Pero para as persoas

Entre as moitas cousas positivas que a unha persoa pode achegarlle a participación nunha ONG dedicada á cooperación ao desenvolvemento, eu destacaría a posibilidade de coñecer realidades afastadas ás que cada día un vive, é moitas veces a posibilidade de coñecer a persoas que dende organizacións locais contribúen a cambiar esas realidades tantas veces de pobreza, desigualdade, inxustiza…

Hai xa uns anos, a finais dos 90, cando tiña tempo para colaborar dun xeito activo con Intermón Oxfam (IO), organizamos en Lugo unha charla cun veterinario ecuatoriano responsable das actividades de saneamento gandeiro nunha das organizacións locais coa que IO traballaba no país andino.
Organizamos a charla na Facultade de Veterinaria aproveitando o tempo dunha das clases do daquela decano o profesor Enrique González, falecido xa fai uns anos, e que sempre se mostraba disposto a colaborar coas causas sociais. Luís, que así se chamaba o veterinario, contou aos asistentes como se desenvolvían os programas de saneamento e os programas educativos nunhas condicións ben distintas, e ben mais duras, que aquelas ás que se deberían enfrontar aqueles estudantes cando remataran a carreira.

Aproveitando a estadía de Luís entre nos, o resto da mañá organizamos unha serie de visitas. Unha delas á Aula de Productos Lacteos, na que responsables da planta piloto explicaron o funcionamento da Aula e as colaboracións con distintas queixerías, e a outra ás instalacións da Fundación Rof Codina e o hospital veterinario. Alí recibiunos o  profesor Pereira Espinel, cirurxián e director veterinario do centro, que nos ensinou as distintas instalacións, explicou o os diferentes procedementos de atención a pequenos e grandes animais e presentou a moitos outros colegas, convertendo aquela visita nunha verdadeira clase sobre o funcionamento dun hospital.

Rematadas as visitas e antes de emprender viaxe a Compostela onde Luís continuaría o seu periplo de charlas fixemos parada a xantar. Fixeime que Luís quedara un pouco calado logo da visita ao hospital, como pensativo, sen facer todas as preguntas as que xa me tiña acostumado, sobre como funcionaba a universidade, sobre o meu traballo, sobre como funcionaba IO, cal era o traballo dos voluntarios na organización… Ao pouco de sentarnos a xantar pregunteille se lle pasaba algo, se se atopaba mal. Miroume, explicoume que non, que non lle pasaba nada, o que me dixo foi mais ou menos isto: “sabes, Emilio, hemos estado en ese hospital, nos han recibido con cariño, he visto las instalaciones, todo tan limpio, el material, el equipamiento, el cuidado con el que trataban a los animales y no consigo quitarme de la cabeza que a mi me gustaría que en mi pueblo tuviéramos unas instalaciones así.  Pero no para los animales… sino para las personas, para atender a nuestros niños, para los partos…”. Aquelas poucas palabras pausadas, ditas en voz baixa nunha casa de comidas de Lugo, describíronme a desigualdade no mundo mellor que todas as estatísticas do FMI, do Banco Mundial ou do Comité de Axuda do Desenvolvemento da OCDE que tiña estudado nos anos da carreira ou que tiña revisado ao longo dos anos de voluntario.

Estes días cando vou vendo a baga de recortes nas axudas oficiais ao desenvolvemento, varios centos de millóns de euros do orzamento da Axencia Española de Cooperación Internacional e Desenvolvemento, case a metade dos fondos da Xunta de Galicia entre 2009 e 2012, e cando escoito as xustificacións dos nosos gobernantes, en Madrid e en Compostela, penso no que escoitei aquel día en Lugo, e penso no pouco conscientes que son, que somos, do que significa a desigualdade, do que significa a pobreza, do que significa a inxustiza no mundo que vivimos, e no pouco dispostos que semella están, estamos, a facer nada por contribuír a solucionalo.

Logo dun ano de campaña de captación de socios e socias a organización galega Implicadas no Desenvolvemento apenas superou a cifra de cen novas incorporacións. Segundo os datos das memorias de IO os ingresos por achegas privadas, en España, á organización teñen diminuído case un 13% entre o ano 2008 e o ano 2011.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.