Premios literarios bilingües

O novo Premio Antón Risco de Literatura Fantástica para obras tanto en galego coma en portugués, nas súa segunda convocatoria foi gañado por unha obra portuguesa, aínda que na primeira edición o fora por unha galega. Sería moi interesante coñecer cantas obras en galego e en portugués competiron en cada edición. Mais é xusto competir con linguas diferentes (pois así o explicitan as bases do concurso: "Poderá concorrer a este premio calquera persoa que presente escritos inéditos da súa autoría redactados en lingua galega ou portuguesa") por moi próximas que sexan?

O exemplo do Premio de narrativa “Torrente Ballester” para obras tanto en galego coma en castelán exemplifica perfeitamete a miña dúbida: durante 27 convocatorias premiáronse 20 obras en castelán por só 7 en galego, ende ben na 28ª convocatoria, a do ano pasado, decidiuse separar ambas as linguas en dúas diferentes, aínda que tardaron máis de 25 anos en caeren da burra, malia que os datos eran evidentes. Así, por exemplo, na convocatoria de 2014 concursaron 610 obras, delas 565 en castelán contra 45 en galego, polo que estatisticamente a probabilidade de que gañase unha obra en castelán era moi superior a que o fixese unha en galego.

Que defensa da literatura galega se pode facer con premios que rematan premiando obras foráneas –porque en galego só escriben escritores galegos–, ou é que dende Galiza precisamos contribuír á promoción da literatura castelá ou portuguesa. En que lugar recibe a lingua galega o mesmo trato, pois que premios se convocan fóra de Galiza admitindo a nosa lingua?

Todos sabemos que no premio Nobel de Literatura o inglés é a lingua dominante mercé á virtude de ser a lingua estranxeira máis coñecida polos académicos suecos que votan o premio, a non ser que alguén crea que a literatura inglesa está tan por riba das demais que merece ocupar case a metade dos premiados. Dun total de 113 premiados até hoxe o número de escritores anglófonos que o gañaron é de 28, por só 15 francófonos, 12 alemáns, 11 hispanos ou 14 escandinavos (sueco, danés, noruegués e islandés), pola contra só hai 6 rusos, 4 polacos, 6 italianos, 2 gregos, 2 xaponese e 2 chineses e 1 de lingua portuguesa, árabe, hebrea, turca, checa, finesa, serbocroata, húngara, bengalí, yiddish e provenzal. Isto demostra sen dúbida ningunha que son os autores de idiomas máis coñecidos polo xurado –e en Suecia o inglés forma parte do seu sistema educativo dende hai varias décadas– os que teñen maiores posibilidades de gañalo.

Que valoración dunha obra galega pode facer quen non coñece en verdade o noso idioma?, por moito que o comprenda –ou diga comprender–, máis ou menos. Realmente para valorar unha obra literaria, alén do seu argumento, hai que ter lido moito na lingua utilizada, coñecendo todos os recursos que esa lingua ten ou tivo até a altura grazas aos escritores que a usaron. Certo é que non poucos escritores galegos vese que leron moito, mais en castelán, e ben que se nota nos seus textos.

En fin, os premios bilingües soamente favorecen ao idioma máis prestixiado fronte ao minorizado. Imaxínase alguén un premio bilingüe en eusquera e castelán? Nas comunidades de fala cooficial catalá os intentos de mesturar ambas as linguas oficiais nun premio recibiron a contestación unánime dos defensores do idioma catalán/valenciano, como pasou non hai tanto cos Premis literaris Ciutat de Palma, para obras en catalán dende 1958 até 2006, en que se incorpora o castelán como lingua admitida, e separados para ambos os idiomas dende 2011. Sería bo aprender dos que levan máis tempo e mellor resultado a prol das súas linguas autóctonas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.