Ortografía portuguesa para o galego?

Todo sistema de escritura alfabética debe representar do xeito máis fiel e sinxelo a lingua que representa. Esta norma non escrita é atinxida máis ou menos pola maioría dos idiomas, aínda que con notábeis excepcións coma o inglés, cuxa ortografía serve de pouco para aprender a pronuncia correcta, ou un pouco o francés, cheo de letras etimolóxicas innecesarias. O ideal para calquera lingua sería unha ortografía fonética, mais moitos idiomas contan cunha historia ortográfica que lles empece unha revisión neste sentido; con todo son poucos os que dun xeito ou doutro non revisaron as súas ortografías para as faceren máis sinxelas e exactas á hora de representaren os fonemas propios, e así fixeron castelán ou portugués ao longo da súa historia escrita.

O galego, debido á súa situación secular de lingua diglósica e sen dereitos tivo de agardar ata a nosa época contemporánea para ter unha normativa oficial, antes houbo unha tradición ortográfica baseada na usada polo castelán e despois unha contestación a esta a prol dunha ortografía baseada na portuguesa. Esta proposta autodenominada Reintegracionismo xorde do axioma que di: “se galego e portugués son dúas variantes dunha mesma lingua o lóxico é que usen a mesma ortografía”. Verdade a medias dado que ambas as variantes levaban separadas máis de cinco séculos, onde a variante galega sobreviviu como fala popular ao dominio do castelán como lingua culta no seu territorio mentres que a variante portuguesa seguiu desenvolvéndose de seu.

Ao cabo triunfou, como oficial e maioritaria, unha ortografía basicamente castelá con pequenas modificacións e algunhas concesións, maioritariamente morfosintácticas pero tamén léxicas, á norma portuguesa: ao / ó; non representación do alomorfe do artigo indeterminado; plurais de palabras oxítonas acabadas en –L (animais / animás, papeis / papés, español / españós); pronomes demostrativos (este, esta, isto etc.); para / pra, pa; até; porén; no entanto etc.

A ortografía oficial, que afonda na castelanización do idioma, cando menos visualmente, é contestada primeiro polo reintegracionismo, que procura un galego con ortografía portuguesa, e posteriormente co lusismo, que defende a adopción da ortografía estándar portuguesa. Mais tanto a primeira coma a segunda opción presentan algúns problemas ortográficos importantes para os galegos, dado que a ortografía portuguesa está pensada, loxicamente, para o sistema fonético portugués, con importantes diferenzas a respecto do galego. Así adaptar a ortografía portuguesa para o galego (reintegracionismo) formula varios problemas, como o uso de varias letras para o mesmo fonema, e adoptar a normativa estándar portuguesa (lusismo) engade a desaparición de gran parte do noso léxico patrimonial (na comparación uso o léxico estándar de ambos os idiomas tirado do dicionario da RAG e do dicionário Priberam, pois as formas minoritarias coincidentes coa outra lingua non se recollen nos estándares):

B ou V:

É certo que o uso de calquera das dúas letras para o mesmo fonema fricativo bilabial soamente se resolve, tanto na ortografía galega oficial coma na portuguesa, con memorización, mais no caso portugués por mor da frecuente separación da forma patrimonial da forma latina xorde a utilización de ambas as letras nunha mesma familia de palabras, problema que o falante portugués descoñece porque cada letra representa un fonema diferente.

Levan B: abóbada (G.: bóveda), bainha (G.: vaíña), boda (pero: voto e votivo), mobelha (G.: movella Gavia sp.), bexiga (G.: vexiga), baixela (G.: vaixela), baunilha (G.: vainilla), abutre (G.: voitre), embrulho (G.: envurullo), abetarda (G.: avetarda) etc.

Levan V: cavalo, haver, lavor (pero: labor, laboral etc.), lavrar (pero: labrego), alvo ou alvorada (pero: albino), vagem (G.: vaxa), árvore ou arvoredo (pero: arbóreo ou arborescer), avondar, sufixo verbal -va (do Pret. Imp.), fava, sufixo -vel (pero: -bilidade e -bilíssimo. Ex.: amável, amabilidade, amabilíssimo; posível, posibilidade, posibilíssimo), nuvem (pero: nublar e nebuloso), erva ou ervaçal (pero: herbáceo, herbívoro, herborista), dívida ou dever (pero: débito), governo, carvão (pero: carbono), névoa, orvalho, prova (pero: probabilidade, probatório), ceivar, dúvida (pero: dubitativo, indubitável), livre (pero: liberdade, liberal), automóvel (pero: automobilismo), cevada, côvado, saraiva, trave, pevide (G.: pebida), cotovelo, alvanel, turvo (G.: turbio), gavião etc.

 

Z ou C/Ç:

Os portugueses usan Z cando pronuncian S sonoro e C/Ç cando pronuncian S xordo, mais aos galegos non nos quedaría outra que botar de memoria.

