Proxecto de lei de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia: a Lei Mordaza da Cultura

O Proxecto de lei de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia presentado polo Partido Popular de Galicia en datas recentes, podémolo percibir coma un mecanismo, outro mais, que gracias o seu rodete parlamentario no Pazo do Hórreo converterase nunha futura Lei Mordaza da Cultura e que suporá unha agresión directa a dereitos democráticos importantes que tantas décadas custaron lograr.

O proxecto presenta unha lei pouco desenvolvida e nada enfocada á realidade de Galicia

Unha lei que teoricamente, segundo a web de transparencia da Xunta de Galicia, ten por obxecto: establecer, no marco das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, o réxime xurídico dos espectáculos públicos e das actividades recreativas que se celebren en establecementos ou espazos abertos ao público, sempre que se desenvolvan integramente no territorio da Comunidade Autónoma. Unha web de transparencia na que sorprendentemente, no momento de escribir estas liñas non figura o proxecto de lei e soamente o anteproxecto da mesma.

Deixando claro que en materia de seguridade moitas cousas están máis que xustificadas e, vaia por diante, que a existencia de lei de espectáculos para Galicia era necesaria, o proxecto presenta unha lei pouco desenvolvida e nada enfocada á realidade de Galicia, cunha definición demasiado hetera pero que por suposto provocará unha perdida de protagonismo da cidadanía e con grandes incoherencias coma que os maiores de doce anos poidan asistir as touradas –un asasinato público que por outra parte deberían abolirse pero ese xa é outro tema- pero non a un concerto sen a compañía dunha persoa adulta ata que cumpran a maioría de idade.

Unha lei cuxa redacción non será participada e onde a inclusión de todo tipo de actividade artística ou cultural sen ánimo de lucro na categoría de espectáculos públicos, supón o perigo de gravar con trámites administrativos e fortes sancións económicas a actividades que nada teñen que ver coa oferta de espectáculos ou actividades recreativas comerciais. Esta inclusión poñería en perigo a espazos intermedios tan necesarios para que moitas persoas que se queren dedicar á cultura nos seus múltiples variantes poidan dar os seus primeiros pasos, ou que as diferentes localidades dispoñan de programacións estables ao longo de todo o ano e non caer en que a celebración de eventos culturais sexa algo extraordinario e puntual; e tan preocupante coma o anterior, non permitiría a expresión libre e gratuíta ao non excluír actos organizados por grupos cívicos.

A lei lexitimará que as grandes empresas absorban as pequenas propostas empresarias ou asociativas e provocará unha redución fulminante dos espectáculos públicos de corte cultural

A lei lexitimará que as grandes empresas absorban as pequenas propostas empresarias ou asociativas e provocará unha redución fulminante dos espectáculos públicos de corte cultural. Unha vitoria máis para o capitalismo cultural que ten en Alfonso Rueda e compañía os seus grandes valedores en Galicia, e o mesmo tempo, unha nova derrota para as persoas que tamén percibimos a cultura coma unha ferramenta de transformación social. Un capitalismo cultural cos seus artefactos transxénicos fabricados a granel, que no noso caso –e máis cando estamos preto do décimo quinto aniversario da maior catástrofe ambiental da nosa historia e que vestira de loito a todo o país- podemos denominar “chapapote cultural”, ao entendelos como aqueles que foron producidos a partir dunha representación cultural modificada mediante enxeñería económica e ao que se lle incorporaron características doutro produto para producir as características desexadas, aquelas orientadas cara ao lecer e o entretemento. Un “chapapote cultural”, que debido a unha antipolítica cultural implanta artefactos culturais alleos á realidade, lingua e identidade galega, destinados a un público-consumidor e orientados ao lucro.

Un dos grandes prexudicados a través desta lei dos rexional-populistas serían eses espazos rebeldes de autoxestión, as ocupacións e o paradigma do procomún. O 15M desbordou o traxe a medida deseñado polo réxime do 78 e transformou profundamente as clásicas okupas en movementos socioeconómicos que incentivan outra forma de produción e de vida, os cales, tal e coma observamos nun pasado recente en todo o acontecido en torno ao CSOA Escarnio e maldizer non gustan os defensores dunha II Restauración Borbónica que nos deixou desde comezos da década dos oitenta unha autonomía de cuarta categoría.

Un dos grandes prexudicados a través desta lei dos rexional-populistas serían eses espazos rebeldes de autoxestión, as ocupacións e o paradigma do procomún

Fronte ao sistema actual imperante que oferta individualismo e lecer de consumo, esforzándose por destruír calquera lazo de comunidade; espazos de esta tipoloxía onde crear desde unha óptica colectiva, de base, e onde ofrecer un lecer e formación alternativos ás hexemónicas son de grande importancia. En moitas ocasións, estes espazos, que non funcionan con lóxicas capitalistas de enriquecemento, son trincheiras desde as que se intenta cambiar as dinámicas, e son máis que necesarios nun momento onde o prezo dos produtos e servizos culturais é un dos principais obstáculos para a participación na cultura. Centros, tanto aqueles que se dan a través dunha reapropiación do espazo como os que non, que intentan impulsar procesos de reapoderamento do público, de cooperación sen mando e de autoxestión de proxectos colectivos. Unha recuperación do público porque, fronte ao vórtice saqueador das propiedades sociais para o interese dunha minoría, un centro social trata de recuperar un recurso inutilizado -ou deixado en barbeito de cara a súa futura especulación- para devolvelo a un aproveitamento común. Lugares onde colectivizar ferramentas, instrumentos e recursos de produción; rompendo así un dos piares ideolóxicos do capitalismo, o individualismo, co que as grandes empresas obteñen os absurdos marxes de ganancias.

A cultura é unha actividade e debería parecerse máis a un enxame que a un elefante varado, por mais que o elefante branco sexa un cenotafio encaramado a unha montaña para maior gloria dun exministro de manipulación e propaganda franquista, adaíl do galeguismo autoidentificado. Non esquezamos, que no presente exercicio un de cada tres euros para actividades culturais da Xunta de Galicia van destinados para a mal chamada Cidade da Cultura, o noso aeroporto sen avións ao cal se acceda a través da avenida Fraga Iribarne, herdanza de aqueles tempos da “poética do derroche” e que resultaría coma un dos grandes beneficiarios –o seu único obxectivo é o aumento de visitantes para tentar xustificar a construción e malgasto económico continuo no mausoleo- coa aprobación da lei de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia.

Mentres todos os focos apuntan cara a Catalunya, o plan continúa

Mentres todos os focos apuntan cara a Catalunya, o plan continúa: incumpren cotas de reasentamento das persoas refuxiadas, por mor dunha sanción da Xunta a coruñesa Cuac deixa de emitir en FM despois de 21 anos, ou disfrazan en forma de leis o que son trampas para todas coma a chamada Lei de Iniciativas Empresariais. O acontecido con Cuac FM –pese a que a Lei Xeral de Comunicación Audiovisual 7/2010 recoñece, no seu artigo 4º, aos medios comunitarios coma un dereito da cidadanía, e que establece na súa Disposición Transitoria 14 o dereito dos servizos de comunicación audiovisuais comunitarios de radio e televisión preexistentes- tennos que facer pensar que nun futuro non moi afastado, coa futura lei de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, algo moi similar pode ocorrer cos nosos espazos socio-comunitarios de programación cultural.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.