ofrecer ese tempo para que a froita vaia madurando e finalmente caia para que a perspectiva presidencial cambie? Pois claramente, o suxeito que ten a mellor posición para ofrecer unha semana máis é o rei Felipe de Todos los Santos de Borbón. O traballo podémolo disimular cunha nova rolda de consultas aos partidos cando os voceiros xa o deixaron todo clariño, podémolo vestir ben e de xeito atractivo para que os nosos ollos vaian cara onde non deben: foi a casa do rei a primeira que anunciou que Mariano refusaba ser a primeira opción para optar á investidura. Pero en absoluto foi un non sincero. Foi un 'por agora non', como dixo o propio Rajoy na comparecencia que sucedeu ao seu encontro coa súa maxestade.

O 30 de xaneiro, na reunión do Comité Federal do PSOE, saberemos en que queda esta teima de facer todo o necesario para que os grandes poderes queden tranquilos, ao igual que o noso Mariano

As chamadas de teléfono entre Madrid e Sevilla seguirán para contar os todos os detalles e rosmando se a suma será suficiente para o golpe. As presións seguirán. A xente, especialmente a militancia e votantes socialistas poderán (e deberán) manifestar o seu parecer. Pero ao fin, o día 30 de xaneiro de 2016, na reunión do Comité Federal do PSOE, saberemos en que queda esta teima de facer todo o necesario, incluindo un aviso respecto aos votos de socialistas no Congreso, para que os grandes poderes queden tranquilos, ao igual que o noso Mariano. En todo caso, veremos por canto tempo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.