Levan Z: cozinha, lazer (G.: lecer), vizir (G.: visir), bezerro, fazer (pero: faço, façamos…), azeite, conduzir (pero: condução), onze… quinze, bronze, aduzir, prazer, cozer, zíngaro, produzir (pero: produção), zelo (pero: cio e ciúme), zéfiro, zero, zebra, zimbório, azinheira, rodízio, azedo (pero: ácido), armazém, dúzia, donzela, jazer, tornozelo (G.: tornecelo), urze (G.: uz e urce), buzina, búzio, petiz (G.: petís), fuzil (G.: fusil), dizimar (pero: décimo), zibelina etc.

Levan C/Ç: cigano, caçapo, peça, praça, berço (G.: berce), peçonha, pedaço, caça, riço, andaço, braço, raça, alçar, março, doçura, conaça (G.: conacha), traça, quiçá, Suíça, viço, paço, dançar, graça, cabaça, maçar, aço (G.: aceiro), açafata, calabouço, garça, lança, calçar, bouça, traição etc.
Mais o C/Ç portugués pode non se corresponder cun Z usado en galego: carracha (G) = carraça (P), carapucha ou caparucha (G) = carapuça (P), cóxegas (G) = cócegas (P), xenreira (G) = cenreira (P), pallaso (G) = palhaço (P), musulmán (G) = muçulmano (P), masón (G) = mação (P), populacho (G) = populaça (P), seda (dun cocho) (G) = cerda (P), complexión (G) = compleição (P) etc.

Acaban en –ZA: beleza, lindeza, grandeza, lixeireza, natureza, presteza, ligeireza, riqueza, certeza, nobreza, realeza, alteza, estranheza, avareza, proeza, afoiteza etc.; mais en –ÇA: presença, raça, cobiça, pertença, força, diferença, folgança, preguiça, justiça (pero: justeza), licença, sentença, avença (G.: avinza), peliça, aliança etc.

E algunhas palabras levan xuntos –SC–: empubescer, enrubescer, adolescer, arborescer, crescer, nascer, descer, pascer e pascigo (G.: pasteiro) etc.; mais casos en que o galego ten estas dúas consoantes, simplifícanse en portugués: douscentos (G) = duzentos (P) e trescentos (G) = trezentos (P).

 

S ou SS:

De novo os galegos teriamos que memorizar o uso de S simple ou S duplo, onde os portugueses só teñen que botar man da súa diferente pronuncia: S sonoro ou S xordo.

Levan S: mesa, asilo, asa (G.: á e asa), musa, asir, prisão, sabão (G.: xabón), casa, isento (G.: exento), presa (pero: pressa (G.: présa)), sapato (G.: zapato), seringa (G.: xiringa), soco (G.: zoco), asinha (G.: axiña), surdo (G.: xordo), sumo (G.: zume), samarra (G.: zamarra), sanfona (G.: zanfona), siba (G.: zoo. xiba),  alferes (G.: alférez) etc. Como se ve moitas palabras nin sequera coinciden co fonema usado en galego.

Levan SS: passo, asseio, assinar, assar, missa, massa, espesso, crasso, grosso, pressão, cassa (G.: gasa), assumir, isso, pressentir, assassino, pêssego (G.: pexego), osso, passar, cessar, assaltar, possuir, escasso, interesse, progresso, gesso, condessa e abadessa (pero: duquesa e marquesa), vassalo, acossar, fracasso, classe, assear, professor, essência, excesso, acosso, assistir, promessa etc.

 

J e G+e/i ou X:

Os portugueses memorizan o uso de J ou G+e/i, coma os casteláns, na representación do fonema prepalatal fricativo sonoro, e fan o mesmo, usando X ou CH, na do prepalatal fricativo xordo. Os galegos, que pronunciamos prepalatal fricativo xordo e prepalatal africado xordo, teriamos de memorizar, sobre todo, no uso de J, G+e/i ou X para o primeiro.

Levan J: jeito, jeira, aleijado, beijo, queijo, rijo (G.: rexo), jejum, sujeito, laje, carqueja, hoje, ajôujere, majestade, gorja, rejeitar, poejo, coruja etc.; e G: gente, gerar, girafa, fugir, engenho, gengiva (G.: enxiva), algibe, herege etc.; mais pode haber J e G na mesma familia: monja e monge; relógio e relojeiro/relojoeiro.

Levan X, para representar a pronuncia prepalatal fricativa xorda: caixa, faixa, eixo, enxoval, deixar, seixo, teixo, peixe, enxugar, enxame, xarope, lixo, coxo, bruxa, coxa, marraxo, mexer, graxa (pero: grassento), lixívia, mexilhão, buxo, frouxo, enxebre etc.; e tamén o S sonoro nalgunhas palabras: exército, exercício, exemplo, executar, exame etc.

Mais ás veces a correspondencia galega-portuguesa é moi distinta da esperada, así: xefe (G) = chefe (P), chorro (G) = jorro (P), tabaquismo (G) = tabagismo (P, pero: tabaco), celosía (G) = gelosia (P), rousinol (G) = rouxinol (P) etc.

