Prohibido molestar aos bancos: os desafiuzamentos seguen

Os desafiuzamentos e a negación do dereito ao acceso á vivenda de milleiros de persoas é estrutural, non conxuntural como pretende facer ver o goberno de Núñez Feijóo. É indignante que os santos custodios da Constitución desprecen a vivenda digna, un dos dereitos fundamentais recollidos no texto constitucional, nunca atendido polas políticas dos Gobernos dos partidos do bipartidismo dinástico. Paradoxalmente, cando os gobernos de Euskadi e Cataluña aprobaron lexislación para garantir o dereito a unha vivenda digna quen as tirou abaixo foi o Tribunal Constitucional.

Segundo o Consello Xeral do Poder Xudicial no primeiro semestre de 2017 os desafiuzamentos aumentaron case un 10% máis que no mesmo período de 2016, e son un total de 1416 en 6 meses

O dereito á vivenda é dereito impracticable hoxe tanto coma nos peores momentos da crise cando a expulsión de xente das súas casas polas execucións hipotecarias entrou na axenda mediática grazas á loita dos movementos anti-desafiuzamentos. En Galiza os datos son preocupantes: segundo o Consello Xeral do Poder Xudicial no primeiro semestre de 2017 os desafiuzamentos aumentaron case un 10% máis que no mesmo período de 2016, e son un total de 1416 en 6 meses.

O agravamento da situación depende de dous elementos. O primeiro é o desemprego estrutural e a existencia dun mercado laboral baseado na precariedade que fai emerxer á pobreza enerxética e alimentaria. Deteriorando as condicións materiais e ameazando co desaloxo das súas vivendas a milleiros de persoas. Todo agravado por un contexto socio-laboral desfavorable, nun país que ten menos dun millón de contribuíntes á Seguridade Social, con 300.000 traballadores que gañan menos que o salario mínimo e con 20.000 menores de 35 anos emigrados desde que comezou a crise. A precarización laboral limita drasticamente o acceso a vivenda propia: en 2008 un 41% da mocidade vivía de alugueiro, en 2016 subiu ao 71%.

O segundo elemento son as políticas públicas de vivenda que nestes anos non se renovaron para dar resposta ás novas necesidades. A visión oficial sobre a vivenda enténdea como ben de investimento, non como un dereito. O Estado español rescatou con milleiros de millóns os bancos e mercoulles os seus “activos tóxicos”. Entre a xente que ficaba na rúa e os bancos, o PP elixiu atender aos bancos. En vez apostar polo aluguer a prezos sociais para vivendas do SAREB –sacrificando os beneficios de voraces poderes económicos– acordaron renunciar a 40.000 millóns do rescate indecente dos bancos. Nada fixeron para favorecer á baixa dos prezos das vivendas, non interesaba ás contas de resultados dos amigos do complexo bancario-inmobiliario.

O PP negouse a cumprir cun mandato lexislativo para desenvolver regulamentariamente o concepto de vivenda baleira, paso indispensable para que os Concellos poidan aplicar sobretaxas ás vivendas que non se poñen a disposición da xente

Para as entidades financeiras ter un piso baleiro segue a ser tan barato coma antes da crise. O Partido Popular mesmo negouse a cumprir cun mandato lexislativo para desenvolver regulamentariamente o concepto de vivenda baleira, paso indispensable para que os Concellos poidan aplicar sobretaxas ás vivendas que non se poñen a disposición da xente en cumprimento da Lei 2/2004 Reguladora de Facendas Locais.

Mentres que nos países da UE os Estados superan polo xeral o 10% de vivendas públicas para alugueiro, en Galiza non chegamos ao 1%

Os diferentes gobernos do PP e do PSOE no Estado e do PP en Galiza nunca impulsaron a creación un Parque Público de vivendas, e moito menos as destinadas a alugueiro social con prezos accesibles. Mentres que nos países da UE os Estados superan polo xeral o 10% de vivendas públicas para alugueiro, en Galiza non chegamos ao 1%. Novamente optaron por satisfacer os beneficios dos que financiaron e financian as súas campañas electorais.

As campañas publicitarias de Núñez Feijóo non poden agochar que durante os anos do seu goberno non incrementou o parque de vivendas públicas. Nestes momentos, o Instituto Galego da Vivenda e Solo conta con 3.500 vivendas sobre un total de 1.600.000, poucas e mal xestionadas, con procesos de adxudicación que fan que haxa moitas renuncias e que algunhas estean aínda baleiras hoxe. Non foi por falla de oportunidades cando se podía facer por varias vías: incorporación das vivendas da SAREB, con vivendas baleiras que se adquirisen ou con construción de vivenda nova a partir do patrimonio público do solo.

O PP e PSOE decidiron non lexislar políticas correctoras de prezo e vemos como aumenta sen teito a demanda de aluguer nos espazos urbanos; así, as cidades galegas en 2016 rexistraron unha suba media dos prezos da vivenda do 6%

Ademais non hai mecanismos de control para o acceso dos alugueres con medidas reguladoras que eviten que os prezos non dependan exclusivamente do xogo de oferta e demanda. O PP e PSOE decidiron non lexislar políticas correctoras de prezo e vemos como aumenta sen teito a demanda de aluguer nos espazos urbanos; así, as cidades galegas en 2016 rexistraron unha suba media dos prezos da vivenda do 6%.

Non se pode facer un cambio de políticas de vivenda sen molestar. A Xunta non quere molestar ás grandes fortunas inmobiliarias e bancarias. As solucións para evitar os desafiuzamentos requiren de vontade política para impedir que a vivenda sexa un ben especulativo e para que sexa un dereito cidadán efectivo. Solucións que suporían grandes beneficios para as miles de persoas que hoxe están excluídas da posibilidade de acceder a unha vivenda e de ter un mínimo de estabilidade nas súas vidas.

Non se pode facer un cambio de políticas de vivenda sen molestar. A Xunta non quere molestar ás grandes fortunas inmobiliarias e bancarias

O acceso a unha vivenda digna é un instrumento fundamental da loita pola igualdade e a xustiza social. Cando se intensifican as campañas para camuflar o avance dos desafiuzamentos e o incremento das dificultades de acceso á vivenda, máis necesario é acompañar ás plataformas sociais que seguen loitando para que non haxa casas sen xente nin xente sen casa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.