Pasmos e recomposicións

Sen dúbida algunha o partido que o ten máis complicado fronte ás eleccións do próximo 26 é o PSOE. Se, finalmente, apoia coa súa abstención ao PP continuará camiñando inexorablemente pola senda da súa pasokización. Pero se goberna con Podemos –o que é difícil de imaxinar- farao como forza menor, e para iso non está preparado xa non política, senón psicoloxicamente. En todo caso, o PSOE terá que escoller entre o social liberalismo e o modelo keynesiano, social demócrata clásico, que se deduce das propostas da formación morada. Nada do outro mundo, pero tal vez imposible de asumir para un partido tan enlamado na realpolitik da UE. 

A elección de Xaquín Fernández Leiceaga como candidato á Presidencia da Xunta é, sen dúbida, unha boa noticia no horizonte  da posibilidade de conformar un goberno alternativo ao do PP. Pero o candidato pode ver as súas alas cargadas de chumbo se o PSOE lle regala ao PP o goberno en Madrid. As súas expectativas electorais se verían moi tocadas.  Por non falar do lote de seguidores de Susana Díaz que agardan a súa hora para pasar contas. Leiceaga está entre os candidatos a ser masacrado, como o propio Pedro Sánchez. En definitiva, o PSOE está en fase crítica e, se non xoga ben as súas cartas, pode quedar empequenecido ata extremos irrecoñecibles. Non se espera que ningún Jeremy Corbin saia do seu seo, o que, se se confirma o éxito de Unidos Podemos, pode transformalo nun Partido do Sur.

No entanto, paradoxos da vida, un descenso moi pronunciado das expectativas electorais de Leiceaga podería darlle o goberno, outra vez, a Feijóo. Dada a relativa equipotencia dos dous campos en liza, unha pequena variación pode transformar o sentido do goberno. Ao fin e ao cabo, resulta moi probable que quen decida o futuro da Xunta sexan Ciudadanos  e BNG. Todo indica que serán o fiel da balanza entre tirios e troianos, ben polos resultados que obteñan, ven polos que non obteñan. Quen pense que os resultados de Outono xa están decididos, está moi equivocado. Todo está moi no aire.

Nestes días chamoume Henrique Mariño, xornalista do diario Público para demandarme unha visión de Rajoy. Pero o certo é que servidor nada ten que engadir ás visións convencionais do personaxe. “Un señor de Pontevedra” titulou unha reportaxe sobre o home Xosé Hermida en El País. E, en efecto, ese señor, Rajoy, daría ben nun casino de provincias dos anos vinte, pasando o tempo nunha tertulia, entornando os ollos ante o rumor da rúa, fumando un puro con calma, sen sobresaltos.  Damían Villalaín, comentaba un día, un tanto pasmado, que aquel tipo que xogaba as cartas no Miami mentres os estudantes da súa xeración corrían diante dos grises acabase sendo Presidente do Goberno de España. Tamén quedou pasmado Ceferino Díaz, que estaba convencido de que Rajoy era, basicamente, un vago. Un vago de grandes proporcións. Iso non quere dicir que sexa un moderado. Non o é. Máis ben é o rostro amable da dereita dura. Iso faino máis perigoso que Aznar ou Espe.

Coméntolle isto a Dani Salgado, quen me fai a observación, intelixente como case todas as súas –non todas, grazas a Deus: todos temos dereito a unha porcentaxe alícuota de parvadas- de que, en realidade, a figura de Feijóo é máis misteriosa. O seu universo humano é descoñecido, a súa densidade cultural mínima. Un imaxina que debeu aprobar Dereito estudando os apuntes, sen concederse xamais a si mesmo a veleidade de ler un libro de teoría da súa propia especialidade. A súa intelixencia parece altamente especializada, dedicada enteiramente á técnica política, que practica con grande éxito, tal vez porque, como mo describiron dous compañeiros de partido do seu entorno  inmediato, é un killer de manual, sen escrúpulos, como case todos os políticos de oficio de hoxe en día. En definitiva, como no relato acerca do eterno feminino de Oscar Wilde o misterio da esfinxe consiste en carecer del. Todo o segredo de Feijóo parece ser  a  asombrosa planicie da súa mente.