 

As secuencias QU- e GU-:

Unha serie de palabras onde o galego maioritariamente perdeu a secuencia latina“QUA-” debería recuperala, ao menos na escrita: quadrado, qual, quotidiano (G.: cotián), quanto, quando, qualquer (G.: calquera), quase, quarenta (G.: corenta), quatro, quantia (G.: contía), quaresma (G.: coresma), quota (G.: cota), qualidade (G.: calidade), quociente, quadril etc.; mais: caderno ou catorze.

O dígrafo QU- tamén se usaría na maioría das palabras que pronuncian CU+vogal: equador, sequela (P)/seqüela (B), quartzo, sequestro (P)/seqüestro (B), antiquado, aqueduto, cinquenta (P)/cinqüenta (B), iníquo, ventríloquo etc.; mais esta regra tamén ten as súas excepcións: cuidar (G.: coidar), cueiro, inócuo, vácuo, conspícuo etc.

E tamén pasarían a escribirse con GUA- algunhas palabras que comezamos maioritariamente por GA- e GO-: guardar (G.: gardar), guarecer (G.: gorecer), guarnecer (G.: gornecer), guarida (G.: gorida) etc.

 

Sen e con N:

Hai unha gran cantidade de palabras galegas rematadas en –N que desaparece en portugués. O troco de –N final por –M final (Ex.: ben(s) / bem, bens; refén(s) / refém, reféns; sen / sem, son(s) / som, sons; un(s) / um, uns; don(s) / dom, dons etc.) non sempre é posíbel dado que o ditongo nasal final portugués –ÃO afecta a moitas máis palabras e ademais non teñen un único plural, así –ÃO > –ÕES: condición(s) / condição > condições, balón(s) / balão (globo) > balões, corazón(s) / coração > corações, sesión(s) / sessão > sessões; –ÃO > –ÃES: can(s) / cão > cães (pero: canídeos), faisán(s) / faisão > faisães, gardián(s) / guardião > guardiães, sacristán(s) / sacristão > sacristães; –ÃO > –ÃOS: cidadán(s) / cidadão > cidadãos (pero: cidadania), cristián(s) / cristão > cristãos (pero: cristandade), chan(s) / chão > chãos, pagán(s) / pagão > pagãos (pero: paganismo); mesmo hai palabras que admiten varios plurais: aldeán(s) / aldeão > aldeãos, aldeões e aldeães; ermitán(s) / ermitão > ermitães, ermitãos e ermitões; anano(s) / anão > anãos e anões; horticultor(es) / hortelão > hortelãos e hortelões (e fem: horteloa) etc. E tamén hai palabras que acaban en simple vogal nasal: afán / afã, fan / fã, imán / ímã (B), cana / cã etc.

Así mesmo hai palabras que en galego non acaban en consoante nasal, mais si na escrita portuguesa –que non na pronuncia–: paxe / pajem, onte / ontem, así / assim, nube / nuvem, viaxe / viagem, home / homem, si / sim, orde / ordem, virxe / virgem etc.

Con todo, cando o portugués quere representar a consoante nasal final usa –N: sémen, pólen, hífen, éden, pláncton, hímen, cólon, espécimen, glúten, cânon, nêutron, líquen etc.; cultismos todos que engaden –ES para formaren o plural: abdómenes, líquenes, dólmenes, especímenes etc.

 

Secuencia –MN–:

Unhas palabras conservan a secuencia culta –MN– e outras a perden, porque é a súa pronuncia culta a que decide a conservación ou simplificación destas consoantes: amnésia, amnistia, indemnizar, omnipotente, omnívoro etc.; mais: aluno, hino, calúnia, solene, coluna etc.

 

Sen H:

O hache pérdese no interior de palabra se non forma parte dun dígrafo: herdar / deserdar, honra / desonra, hábil / inábil, humano / inumano, honesto / desonesto etc.; agás que leve trazo diante: extra-hospitalar, supra-humano e sobre-humano, hiper-hedonismo, anti-herói, pré-história etc.

 

Engadindo E:

Algunhas palabras monosilábicas galegas pasan a ser bisílabas en portugués: val / vale, tul / tule, mol / mole, pel / pele, clon / clone etc.; mais: mel (pl.: meles ou méis), fel (pl.: feles ou féis), gel (pl.: geles ou géis), mal (pl.: males), fiel (pl.: fiéis), cal (pl.: cais e cales), til (pl.: tis e tiles) fuel, sal (pl.: sais) etc.

