Outra forma de facer as cousas

Alberto Ruíz Gallardón, actual Ministro de Xustiza, vén de aprobar unha reforma do Código Penal que permitiría penar con ata seis anos de cárcere a aqueles que compartan piratería pola rede. A mesma semana que esta reforma era aprobada, a compañía Rockstar Games gañaba 800 millóns de dólares só nas primeiras 24h de venda do GTA V. Inicialmente, un podería pensar que estes dous feitos non están relacionados, mais cómpre facer unha análise.

Realmente é a piratería a que está matando ao cine convencional?

Unha das principais queixas dos creadores é o descenso de espectadores nas salas de cine. Unha realidade palpable na desaparición de salas de cine como as Vialia de Pontevedra ou os Valle Inclán de Santiago (por falar de Galicia). Pero, realmente é a piratería a que está matando ao cine convencional? Cómpre lembrar que o IVE cultural está no 21%, algo que non axuda se temos en conta que a capacidade adquisitiva dos cidadáns baixou. Hoxe custa sobre 8 euros só a entrada ao cine: prezo ao que hai que sumar os clásicos flocos de millo e a bebida. O resultado son máis de 10 euros, prezo que pode equivaler á comida para unha familia un día da semana, ou a máis de 5 litros de gasolina, ou a un menú do día nun restaurante medio. É asumible entón gastar 10 euros nunha entrada de cine? Por suposto que non.

A miña negación pode soar rotunda. Mais se temos en conta que vén dunha persoa que busca un oco no sector audiovisual. Pero é certa. Actualmente a cultura é un ben de luxo. Ir ao cine equivale a "imos ao cine, vale, pero non a ver calquera película". O espectador pensa e reconsidera que ver no cine, xa que ver unha porcallada de filme equivale a gastar dez euros.  Dez euros que poderían ser cero se a película a consegue por internet. Aquí é onde entra en xogo a piratería: onde os creadores (a maioría, non nos enganemos, non todos son coma Ramoncín) cren que se atopa o problema.

Actualmente a cultura é un ben de luxo. Ir ao cine equivale a "imos ao cine, vale, pero non a ver calquera película"

Comezaba este texto falando de que o videoxogo GTA V recadou máis de 800 millóns de dólares no seu primeiro día. Por que? Por que a xente fixo colas nas tendas para mercar algo que vai estar en internet proximamente? A resposta é simple: por que a xente o quere xa. Por suposto que poderían agardar a que calquera persoa o partillase por p2p, ou por suposto que poderían piratear a copia dun amigo que o ten orixinal. Mais isto non sucede porque a calidade deste xogo é suficiente como para que o consumidor queira a copia orixinal.

Poderíaseme acusar de estar falando de cine e videoxogos á vez, de mesturar temas: non, estou falando de bens culturais. Volvendo ao rego do audiovisual, outro exemplo: a plataforma de vídeo baixo demanda Netflix estreou todos os capítulos de House Of Cards á vez, obviando o clásico esquema de un capítulo por semana. A resposta dos espectadores foi que consumiron a serie en un ou dous días e comezaron a falar dela mediante as redes sociais, no traballo, cos seus amigos, etc. Que ocorreu? A fama da serie multiplicouse e todo o mundo foi en masa a consumila mediante a plataforma online. Houbo piratas? Por suposto, é algo que sempre haberá; mais os datos e as críticas coinciden en cualificar esta aposta como un éxito.

O mundo está xirando noutro sentido, aproveitando Internet non coma o inimigo senón como o vehículo para atopar novas formas de exhibición e comercialización de películas, series, videoxogos e música

Outra forma de facer as cousas é como decidín titular esta breve disertación por unha simple razón: mentres o mundo está xirando noutro sentido, aproveitando Internet non coma o inimigo senón como o vehículo para atopar novas formas de exhibición e comercialización de películas, series, videoxogos e música; nós xiramos non só en sentido contrario senón que tamén o facemos a máis velocidade. Mentres noutros países as plataformas de vídeo baixo demanda ofrecen tarifas planas para que o espectador poida consumir series, nós pechamos o coto a estes novos negocios; mentres noutros países o IVE cultural é reducido permitindo o consumo de bens culturais, nós subímolo convertendo a cultura en algo das elites. Imos ao revés do mundo.

Pero existe outra forma de facer as cousas. Unha forma acorde aos tempos que vivimos e ás ferramentas das que dispoñemos. Mais só uns poucos son quen de ver este novo camiño fronte aos que, cravados nos seus asentos de ferro, defenden o seu, alleos ao mundo que se desprega diante deles.

Só uns poucos son quen de ver este novo camiño fronte aos que, cravados nos seus asentos de ferro, defenden o seu, alleos ao mundo que se desprega diante deles

A cultura é o alimento do cerebro. Unha película, un videoxogo, unha canción ou unha serie esperta sentimentos e pensamentos en nós: mantén o noso coco funcionando e activo. E, se teño que pasar seis anos na cadea por chorar cunha película, ou por ser incapaz de deixar de asubiar unha melodía pegadiza, ou por engancharme coma un tolo a unha serie ou un videoxogo; se ese é o prezo que teño que pagar por manter o meu cerebro activo pódenme encadear xa, porque non penso deixar de facelo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.