O limbo e a política (segundo Machiavelli, claro)

Piero Soderini era o gonfaloniero de Florencia na época en que Machiavelli era secretario da mesma República. Algo así como primeiro ministro o primeiro e un alto cargo “técnico” (un alto diplomático) o segundo.

Dicía Machiavelli que Piero Soderini actuaba con inxenuidade na política, que as súas decisións carecían do realismo esixíbel ao cargo político que desempeñaba. Por iso mesmo, á hora de xulgalo (pola “derrota” da República) non se lle condenaría ao inferno, pero tampouco ao ceo: o seu lugar propio sería o limbo, cos nenos.

Semella que nos últimos tempos algúns están a xogar á “inxenuidade”; ou, máis ben, están a comportarse como “inxenuos”; e iso, como xa apuntaba Niccolò, só leva á ruína  a aqueles que dependen desas decisións políticas

Pero iso non significaba un xuízo favorábel ou “neutral” do secretario respecto do seu superior, senón máis ben o contrario. Un cargo político tiña que saber moi ben con quen se “xoga as cartas” e que se está a xogar, pois hai moito en xogo; e iso que está en xogo non lle afecta exclusivamente a ese dirixente, senón que afecta aos que viven na comunidade gobernada por esa persoa. Isto é, a “inxenuidade” en política é culpábel.

Pois ben, semella que nos últimos tempos algúns están a xogar á “inxenuidade”; ou, máis ben, están a comportarse como “inxenuos”; e iso, como xa apuntaba Niccolò, só leva á ruína  a aqueles que dependen desas decisións políticas.

Non só estamos a referirnos, como semella obvio, a Alexis Tsipras, que, daba a impresión, cría, inxenuamente, estar a “negociar” con “cabaleiros” e non con “mafiosos terroristas”; tamén a certo político español, do que se confía en que teña un prominente futuro, debido a como respostou á pregunta dunha periodista acerca de que lle diría a Merkel se esta non aceptaba as súas ideas sobre como actuar ante a crise en España. O político español manifestaba que lle explicaría á chanceler alemá que as medidas austeritarias estaban a dar lugar a penosos situacións sociais, a unha gran pobreza e empeoramento das condicións de vida da maioría da poboación española. Ante a insistencia da periodista, que lle reclamaba unha opción ante o previsíbel rexeitamento desta argumentación, ou a consideración de irrelevancia da mesma, o político insistía en que faría ver os prexuízos ocasionados a familias, nenos, etc, e a necesidade de modificar esa situación con outra clase de políticas. Ou sexa, pensaba que podía convencer con “bos” argumentos.

Isto é, en pouco tempo o limbo vai ter que poñer o cartel de “completo”

Isto é, en pouco tempo o limbo vai ter que poñer o cartel de “completo”. E a consecuencia de tales “inxenuidades” xa sabemos o que está a significar para o pobo grego; e non hai ningunha dúbida do que significaría para a maioría do pobo español se o político mencionado actúa con esa “contundencia” na defensa dos intereses dos traballadores.

Se non con estas palabras, pero si co mesmo sentido, o que lles diría Machiavelli a estes candidatos ao limbo sería: “É a loita de clases, estúpidos”

Se non con estas palabras, pero si co mesmo sentido, o que lles diría Machiavelli a estes candidatos ao limbo sería: “É a loita de clases, estúpidos”. Hai unha expresión coñecida que di: “No amor como na guerra todo vale”. Pois ben, se da guerra da que se trata é da guerra de clases, esta afirmación ten aínda máis sentido que nunca. É obvio, o estamos a ver, que para os que están a impoñer estas medidas austeritarias todo vale. Non hai ningún tipo de límite para conseguir os seus obxectivos: a aplicación de políticas que acaben con todas as conquistas sociais e leven ao aumento do beneficio dos de arriba, da oligarquía, dos poderes financeiros, da burguesía. Non se “cortan”: non hai ningún prexuízo ético, nin político, nin legal.

Non hai “universalismo kantiano” que valla: estamos no “primeiro nivel de desenvolvemento moral” que é a procura do beneficio como único criterio; tanto dá as consecuencias de sufrimentos para os demais; tanto dá as consecuencias de pobreza, fame, enfermidades, perda de fogares ... En fin, que todos sabemos que eses suicidios ocorridos a causa da crise (por quedarse sen fogar, por sen saber como se vai alimentar a familia mañá, por ...) son asasinatos; e todos sabemos quen son os asasinos. Todos sabemos que os recortes sanitarios matan. E todos sabemos quen son os que matan. Que máis dá¡¡ Iso mellora a conta de beneficios?  Pois ese é o criterio. Os mortos que se deixen polo camiño non conta; o único problema é que resulte “antiestético”; ou que se lles ocorra protestar aos prexudicados: para iso temos as leis e a policía.