Ao problema que dá saber o uso axeitado das letras, engádase agora o complexo sistema de acentuación do portugués, sobre todo se o comparamos co actual do galego oficial. Así o acento circunflexo, que indica vogal media pechada, tamén se aplica ao A: elegância, câmbio, substância, lâmpada, âncora, Islândia, cândido, dinâmico, gândara etc.;  acentúanse palabras monosilábicas e acabadas en ditongo decrecente, pero non todas: pá, mês, pé e pê, pó e pô, céu, chá, gás, fé, véu, três (pl.: treses), já, lá, cá, réu, quê, cê, réu (f.: ré), chapéu, mausoléu, troféu, herói, etc., mais: deus, lei, hebreu, arameu, museu, judeu, camafeu etc.; hai palabras que por mor da consoante final levan acento ou non segundo o seu número: anzol e anzóis, pastel e pastéis, lençol e lençóis, anel e anéis, sol e sóis  etc.; os hiatos acentúanse ou non segundo a consoante que siga: baía, faísca, ruído, país, saúde, miúdo, ruína, paraíso, saída etc., mais: ainda, moinho, bainha, oriundo, adail (pl.: adaís), rainha, raiz (pl.: raízes), baiuca, cair, xiita, ruim, juiz (pl.: juízes), alauita, sair (verbo onde hai formas persoais que se acentúan e outras que non: saí, saíste, saíra, saísse, saíres e saiu, sairdes, sairmos), possuir e possuído etc.; hai palabras con dous signos ortográficos: Bálcãs, sótão, ímã (B) (pero: íman (P)), órfão, Cristóvão, órgão, bênção, acórdão, orégão etc.; o til non soamente se usa nos ditongos nasais finais pois tamén aparece en calquera posición, tónica ou átona: cãibra (G.: cambra), lã (G.: la) e lãzudo (G.: lanzudo, lanudo), romãzeira (G.: bot. milgranda), rã (G.: ra), sã (G.: sa), chã (G.: chá), vã (G.: va) etc.; tamén hai palabras con dúas posibilidades segundo o país: protão (Portugal) e próton (Brasil), neutrão (P) e nêutron (B), género (P) e gênero (B), oxigénio (P) e oxigênio (B), sémen (P) e sêmen (B), bebé (P) e bebê (B), tranquilo (P) e tranqüilo (B), ténue (P) e tênue (B), abdómen (P) e abdômen (B), génio (P) e gênio (B), sequência (P) e seqüência (B) etc.; e ademais, hai toda unha morea de palabras que mudan a tonicidade con respecto ao galego: cerebro (G) = cérebro (P), bosquimán (G) = bosquímano (P), crisantemo (G) = crisântemo (P), demócrata (G) = democrata (P), pantano (G) = pântano (P), límite (G) = limite (P), síntoma (G) = sintoma (P), mediocre (G) = medíocre (P), Madagascar (G) = Madagáscar (P), anécdota (G) = anedota (P), arquetipo (G) = arquétipo (P), acróbata (G) = acrobata (P), Etiopía (G) = Etiópia (P), miope (G) = míope (P), nivel (G) = nível (P), hábitat (G) = habitat (P) etc.

Tamén está o “anárquico” uso do trazo unindo prefixos cultos e palabras que, grazas ás súas complicadas regras, esixe botar man da memorización de léxico, así ocorre con palabras galegas ben usuais, onde unhas levan trazo e outras non: fura-bolos, segunda-feira… sexta-feira, à queima-roupa, vice-rei, sal-gema (G.: sal xema), finca-pé, salva-vidas, para-água, para-raios, curta-metragem, baixo-relevo, alto-plano (G.: altiplano), abre-latas, guarda-costas, norte-americano, franco-atirador, salvo-conduto, saca-rolha, arranha-céu etc., mais: pontapé, madressilva (G.: madreselva), autorretrato, motosserra, ultrassom, contrassinal, infraestrutura, hiperativo, semianalfabeto etc.; moitos prefixos levan trazo ou non segundo a letra que preceden, como: supra-auricular e suprarrenal, mini-hambúrguer e minisaia, pós-guerra e posfácio ou postónico, anti-infeccioso e antiabolicionista ou antissemita, cor-de-rosa e cor de vinho ou cor de café, guarda-roupa e guardanapo, gira-discos e girassol, neo-realismo e neologismo, arco-da-velha e arcobotante, para-brisas e paraquedas, passa-rios (= pica-peixe) e passaporte, micro-onda e microfone, madre-cravo (bot.) e madrepérola, Grã-Bretanha e Reino Unido, euro-asiático e eurodeputado ou eurocêntrico, luso-brasileiro e lusodescendente ou lusófono, proto-história e protolíngua, pseudo-sábio e pseudociência, Guiné-Bissau ou Timor-Leste e Cabo Verde ou São Tomé e Príncipe, altifalante e alto-falante, extraescolar e extra-hospitalar etc.; e as palabras con trazos forman plurais inusuais: guarda-chuva > guarda-chuvas pero guarda-marinha > guardas-marinha e água-marinha > águas-marinhas; ou couve-flor > couves-flores pero sempre-viva > sempre-vivas etc.

