Canta realidade manexan os manuais de comunicación, unha mentira repetida moitas veces ó final parece case verdade, tan verdade que os mesmos mentireiros a cren. Iso é o que ben acontecendo dende un tempo a esta parte co municipalismo do PSOE. Pensan que son a esencia do municipalismo, mesmo alcaldes do PSOE o levan tan interiorizado que din que son municipalistas. Pois non é certo, non o son, esa é unha das súas grandes MENTIRAS.
A aposta pola atonomía local no PSOE ficou finiquitada coa modificación do artigo 135 da CE que fixo Zapatero e o noso veciño Blanco, coa complicidade necesaria do PP e secuestrando o debate no Congreso, propoñendo este cambio un 23 de agosto.
O PSOE é, xa que logo, o Pai da “estabilidade presupostaria”, está é a nai da LRSAL ou “Lei Montoro”. Polo tanto o PSOE ten o logro de ser na práctica, o avó da Lei Montoro e o seu principio de sostibilidade e estabilidade, principio que tamén afecta as pensións. O PSOE fusilou a Lei de Bases de Réxime Local e baleirou de contidos a administración local. Todo comenzou aquel 23 de agosto, cun xogo de trileiros.
E aínda e todo os alcaldes e alcaldesas socialistas, que saben ben do que falo, din ser municipalistas e acto seguido láianse da Lei Montoro, do teito de gasto e do control do ministerio, repudian pois ó seu neto, hipócritas. Esta é a realidade da “socialdemocracia” estatal, uns fariseos.
Estamos xa case en ano electoral municipal, compre que a opinión pública coñeza esta impostura e saiba quen son os culpables de que os concellos non podan prestar servizos que tiñan, ou cubrir persoal ou axudar a un colectivo. A entente de PP, PSOE neste caso é clara e meridiana, a Troika esixía sangue e a sangue saíu dos Concellos, non das Comunidades nin do Estado. Cando a débeda pública dos concellos era moito máis pequena.
Foron quen pagaron o axuste perdendo autonomía local. Por iso cando veñan con promesas, lembren quen foron os que anularon a capacidade da nosa administración máis cercana.
Galicia ten unha Lei de Administración Local Galega, dende 1997, pero cómpre unha boa reforma e unha lexislación acorde a dignidade de Galicia. Por débeda histórica, por competencias e por realidade. Galicia merece e precisa unha lei a semellanza da vasca que garante a participación dos entes locais nas decisións do goberno de Euskadi. É preciso e pódese facer, mais este cambio ten que vir das eleccións de 2019 cuns concellos fortes e firmes na defensa do seu para construír unha Galicia plena.
Tede en conta quen son os Pais do 135 e da LRSAL(Lei Montoro) PP e PSOE non queren esta capacidade en Galicia, lembrádello cando pidan o voto municipalista.
Publicidade