Porque este soño é necesario para un soño

“Porque entre nós teremos que facelo
Porque de novo debemos comezar”

A dureza dos resultados das eleccións xerais encadeados cunha década de devalo electoral acenden as luces vermellas dunha reflexión inaprazable para a supervivencia do BNG, mais tamén por extensión do proxecto nacionalista. Malia o esforzo de apertura, primarias, renovación de caras e comunicación non conseguimos convencer os votantes de sermos a forza que o país necesita.  De novo debemos comezar.

O acelerado proceso de recentralización política impulsado polo PP e secundado polas outras forzas estatais, unido a un novidoso e intenso apoio mediático da axenda recentralizadora, fixo xirar o debate electoral fundamentalmente arredor de catro forzas estatais (PP, PSOE, Podemos, C's) deixando malparada unha parte relevante das forzas da esquerda nacionalista e estatal (EhBildu, GeroaBai, Més, IU...). O BNG non pode laiarse, ten que decidir como actuar nese contexto. Un contexto adverso sen dúbida, que non vai ceder, e no que a axenda económica, política, mediática e cultural preme nun sentido contrario ás nosas aspiracións. 

Os erros arrastrados do pasado, a incapacidade para dotármonos dunha organización inclusiva, as rupturas, a desconexión con amplas capas da poboación e desenfoques no discurso obrigan a cambios profundo

Os erros arrastrados do pasado, a incapacidade para dotármonos dunha organización inclusiva, as rupturas, a desconexión con amplas capas da poboación e desenfoques no discurso obrigan a cambios profundos para manter o proxecto. Temos que encamiñar sen dilacións un proceso de refundación, tamén cambios no discurso e avaliar con flexibilidade as posíbeis alianzas electorais desde o mantemento da voz nacionalista. Por iso participamos con propostas no debate para facer do BNG un proxecto para abrir xuntos camiños de futuro no nacionalismo de esquerdas en Galiza. Camiñaremos coa forza que nos une.

Hai que ser quen de abrir de inmediato un diálogo amplo e sen máis condicións que camiñar cara a un proxecto claramente nacionalista, de esquerdas e con militancia entre iguais

No que respecta á refundación do proxecto nacionalista hai que ser quen de abrir de inmediato un diálogo amplo e sen máis condicións que camiñar cara a un proxecto claramente nacionalista, de esquerdas e con militancia entre iguais no que non haxa outros condicionantes en canto á forma de organización, o discurso e alianzas, que o encadramento nese espazo ideolóxico. Este proceso ten que ser acoutado no tempo, rematando antes do verán, para dar confianza á nosa base social, tendo en conta a súa opinión e buscando un revulsivo que non pode agardar máis.  Facelo coa profundidade que require este momento non é cousa de tempo, é só cuestión de vontade.  Sen medo a tirar tabiques e arranxar os teitos, facendo que todas e todos poidamos usar todo o espazo da casa, sen tutelas, con fraternidade e sendo conscientes da pequenísima distancia nas solucións reais para a cidadanía que teñen as profundas disquisicións teóricas detrás de cada valado. Somos o mar que derruba as súas cancelas.

No discurso nacional é preciso diferenciar o horizonte estratéxico de soberanía para o noso país do camiño, longo e traballoso, para alí chegar

Os cambios no discurso pasan por integrar na acción política as reflexións en canto ás demandas da maioría social en dous planos.  No discurso nacional é preciso diferenciar o horizonte estratéxico de soberanía para o noso país do camiño, longo e traballoso, para alí chegar. Un camiño que pasa pola coa construción progresiva do discurso nacional (como en Cataluña, como en Escocia) guiado pola acción positiva, a autoestima, a defensa de maiores cotas de autogoberno e a percepción concreta de como afecta á falta de autogoberno ás condicións de vida dos galegos e galegas. No discurso social entendemos que existen capas grandes da poboación (precariado, mulleres, mocidade...) nunhas condicións de vida e laborais moi duras que teñen que estar no centro do noso discurso político e da nosa acción institucional e social e, tamén, que a forma de intervir política e electoralmente desas persoas toma novas formas e reclama con urxencia o cambio polo que temos que mudar para lles ser de utilidade. E temos que construír unha mensaxe política que visibilice o noso proxecto para unha sociedade, hoxe maioritariamente urbana nas vivencias, na que hai igualmente sectores sociais dinámicos que, malia as políticas actuais, pulan por facer país. Tamén son precisos cambios no xeito de participar nos movementos sociais cun recoñecemento e superación dos erros cometidos no pasado e a apertura de novas vías de participación social.

Finalmente a nosa estratexia electoral ten que combinar a garantía da presenza institucional, necesaria para transformar a sociedade, co mantemento da voz diferenciada do proxecto nacionalista, formulando unha proposta de alianza electoral que garanta o cambio político en Galiza no horizonte dunha sociedade máis xusta e dona de si mesma.

Sen cativeces, desquites e retrovisores. Coa finalidade de que a reflexión na que estamos leve a todos os que están, os que estiveron e os que están por vir a traballar con altura de miras para re-construírmos o espazo da esquerda nacionalista coa súa diversidade e pluralidade e sobre todo para facer prender o noso discurso na sociedade.  Facendo unha aposta de futuro para o proxecto nacionalista. Entre nós teremos que facelo. Activando o sentimento de pertenza e a vontade de transformación que peta no corazón de tanta xente, moito máis alá dos límites das nosas siglas ou da nosa base electoral, cando cantamos con Mini, Navia e Nao que este soño é necesario.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.