Finalmente, adoptar o portugués tamén implica unha importante mudanza de vocabulario, onde hai palabras que non significan o que parecen: cágado (P) = sapoconcho (G) e cágado (G) = girino (P), lunar (s) (G) = sinal (P), sótão (P) = faiado (G) e soto (G) = cave (P), teto (P) = teito (G), poupar (P) = aforrar (G) e poupar (G) = apalpar (P), aceite e aceitar (P) = aceptado/a e aceptar (G) e azeite e azeitar (P) = aceite e aceitar (G), roxo (P) = morado (G) (pois roxo (G) = cor vermella amarelada ou castaña avermellada), trair (P) = traizoar (G) (pois trazer (P) = traer, traguer (G)) lagarta (P) = eiruga (G) (G lagarta = lagartixa P), fraco (P) = feble (G), presunto (P) = xamón (G), coche (G) = carro (P) e carro (G) = carroça (P) e carroza (G) = coche (P), almoço (P) = xantar (G) e jantar (P) = cea (G) e almorzo (G) = pequeno-almoço (P), varanda (P) = balcón (G) e balcão (P) = mostrador ou barra (G), misto (P) = mestura (G) e misto (G) = fósforo (P), avó (G) = avô (P) pero avó (P) = avoa (G), ilhoa (P) = insular (f) e ilhéu (P) = insular (m), faro (G) = farol (P) e faro (P) = olfacto do can (G) e farol (G) = candeeiro (P), romance (P) = novela (G) e novela (P) = relato longo (G), tomada (P) = enchufe (G), reforma (P) = xubilación (G), salsa (P) = perexil (G),  etc.

Outras que trocan ou mudan de lugar unha consoante: lura (G) = lula (P), meniño (G) = menino (P), paxaro (G) = pássaro (P), disfrace (G) = disfarce (P), facultade (G) = faculdade (P) (pero: facultar), campiña (G) = campina (P), sur (G) = sul (P), dificultade (G) = dificuldade (P) (pero: dificultar), bolboreta (G) = borboleta (P), cascada (G) = cascata (P), xabaril (G) = xavali (P) etc.

Outras que trocan vogais: mãe (P) = nai, mai (G), fêmea (P) = femia (G), várzea, várgea (P) = varcia, varxa (G), côdea (P) = codia (G), coisa (P) = cousa (G), inteiro (P) = enteiro (G), coice (P) = couce (G), véu (P) = veo (G), dois (P) = dous (G), couro (P) = coiro (G), tufão (P) = tifón (G), vassoura (P) = vasoira (G), magusto (P) = magosto (G), direito (P) = dereito (G), lendia (G) = lêndea (P), comprido (P) = cumprido (G), belota (G) = bolota (P), vizinho (P) = veciño (G), vau (P) = vao (G), todo (s) (G) = tudo (s) (P), coñecemento (P) = conhecimento (P), cubrir (G) = cobrir (P), tusir (G) = tossir (P) (nestas dúas palabras a pronuncia portuguesa coincide exactamente coa escrita galega), curuxa (G) = coruja (P), balor (G) = bolor (P), cenoria (G) = cenoura (P), gárgula (P) = gárgola (G), táboa (G) = tábua, envexa (G) = inveja (P), alumiar (P) = alumar ou alumear (G), joelho e geolho (arc, pop.) (P) = xeonllo e xollo (G), moco (G) = muco (P), hasta (G) = haste (P), mao (G) = mau (P), fame (G) = fome (P; pero: faminto, famélico), cogomelo (G) = cogumelo (P), muíño (G) = moinho (P), anguía (G) = enguia (P), salvaxe (G) = selvagem (P), mexar (G) = mijar (P) etc.

Ou que as mudan de lugar: tapia (G) = taipa (P), barrio (G) = bairro (P), rubio (G) = ruivo (P, o G roibo troca a vogal), rabia (G) = raiva (P), vigairo (G, e admitida como pop. en port.) = vigário (P), apio (G) = aipo (P), tebra (G) = treva (P), cóengo (G) = cónego (P), etc.

Outras onde desaparecen vogais ou consoantes: teixugo (G) = texugo (P), párroco (G) = pároco (P), chuvia e choiva (G) = chuva (P), avoa (G) = avó (P), troita (G) = truta (P), breixo (G) = brejo (P), acto (G) = ato (P), hedra (G) = hera (P), cheminea (G) = chaminé (P), loita (G) = luta (P), baúl (G) = baú (P), eiroa (G) = eiró (P), moucho (G) = mocho (P), almorzo (G) = almoço (P), acá e acó (G) = cá (P; pero: aqui), alá e aló (G) = lá (P; pero: ali), fento e fieito (G) = feto (P), polea (G) = polé (P), cacto (G) = cato (P; pero: cactácea), persoa (G) = pessoa (P; pero: personagem), defensa (G) = defesa (P; pero: defender), filloa (G) = filhó (P), rexistro (G) = registo (P), amidón (G) = amido (P), anano (G) = anão (P), cereixa (G) = cereja (P), área (G) = are (P), inestábel (G) = instável (P), regra (G) = régua (P, instrumento), clan (G) = clã (P), rostro (G) = rosto (P), mais (G) = mas (P), a soas (G) = a sós (P), cristián (G) = cristão (P), despois (G) = depois (P), moa (G) = mó (P), vinteoito (G) = vintoito (P) etc.