Tampouco hai principios políticos que se deban respectar. E iso con todo o descaro. Se hai que substituír a políticos elixidos por “tecnócratas”, pois se fai. Todos sabemos que “tecnócrata” non é outra cousa que un político que é “a voz do seu amo” e todos sabemos quen son os amos. Se hai que impedir que o pobo (o pobo que sexa) exprese a súa opinión, pois faise; ou, cando menos, se intenta (e logo se lle fai pagar se non se conseguiu evitalo). Xa o dixo moi claramente unha ministra (que nun país verdadeiramente democrático, cun presidente de goberno verdadeiramente democrático, sería cesada fulminantemente por esas palabras): é perigoso preguntarlle ao pobo; é perigoso que o pobo vote. Para eles a democracia non é un principio político que se deba seguir; non é unha guía política. É só un recurso retórico, un falar, a ver se nos cremos “a ilusión democrática” e, polo mesmo, aceptamos como “vontade popular” as políticas levadas a cabo por gobernos traidores (traidores porque xuraron, ou prometeron, ter ao pobo como norte das súas decisións). Simplemente considérase e dise, con toda a arrogancia do mundo, que ninguén ve positivo preguntarlle ao pobo (confiando en que a ninguén se lle ocorra que iso teña algo que ver coa mencionada democracia). Pero se a pregunta a fan eles (para así pretender lexitimarse segundo a antedita “ilusión democrática”) e resulta que a resposta non gusta, pois non pasa nada: non se lle fai caso. E punto. Se a falsamente denominada “Constitución europea” non resulta aprobada, pois simplemente se busca “outra cousa” que poida ser aprobada polos que están dispostos a facelo (e que diga, basicamente, o mesmo que esa pseudoconstitución). Se non a aproban os pobos, xa a aprobarán os gobernos e/ou os parlamentos. De pasada, habería que ver a representatividade e os valores democráticos duns gobernos e parlamentos que aproban algo que o pobo acababa de rexeitar en referendo. Pero é igual. Iso axuda a aumentar a conta de beneficios? Pois iso é o importante. “Democracia”, en realidade, dirían, non é máis que unha “palabra bonita”. Pero o primeiro, o que conta de verdade, son os intereses económicos.

Tampouco a lei, que eses mesmos dirixentes se deron, se respecta. É que eses dirixentes si que non son nada inxenuos. Saben o valor das leis

Tampouco a lei, que eses mesmos dirixentes se deron, se respecta. É que eses dirixentes si que non son nada inxenuos. Saben o valor das leis. Se aplican cando benefician (e se elaboraron con ese obxectivo); pero cando é posíbel utilizalas na súa contra, entón se obvian. Non se cumpren, simplemente. Ou se “inventan” organismos ou institucións que carecen de regulamento ou soporte legal que determine os marcos, límites e criterios de actuación. Por exemplo, habería que preguntarse de que institución forma parte a famosa “troika” (ou tamén chamada “as institucións”, ou “panda de mafiosos terroristas”); que lei regula o seu cometido, a que normas responde. Ou tamén habería que cuestionarse que “reunións informais” de cargos políticos e/ou económicos toman decisións relevantes para os pobos; como é iso posíbel sen que haxa que responder a un ordenamento xurídico que regule todo o proceso. Ou tamén se os estatutos do BCE permiten ao seu gobernador tomar de modo discrecional as decisións que lle dea a gana; ou se, pola contra, os tales estatutos determinan a marxe de actuación e se el actuou ao marxe deles. En suma, oímos falar de numerosos grupos de discutíbel encaixe, en canto ao seu funcionamento, nos tratados aprobados; de numerosos grupos dos que se descoñece a normativa que regula todo o seu proceder. É iso posíbel, que non exista unha lexislación á que responder? Para que? É a pregunta. Nin sequera hai que “facer a trampa”; simplemente “pásase” da lei.

Cando o goberno de Alexis Tsipras comezou os seus primeiros pasos, xa se tomaran decisións por parte de mafia terrorista. Todos pensabamos que habería un “plan B” con que responder a esa infamia. E así estivemos un tempo. O pobre ministro de economía grego semellaba que tentaba argumentar economicamente; pero iso pouco importaba ao “consello de administración” da oligarquía europea; estes esixían rendición incondicional: había que dar un escarmento a un pobo que pretendía que a democracia era algo e que valía para algo. Había que deixar moi claro quen mandaba. E, como moi ben veu dicir Carl Schmitt, manda quen ten a capacidade “de pasar de todo” (de impoñer a excepción, “a súa” excepción, cando lle pete). Pero chegou a convocatoria de referendo. E, de novo optimistas, tras o pesimismo anterior, nesa absurda negociación que non era tal, pensabamos que volvía a haber partida, que efectivamente existía un “plan B”. Nova lección de democracia contra o fascismo financeiro e contra os seus portavoces: resulta  moi significativo que non chegue con ter a capacidade de “opinar” en todos os medios: só “eles” teñen real liberdade de expresión; ademais vense na obriga de mentir de modo contumaz; moi pouca confianza na súa capacidade de convencemento: normal¡¡  E a liberdade de expresión non se ve acompañada da responsabilidade polo que se expresa. Todo o contrario; podes falsear a realidade todo o que queiras. E se lle “afeas” a conduta a eses pseudoperiodistas, entón estás atacando a liberdade de expresión; se demostras que menten, manipulan, terxiversan, es ti o que non é demócrata: o mundo ao revés.

A noite da gran vitoria da democracia tivo o seu final amargo. Todos sabemos por que dimitiu o ministro de economía. De novo, a “inxenuidade” da negociación. Non había plan B

A noite da gran vitoria da democracia tivo o seu final amargo. Todos sabemos por que dimitiu o ministro de economía. De novo, a “inxenuidade” da negociación. Non había plan B. Outro Piero Soderini da vida. E unha vez máis, impúxose a barbarie.

Cando menos, hai unha ensinanza que sacar: como nunha partida de xadrez, hai que ter “plan B” e “plan C” e “plan D”. Hai que prever as xogadas, e máis sabendo a caste moral, a indecencia política dos que están enfronte; sabemos como xogan; e sabemos que, ademais, xogan “con malas artes”, que se nos despistamos nos tiran unha torre da mesa cun golpe da man, ou moven un peón como se fose a raíña: fan “trampas”, non respectan ningunha regra: É a loita de clases, estúpidos ¡¡¡

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.