O insulto orixinal

Houbo un día no que decidiron abortar a política convertendo a herexía neoliberal ultracatólica nun dogma de fe unívoco e libre de todo pecado, mesmo alleo a calquera noción de inxustiza, calquera posibilidade de dúbida. Foi entón cando comezamos a minguar, a encoller sen tregua. Mirramos sen remedio.

O anatema lanzado por un frívolo ministro de xustiza desterra da democracia ás mulleres polo propio feito de seren mulleres, reducíndoas a meros seres pasivos, humillados recipientes baleiros privados de vontade, de intelixencia

O parte de baixas dos últimos meses é dun tamaño desmesurado. A enumeración perde sentido polo avultado da cifra final, pola heterodoxia da perda. O anatema lanzado por un frívolo ministro de xustiza devido en marioneta dun sector  tan extremista como minoritario, desterra da democracia ás mulleres polo propio feito de seren mulleres, reducíndoas a meros seres pasivos, humillados recipientes baleiros privados de vontade, de intelixencia. Culpables con condena de cadea perpetua por delito de pecado orixinal.

Persisten en que se nos aparezan caras de bispos nas faixas, cregos nas bragas e sancristáns nos tangas... Antes de que nos privaticen o milagre purificador que nos libere da natureza que nos define, de que nos desafiucen definitivamente do sexo que nos é propio para edificar un Gaiás maiúsculo de ermo cultural con inspiración de convento de clarisas no que criar galiñas pulardas en ofrenda a unha curia mercadotecnicamente caritativa, atrevo a enxergar este modesto alegato de vontade etimoloxicamente natalicia. Non queremos ser simples recipientes baleiros que encher cando o único contido é un pozo sen fondo de morte en vida. Aínda máis morte en vida. Aínda máis morte. Aínda máis. Aínda.

Estamos nas mans dun goberno sobreactuado, declaradamente débil no sadismo contumaz, tan xordo, tan cego, tan ignorante, tan inoperante, tan hipócrita, tan prisioneiro das súas propias contradicións

Estamos nas mans dun goberno sobreactuado, declaradamente débil no sadismo contumaz, tan xordo, tan cego, tan ignorante, tan inoperante, tan hipócrita, tan prisioneiro das súas propias contradicións na unidirección da norma por decreto, sempre estrito e sobredimensionado co fráxil, totalitariamente acusador, absolutamente permisivo co crime cando provén das elites. Sen espazo visible para a tolerancia, o poder exerce unha violencia constante e o maltrato é diario. O xesto e a palabra son apenas insultos. A excepcionalidade ferinte dita a norma dende unha soberbia impotente.

Encollemos e mirramos sen remedio, inexorables na perda descrendo de recuperacións que veñen envoltas no celofán dun marketing de empresa trasnoitado

De tanto encoller, de tanto encrequenarnos, parecemos seres resignados á postura fetal. Fetos asexuadamente alienados dende o tradicional masculino elevado á única categoría digna de ser digna, impoñendo o xénero dende o centralismo unilateral, dende a palabra marcada excluínte que bloquea calquera outra posibilidade. Un continuo falsificado no anatema constante que por definición se boicotea a si mesmo ao negar sistematicamente a diferenza nun bucle de destrución que se reproduce até o infinito no nome da pureza.

Encollemos e mirramos sen remedio, inexorables na perda descrendo de recuperacións que veñen envoltas no celofán dun marketing de empresa trasnoitado. Coñeceremos xaora o respecto do poder dende a postura fetal que outorga a submisión e o medo? Nin por esas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.