Ou onde aparecen: reloxo (G) = relógio (P), ameixa (zoo.)(G) = amêijoa (P), contido (G) = conteúdo (P), aldea (G) = aldeia (P; pero: aldeão), simple(s) (G) = simples (s. e pl.) (P), chopo (G) = choupo (P), so (G) = sob (P), febreiro (G) = fevereiro (P), idea (G) = ideia (P; pero: idear, ideal), emprender (G) = empreender (P), sutil (G) = subtil (P), cheo (G) = cheio (P), xesta (G) = giesta (P), feo (G) = feio (P; pero: fealdade, afear), comprender (G) = compreender (P), suco (G) = sulco (P.; P. suco = G. zume), tamén (G) = também (P), xeo (G) = gelo (P), soidade (G) = solidão (P), oso (G) = urso (P), avogado (G) = advogado (P), á (G) = asa (P), sotana (G) = sotaina (P), esquío (G) = esquilo (P) etc.

E tamén outras onde desaparecen ou se engaden sílabas: oferecer, atirar (tirar, lanzar), pérola, enxaqueca, oferenda, misto (G.: mestura), enxofre, cético (G.: escéptico), gravanço (G.: garavanzo), amanhã (G.: mañá – o día seguinte), esfregar, decalcar (G.: calcar = copiar), cena (G.: escena), bondoso (G.: bondadoso), besouro (G.: abesouro), alaúde, carregar, espargir (G.: esparexer), anteontem, naco (G.: anaco), ruga (G.: engurra) etc.
Ademais, están as que teñen dúas grafías ou formas, segundo a banda do Atlántico: caráter (B) e carácter (P), aquarela (B) e aguarela (P), metrô (B) e metro (P), fato (B) e facto (P), receção ou recepção, nêutron (B) e neutrão (P), esfregão (B) e esfregona (P), esporte (B) e desporto (P), tecladista (B) e teclista (P), húmido (P) e úmido (B), secção (P) e seção (B), aspeto (P) e aspecto (B), equipe (B) e equipa (P), handebol (B) e andebol (P), gol (B) e golo (P), amnistia (P) e anistia (B), champô (P) e xampu (B), alforge (P) e alforje (B), connosco (P) e conosco (B), rúgbi (B) e râguebi (P), console (B) e consola (P), Madri (B) e Madrid (P), Helsinque (B) e Helsínquia (P), beringela (P) e berinjela (B) (berenxena), Singapura (P) e Cingapura (B), jacto (P) = jato (B) etc.

E habería que admitir os castelanismos do portugués e as súas formas coincidentes co español: acéquia, paliçada, penha, jarra, fruta, apaziguar (apazugar), concha, lantejoula, potro, gineta (zoo.), calabouço, veneno, castelhano (pero: Castela), cavalheiro, senha, luto, frente, açucar, orca, rocio (resío, rosada), molinete, colina (cuíña), exigir, genciana (bot. xanzá), terreno, relinchar (rinchar), traje, alca (zoo. carolo Alca torda), ultraje, tejadilho (dun vehículo), lhano, exagerar, mariposa (avelaíña), soja (soia), soçobrar, hediondo, frente, palito (escarvadentes), fiambre, cabecilla, bílis (bile), trecho, repolho, anilho, obscuro, colmilho (cairo, cabeiro), cortejo, compostelano, salamandra (píntega, salamántiga), arrojar etc.

E tamén unha manchea de estranxeirismos asumidos polo portugués: envelope (P) = sobre (G), omeleta (P) = tortilla (G), cachecol (P) = bufanda (G), gare (P) = plataforma (G), basquetebol (P) = baloncesto (G), andebol (P) = balonmán (G), ateliê (P) = obradoiro (G), batom (P) = lapis/barra de labios (G), bife (P) = bisté, filete (G), sutiã (P) = suxeitador, axustador, teteiro (G), greve (P) = folga (G), xurado (G) = júri (P), parálise (G) = paralisia (P), hambúrguer (P) = hamburguesa (G), tarte (P) = torta (G e B), ícone (m) (P) = icona (G) etc.

E pola contra, rexeitar unha morea de palabras galegas moi comúns que simplemente non existen no portugués estándar: crego, freire (o P. só admite “freira” e “frade”), xouba e parrocha, saba (P.: lençol), baleiro (adx.), esmorga, tileiro (P.: tília), habelencia, agarimo, hórreo (P.: espigueiro), rapaza, doado (adx.), encoro, pucha, cara a, mentres, agás, xurdir (P.: existe como dial. con significado distinto), abrente, pradairo (P.: ácer, bordo), solpor, birollo, botella (P.: garrafa), bilha (P.: torneira), caída (P.: queda), barbantesa (P.: louva-a-deus), amencer, calzóns (P.: cuecas), bragas (P.: calcinhas), pataca (P.: batata), parrulo, fiestra (pero P.: fresta e fenestrar), braña, bubela (P.: poupa), dioivo, orxo, polo (P.: frango), deda, alferga, cascuda (P.: barata), pavo (P.: peru) etc.