Queda que foi posto aí por  Romay Beccaria. Falando de pasmos, servidor non deixou de quedar atónito polo modo en que o fraguismo, co seu débil galeguismo, que sen embargo parecía estar cerca das franxas centrais do país, fora substituído limpamente por unha nova xeración de rapaces de dereitas, españolistas sen complexos. O PP de Feijóo saíu do armario cun enorme éxito de público e crítica desfacéndose sen mover un pelo do bipartito. Polo seu lado, aparentemente ao menos, as clases medias urbanas recibiron con satisfacción a nova mensaxe de liberación do oprobioso xugo nacionalista que os tiña  aforcados. Para determinada xente foi toda unha Iluminación. Coas costas ben cubertas polos discursos emitidos dende a práctica totalidade dos media descubriron que xa non tiñan que ceder. Podían defender en público a súa identidade, recen adquirida,  de novas clases medias abertamente opostas aos tópicos galeguistas en circulación. Nalgún lugar oculto, Romay sorría dentro do seu hábito, un Loden daqueles que estivera de moda hai tempo.

Na pequena historia da consunción de Galicia aquela foi unha pequena sorpresa, porque puxo, branco sobre negro, o que parecían ser tendencias profundas do país –e cal era a dirección que se impoñía. Despois, o Deus da Historia comezou a chorar despois da caída de Lehman Brothers. Os dereitos adquiridos da turba, aqueles que proviñan da orde social emanada da Segunda Guerra, foron postos en cuestión. Nalgúns lugares iso xerou grande contestación –A Grecia de onte, a Francia de hoxe-, noutros unha mansa aceptación, apenas interrompida, no caso español, pola designación de Podemos como máxica táboa de salvación á que agarrarse. Veremos o que sucede dentro duns días, e como reaccionarán Bruselas e o BCE a un hipotético goberno progresista, que, sen embargo, o máis probable é que non teña lugar.

Esa designación pola xente de Podemos como taumatúrxica liña Maginot de resistencia á destrución do Estado de Benestar, funcionou tamén en Galicia a través de AGE, primeiro, e das Mareas, despois. O que non é raro, dada a modestia do país e a medida en que depende, para manter certos estándares de calidade de vida, da acción salvífica do estado. O que tal vez non era tan esperable é que, ante a circunstancia, o BNG, por motivos que certamente viñan de atrás, mesmo de moi atrás, entrara en fase implosiva e que non so el senón o nacionalismo no seu conxunto, tamén o exterior a el, quedara estupefacto, paralizado, sen saber que facer, nin que dirección tomar. Esa implosión, curiosamente, non suscitou grandes lamentos nin reaccións máis ou menos drásticas. Un movemento que se supón historicista  está reaccionando ante a súa decadencia cunha indiferenza case budista.

O nacionalismo, cren algúns, está abocado á súa recomposición. Pode ser –a súa desaparición non é imposible- pero o BNG parece incapacitado para liderala e, mentres tanto, aquel outro que milita na Marea deixa facer ao tándem Podemos/EU con enorme compracencia. Que, por exemplo, se pospuxera a elección do candidato para as autonómicas ata despois do 26-X non fai máis que fortalecer a Podemos. Para o observador, o natural sería que, dentro da Marea, se conformase un polo que procedese a redefinir o nacionalismo e actuase como contrapeso daquel tándem. En breve: que crease un partido moderno no estilo, socialdemócrata dentro do sentido que hoxe se lle da a esta palabra en España, capaz de gobernar con eficacia e sabendo o que quere. Un partido de metas ambiciosas e plausibles a un tempo. ANOVA é case unha metonimia de Beiras e por iso mesmo non vale. Esa dialéctica antes ou despois fará acto de presenza, e sería mellor que o fixera dun modo reflexionado e planificado.

A linguaxe do proceso constituínte tería que ser, nesa hipótese, balanceado por un programa de perfís menos retóricos. Ao fin e ao cabo, tal vez se verán abocados a gobernar dentro duns meses, algo, como diciamos, máis factible despois da denominación de Xaquín Fernández Leiceaga como candidato socialista. A xeración dos Ferreiro,  Noriega, Sánchez, etcétera, tería que acometer esa tarefa, dentro dun espírito integrador da galaxia de nacionalistas/galeguistas hoxe navegando sen rumbo polos intersticios do espazo estelar. En ausencia dese partido está claro que Podemos, un novo partido con específicos intereses de partido, levarase o gato á auga e podería fagocitar a compoñente nacionalista con grande facilidade. Podemos, coma o PSOE hai corenta anos, poderá, en función do seu éxito, dotarse dunha base que, hoxe por hoxe, non ten. Sería, despois da deglutición do rexionalismo do PP e da implosión do BNG, un capítulo máis da transformación dun relato que se cría dado por garantido.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.