Que unidade popular?

Segundo Gramsci, no contexto dunha guerra de posicións política, as crises económicas son unha sorte de artillería pesada que abre fendas nas posicións do partido hexemónico que deben aproveitar con rapidez as forzas da oposición política antes de que o primeiro sexa quen de recompoñer as súas fileiras. Como vemos, o símil belicista gramsciano non deixa de ser, ao cabo, unha reformulación do vello paradigma marxista que opuña condicións obxectivas e subxectivas e que, hoxe en día, a novísima esquerda española, a pesar de non se recoñecer como tal, alcuma “xanela de oportunidade”. En todo caso, esa xanela, fenda ou cambio nas condicións obxectivas produciuse no estado español e na parte occidental do sistema mundo contra o outono do 2007 e permanece deica hoxe aberta.

As crises económicas son unha sorte de artillería pesada que abre fendas nas posicións do partido hexemónico que deben aproveitar con rapidez as forzas da oposición política antes de que o primeiro sexa quen de recompoñer as súas fileiras

Ante esta nova situación produciuse no estado español o que a sempre minoritaria esquerda rupturista levaba moito tempo agardando aínda que dun xeito moi distinto ao que agardaba: o 15M. As multitudes saíron por fin á rúa e expresaren a súa desconformidade co estado de cousas cunha linguaxe moitas veces naíf ou prepolítica -consecuencia lóxica de tres longas décadas de despolitización masiva planificada desde os centros de poder- que así a todo atopou unha fórmula breve, contundente e plena de significado político na que concentrar o seu desacordo: que non nos representan. Un descordo que logo foi autoorganizándose mellor e ramificándose en loitas sectoriais contra os recortes na sanidade, as hipotecas, os desafiuzamentos ou as preferentes, especialmente en Galicia. O 15M constituíase en movemento e facíao segundo as súas propias lóxicas e a súa propia linguaxe.

O ciclo, crise económica-crise de lexitimidade-crise política, pechábase. Púñase en cuestión por vez primeira o consenso do 78, o modelo político emanado dos pactos asinados daquela entre o franquismo esmorecente e a súa dubitativa e insegura oposición democrática, e que supuxo, entre outras cousas, unha amnistía xeral por todos os seus delitos aos vencedores do 36 e a implantación dun modelo económico que, andado o tempo e derrotado por diversos medios o movemento obreiro organizado, liquidaba o sector industrial público (curiosamente, unha herdanza do franquismo resultado das necesidades impostas pola Autarquía e dos principios corporativos falanxistas) aplicando as teses do liberalismo económico en boga. A posta en cuestión do modelo territorial non encabezaba, como era de prever, as inquedanzas do 15M agás alí onde xa formaba parte da axenda política previamente: Euskadi, Cataluña e, en menor medida, Galicia.

O resultado das andaluzas, a seis meses das xerais de novembro, pon en cuestión cando menos a capacidade de Podemos para derrotar en solitario o bipartidismo

AGE e Podemos foron as primeiras fórmulas políticas nadas a partir da asimilación consciente das derivadas políticas da Crise do 2008 e do 15M. A primeira delas, mediante un esquema frontepopulista, agrupando en Galicia a esquerda federal e unha parte da nacionalista, a segunda, seguindo a tradición bonapartista, isto é, construíndo desde os Medios e as Redes un liderado carismático. Despois dos seus éxitos iniciais, as dúas propostas aínda en xermolo víronse obrigadas a enfrontar de xeito prematuro as convocatorias ditadas polo calendario electoral, primeiro en Andalucía e dentro de escasamente un mes, nas municipais.

A única posibilidade real dun cambio político neste país pasa necesariamente pola vitoria das Mareas. Un novo actor que nas súas mellores versións supera o modelo frontepopulista incorporando a cidadanía sen partido

Ao meu ver, o resultado das andaluzas, a seis meses das xerais de novembro, pon en cuestión cando menos a capacidade de Podemos para derrotar en solitario o bipartidismo, unha hipótese que semella cada día máis afastada desde a entrada en escena de Ciudadanos. E no que atinxe ás vindeiras eleccións municipais en Galicia, máis alá do seu posible resultado, cando menos unha previsión resulta certa: a única posibilidade real dun cambio político neste país pasa necesariamente pola vitoria das Mareas. Un novo actor que nas súas mellores versións supera o modelo frontepopulista incorporando a cidadanía sen partido e, nas peores, apenas o intenta, pero que, en calquera caso, achega a posibilidade dunha verdadeira unidade popular tecida desde abaixo e cuxa relación de forzas final rara vez resulta previsible de antemán ás partes implicadas no proceso, e velaí a súa verdadeira garantía de autenticidade. O ceo, en definitiva, tomarase por asalto pero non en solitario.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.