Hai unha serie de palabras con diferente terminación: aptitude (G) = aptidão (P), científico (s.) (G) = cientista (s.) (P), gratitude (G) = gratidão (P), escravitude (G) = escravatura, escravidão (P), londiniense (G) = londrino (P), multidão (P; pero: multitudinário), percebella (G) = percevejo (P), mansedume (G) = mansidão (P), parlamentario (G) = parlamentar (P), ourensán (G) = ourensano (P), partidista (G) = partidarista (P), alimentario (G) = alimentar (P), exactitude (G) = exatidão (P), caciquil (G) = caciquista (P), lentitude (G) = lentidão e lenteza (P), hospitalario (acolledor) (G) = hospitaleiro (P), erosionar (G) = erodir (P), provisional (G) = provisório (P), rexeitamento (G) = rejeição (P), conflitivo (G) = conflituoso (P), cempés (G) = centopeia (P), misioneiro (s.) (G) = missionário (s.) (P) etc.

E unha manchea que trocan de xénero (G/P): pétalo / pétala, cólera (doenza) / cólera (f), alarma / alarme (m), calor / calor (m), dínamo (f) / dínamo (m), alerta / alerta (m), rama / ramo, valse (m) / valsa (f), insomnio / insónia, aluvión / aluvião (f), croqueta / croquete (m), apocalipse (f) / apocalipse (m), retrete / retrete (f), cal (CaO) (m) / cal (f), garaxe / garagem (f), crema / creme (m), trípode (m) / trípode (f), cólico / cólica, suor / suor (m), cráter / cratera (f), maratón / maratona, ducha / duche (m), eclipse (f) / eclipse (m), estante (m) / estante (f), área / are (m), protesta / protesto etc.

O galego posúe unha boa serie de contraccións entre as preposicións máis usadas e os artigos, os pronomes persoais tónicos de terceira persoa e os indefinidos; mentres que o portugués ten menos, mais tamén algunha que o galego descoñece. Ao usar o estándar portugués moitas permanecen, coas lóxicas mudanzas ortográficas ou morfolóxicas:

Do, da…; no, na…; num, numa (nunha)…; dele (del), dela…; nele, nela…; deste, desta…, neste…, desse (dese), dessa…, nessa…, daquele (daquel), daquela…, naquela…; noutro, noutra…, estoutro, destoutro, nestoutro…, essoutro (esoutro), dessoutro, nessoutro…, naqueloutro…; nalgum, nalguma (nalgunha)…; pelo (polo), pela…

Outras pasan a ser opcionais, mais con preferencia pola non contracción:

De um/dum (dun), de uma/duma…; de alguma/dalguma (dalgunha)…; de outro/doutro (doutro)…; de outrora/doutrora (de outrora).

Porén, outras galegas ben habituais desaparecen:

Co, coa… (P.: com o, com a…), cun, cunha… (P.: com um, com uma…). Curiosamente a contracción da prep. “para” e os artigos determinados si está admitida, aínda que preterida: pro, pra… (G: pró, prá…).

E aparecen algunhas novas:

Daqui, daí, dali, dacolá; donde, aonde; àquele, àqueloutro…; noutrem; nalguém.

Ademais, moitos adverbios e locucións presentan unións e separacións ao contrario do galego normativo (G/P): acotío / a cotio, a miúdo / amiúde, arreo / a réu, a través de / através de, de balde / debalde, de certo / decerto, decontino / de contínuo, decote e decotío / de cote e de cotio, á(s) présa(s) / depressa e à pressa, de fronte / defronte, deseguida e enseguida / de seguida e em seguida, de veras / deveras, encima de / em cima de, embaixo / em baixo, enfronte / em frente, entre tanto / entretanto, sobre todo / sobretudo etc.

No plano morfosintáctico tamén habería que renunciar a unha chea de trazos propios: pronomes tónicos modificados ou desaparecidos: ti (P.: tu e você), el (P.: ele), vostede (P.: o senhor/a senhora), nosoutros/nosoutras e vosoutros/vosoutras (sen uso en portugués) e vós (de escaso uso no portugués europeo e extinguido no brasileiro); desaparición do pronome átono: che (P.: te) e as súas contraccións: cho, cha... (P.: to, ta...), e das contraccións: llelo, llela... (P.: lho, lha...); inexistencia das conxuncións comparativas: coma e ca; uso residual dos posesivos de propiedade: de meu, de seu...; e inexistencia dos posesivos distributivos: cadanseu(s) e cadansúa(s); modificación do artigo indeterminado feminino: unha(s) (P.: uma(s)); e dos indefinidos: ningún, ningunha... (P.: nenhum, nenhuma...) etc.

