O mesmo PIB pero con 3.500 millóns menos de salarios

A Axencia Tributaria vén de publicar a súa estatística do Mercado de Traballo nas Fontes Tributarias correspondente ao exercicio 2016 onde reflicte a situación dos ingresos da poboación asalariada, tamén  en Galicia.

Un dos datos que inclúe a estatística e a denominada masa salarial, que é o montante global dos salarios recibidos por todas as persoas que traballaron por conta allea. Aquí están todas as persoas asalariadas, porque inclúe tanto as que traballaron  todo o ano como  as que só to fixeron unha parte do mesmo, ben porque se xubilaron, ben porque alternaron períodos con emprego e outros en desemprego.

Fonte: elaboración propia sobre datos Axencia Tributaria

 

En 2008 a masa salarial de Galicia ––a suma de todos os salarios cobrados no noso país––  foi de 20.128 millóns de euros. Este foi o seu máximo valor porque a partires de ese momento empezou a caer e agora, en 2016, a masa salarial é de tan só 18.328 millóns de euros.

Isto é, aínda está 1.800 millóns de euros por debaixo de 2008. Xa pasaron oito anos, levamos  de tres de fase alcista do ciclo económico pero os salarios seguen moi por baixo da cifra previa a recesión.

Un devalo dos salarios que na realidade é maior porque esta comparación está feita en valores nominais, sen ter en conta a evolución da inflación. O IPC acumulado entre 2008 e 2016 en Galicia é o 7,8% e, polo tanto, a caída real da masa salarial elevase a 3.370 millóns de euros, un retroceso do 15% en comparación co ano 2008.

A masa salarial empezou a caer a partir de 2009 como consecuencia da destrución do emprego asalariado provocado pola crise, pero a maior caída, tanto en cifras absolutas como porcentuais, deuse en 2012, como consecuencia das reformas laborais e a devaluación salarial.

En 2009 a masa salarial retrocedeu o 1% e no 2010 e 2011 un 2% en cada ano. Poren, en 2012 o retroceso foi do 7%, a maior caída da serie seguida da de 2013, cun retroceso do 3%.

Taxas de variación da masa salarial en Galicia. Fonte: elaboración propia sobre datos Axencia Tributaria

 

A evolución da masa salarial rexistrada pola Axencia Tributaria confirma o diagnostico sobre o deterioro do mercado laboral como consecuencia das reformas laborais: a devaluación salarial provocada pola reforma veu agravar os efectos da destrución de emprego causada pola recesión.

Na fase inicial a masa salarial cae pola perda de emprego pero na segunda fase ademais de menos emprego hai peores salarios. O resultado é o devalo da parte da renda dedicada a salarios que se reflicte nos datos da Axencia Tributaria.

O bienio 2012/2013 é o bienio negro dos salarios en Galicia, porque en dous anos a masa salarial retrocede un 10%. En cifras absolutas, os salarios retrocederon en 211 millóns de euros en 2009, caeron en 341millóns en 2010, e seguiron na mesma tendencia en 2011, logo da primeira reforma laboral, cunha perda de 411 millóns.

Poren, é a partir de 2012 cando a caída dispárase: perden 1.421 millóns de euros en 2012 e outros 507 millóns en 2013. No bienio negro os salarios perden case 2.000 millóns de euros, catro veces máis que no trienio 2009/2010 cando a recesión foi máis dura, con caídas do PIB do 3,5%.

No ano 2014, co inicio do cambio de ciclo económico, os salarios estancáronse pero a partir dese ano empezaron a medrar,  grazas a xeración de novo emprego e que os salarios, aínda que apenas soben, deixaron de caer. Aínda así, tres anos despois de iniciada a fase alcista do ciclo a masa salarial está moi por baixo da que había fai oito anos.

Esta é unha cuestión fundamental, como se explica  que a finais de 2016 o nivel do PIB estaba xa en cifras similares ás de 2008 pero a retribución dos asalariados, en termos reais, estaba case 3.500 millóns de euros por baixo.

A explicación numérica e sinxela: hai menos asalariados e os salarios medios son máis baixos. Dito doutra forma, porque menos persoas cobrando peores salarios alcanzan o mesmo nivel de produción. 

As razóns de fondo son máis complexas, pero unha que non está moi errada é que a crise foi unha estafa utilizada para provocar unha redistribución da renda en contra dos salarios en favor dos beneficios empresariais. Ou dito coa vella terminoloxía, para recompoñer a taxa de ganancia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.