O presidente do Uruguai é o noso neto Tabaré

O vindeiro ano a miña primeira colaboración na prensa cumprirá 40 anos. Foi no El Diario Español de Montevideo sobre a constitución española de 1978. Despois de centos de notas en diferentes medios sinto que cada vez hai menos xente que queira informarse sobre a moi nobre e xenerosa República Oriental do Uruguai. As pegadas de Galicia poden ser seguidas desde 1527 ata este mesmo 2018. Estou a falar de case cinco séculos nos que os fillos do paraíso atlántico achegan o seu suor para encher de solidariedade os vieiros dunha afastada terra do sur americano.

As pegadas de Galicia poden ser seguidas desde 1527 ata este mesmo 2018. Estou a falar de case cinco séculos nos que os fillos do paraíso atlántico achegan o seu suor para encher de solidariedade os vieiros dunha afastada terra do sur americano

Vou facer un breve resumo de fitos nos que Galicia deixa o seu selo de identidade. O primeiro é falar do mariño Diego García quen nunha carta de 1527 nomea aos nativos coma “charruases”. O tal Diego chámalle “charrúas” xa que o seu aspecto faille lembrar as máscaras do entroido de Allariz. En 1740 temos ao primeiro galego que casa en Montevideo, o mindoniense Alonso Puga Miranda, sarxento do Reximento de Cantabria. A primeira botica da capital uruguaia foi aberta en 1740 por Gabriel Piedracueva Varela, nativo do concello de Miño. O emigrante de Paramos (O Covelo) Francisco Rodríguez Alonso é o dono dunha “pulpería” en Sarandí del Yi (Durazno). En 1782 ergue unha capela na súa propiedade que hoxe é monumento histórico nacional.

Arredor do 1800 os irmáns Xosé e Luís Fernández Bermella de Maside-Ourense levan a Montevideo dous cruceiros de pedra que encargaron a canteiros da súa parroquia de Santa María de Amarante. Son os monumentos máis antigos do Uruguai. Un deles está no cemiterio Central e o outro na igrexa do Cordón.

É necesario ir debullando para logo poder xustificar o meu laio pola escasa atención que  Xunta e Deputacións lle prestan a un país onde aínda a nosa lareira está acesa. En 1811 ten lugar o chamado “Grito de Asencio” que marca o comezo do proceso independentista. O promotor do levantamento foi o alférez Ramón Fernández Ximénez, fillo de Dionisio F. (Arcade-Soutomaior). O primeiro poeta que lle canta a patria uruguaia foi Bartolomé Hidalgo que se considera o fundador da lírica gauchesca no Río da Prata. É moi curioso que nos seus famosos “cielitos” de 1811-1815 use a nosa lingua nun verso ao escribir: echando al hombro un fungeiro. É o primeiro que fai referencia a gaita e aso galegos coma sinónimo de godos (españois). O dous secretarios do heroe nacional don Xosé Artigas son Miguel Barreiro (ata 1815) e Xosé Monterroso (1815-1820), ámbolos dous descendentes de familias cambadesas.

O meu único interese é que a Xunta de Galicia promova máis iniciativas culturais que sexan unha homenaxe aos galegos que axudaron na fundación e mantemento dunha república que camiña con paso firme polo carreiro do progreso

Imos agora a falar dos presidentes uruguaios de ascendencia galega. En 1838 foi presidente interino Gabriel Antonio Pereira e logo, entre 1856-1860, o sexto presidente. Pedro José Varela foi interino en 1868 e logo o décimo presidente en 1875. Lorenzo Latorre foi dictador entre 1875-79 e logo presidente constitucional entre 1879-1880. Francisco Antonino Vidal estudou pediatría en París e foi presidente interino e logo o décimo segundo presidente constitucional. Máximo Santos foi o décimo terceiro presidente. Máximo Tajes foi o décimo quinto. Julio Herrera y Obes Martínez foi o décimo sexto. Claudio Williman González foi o vixésimo. Alfredo Baldomir foi o vixésimo séptimo. Óscar Gestido Pose foi o trixésimo segundo. Tabaré Vázquez Rosas foi o trixésimo noveno na súa primeira presidencia e agora mesmo é o cuadraxésimo primeiro. Don Tabaré é neto por liña paterna de Xosé Vázquez e Dolores Edreira. O avó era da parroquia ourensá da Purísima Concepción de Vilar de Astrés e a avoa da parroquia betanceira de Santiago de Requián.

Don Tabaré remata o seu mandato o primeiro de marzo do 2020. Coido que sería un peche moi emotivo para a súa ética traxectoria que Galicia o distinga como se merece

Fixen unha reducida síntese das obras dos centos de albaneis emigrantes que sementaron alicerces no Uruguai. Os interesados en maior información poden pedir a Montevideo a  documentada publicación “SOBRE GALLEGOS Y ORIENTALES: Familias y Apellidos de Dos Orillas” da autoría de José Monterroso Devesa. O meu único interese é que a Xunta de Galicia promova máis iniciativas culturais que sexan unha homenaxe aos galegos que axudaron na fundación e mantemento dunha república que camiña con paso firme polo carreiro do progreso. Non entendo que ningún parlamentario ou membro do goberno presente á consideración do consello da Xunta a proposta de distinción de don Tabaré (ademais de presidente é recoñecido médico óncologo) como MEDALLA DE OURO de Galicia. Non debemos esquecer que foi médico na Casa de Galicia –-a mutualista galega máis grande do mundo--- o cal o uniu a compañeiros descendentes da emigración que tamén suaron con fidelidade ao país que acolleu aos seus loitadores avós. Don Tabaré remata o seu mandato o primeiro de marzo do 2020. Coido que sería un peche moi emotivo para a súa ética traxectoria que Galicia o distinga como se merece.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.