A conxugación nos verbos regulares é moi similar en ambas as variantes, fóra de que o portugués europeo soamente usa actualmente cinco desinencias persoais e o brasileiro tres, fronte ás seis orixinais que conserva o galego:

Galego: eu amo, ti amas, el/ela ama, nós amamos, vós amades, eles/elas aman.
Portugués: eu amo, tu amas, ele/ela/você ama, nós amamos, vocês/eles/elas amam.
Brasileiro: eu amo, você/ele/ela/a gente ama, vocês/eles/elas amam.

Non se esqueza que o portugués e brasileiro “você(s)” e o brasileiro “a gente” funcionan como auténticos pronomes e non como tratamentos de cortesía.

No entanto, o problema serio comeza ao comparar os tempos verbais máis usados: os dos verbos irregulares. Vexamos as formas de Presente e Pretérito Imperfeito de Indicativo dalgúns verbos:

Facer/Fazer: Pres.: fago/faço, fas/fazes, fai/faz, facemos/fazemos, facedes/fazeis, fan/fazem; Pret.: fixen/fiz, fixeches/fizeste, fixo/fez, fixemos/fizemos, fixestes/fizestes, fixeron/fizeram.
Ir: Pres.: vou/vou, vas/vais, vai/vai, imos/vamos, ides/ides, van/vão; Pret.: fun/fui, fuches/foste, foi/foi, fomos/fomos, fostes/fostes, foron/foram.
Vir: Pres.: veño/venho, vés/vens, vén/vem, vimos/vimos, vindes/vindes, veñen/vêm; Pret.: vin/vim, viñeches/vieste, veu/veio, viñemos/viemos, viñestes/viestes, viñeron/vieram.
Pór-Poñer/Pôr: Pres.: poño/ponho, pos/pões, pon/põe, pomos-poñemos/pomos, pondes-poñedes/pondes, pon-poñen/põem; Pret.: puxen/pus, puxeches/puseste, puxo/pôs, puxemos/pusemos, puxestes/pusestes, puxeron/puseram.
Dicir-Decer/Dizer: Pres.: digo-dezo/digo, dis-deces/dizes, di-dece/diz, dicimos-decemos/dizemos, dicides-decedes/dizeis, din-decen/dizem; Pret.: dixen-decín/disse, dixeches-deciches/disseste, dixo-deceu/disse, dixemos-decemos/dissemos, dixestes-decestes/dissestes, dixeron-deceron/disseram.
Traer-Traguer/Trazer: Pres.: traio-trago/trago, traes-tragues/trazes, trae-trague/traz, traemos-traguemos/trazemos, traedes-traguedes/trazeis, traen-traguen/trazem; Pret.: trouxen/trouxe, trouxeches/trouxeste, trouxo/trouxe, trouxemos/trouxemos, trouxestes/trouxestes, trouxeron/trouxeram.

Como se ve as similitudes son moitas menos. Coido que un deberá aprender de novo a conxugación dos verbos irregulares se non quere cometer erros.

Por último, con frecuencia acúsase o estándar galego de se afastar da lingua real, de ser un idioma inventado por mor das súas diferenzas coa linguaxe oral maioritaria, chea de castelanismos, tanto léxicos coma morfosintácticos. Realmente pódese crer que un estándar moitísimo máis distanciado e máis difícil de escribir con corrección (para nós), como o portugués, vai conseguir un maior uso do galego ca o actual, con todas as súas imperfeccións.

Falar galego e escribir en portugués aparta o noso idioma da concordancia que todos os idiomas romances teñen, en maior ou menor medida, entre lingua oral e escrita, facendo do galego unha sorte de inglés nunha parte importante do seu léxico, onde non hai moita correlación entre a forma falada e a escrita. Curiosamente o acordo ortográfico portugués de 1990, amais de unificar criterios ortográficos entre Portugal e o Brasil, tamén pretende simplificar e facer coincidir a pronuncia das palabras coa súa escritura, eliminando todas aquelas letras que non se pronuncian, xusto o contrario do que pretenden os lusistas para o galego (ex.: forma anterior – forma posterior): prospecto – prospeto, óptimo – ótimo, objectivo – objetivo, actor/actriz – ator/atriz, correcto – correto, adoptar – adotar, exacto – exato, acto – ato, afectivo – afetivo, direcção – direção etc. Mais conservando os grupos consonánticos cultos que si se pronuncian na fala culta: convicto, ficção, pacto, apto, adepto, eucalipto, rapto, convicção, compacto etc. Admitindo dúas grafías naquelas palabras en que se usan as dúas pronuncias: ceptro/cetro, concepção/conceção, corrupto/corruto, sector/setor, sumptuoso/suntuoso, peremptório/perentório, recepção/receção etc. E tamén admitindo dúas grafías nas palabras que se pronuncian de diferente maneira a ambos os lados do Atlántico, como xa se viu.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.