Queremos os océanos e os mares

Galiza non só pugna por obter o maior número de deputadas e deputados, senón que conta cun reto superior, o de asegurar a continuidade do proceso de cambio que tivo a súa sorte de ‘clímax’ o pasado mes de maio

Nunha recente entrevista que mantiven con Xulio Ferreiro, alcalde de A Coruña, este afirmaba que as chamadas ‘cidades do cambio’, de non contar con aliados noutras institucións, terían moi difícil “aguantar, gobernar” e, ao final, “demostrar que as cousas pódense facer doutro xeito”. Falabamos sobre a importancia das vindeiras eleccións xerais. E que importancia teñen? Responde o alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega: “A de non sentirnos sós cun foco dos poderes fácticos moi adversos”. Igual opina o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, quen advirte que neste ciclo electoral “non se poden frear os procesos de unidade popular que loitan contra a corrupción sistémica e pola recuperación dos dereitos sociais”. Os concellos, engade, “non poden ser meros parapetos contra os recortes e a depredación das que son vítimas as clases populares; é preciso a conquista do lexislativo”.

O 20 de decembro, Galiza non só pugna por obter o maior número de deputadas e deputados no Parlamento do Estado español, senón que conta cun reto superior, o de asegurar a continuidade do proceso de cambio que tivo a súa sorte de ‘clímax’ o pasado mes de maio, nas eleccións municipais. Porén, o proceso de cambio en Galiza non comezou entón, senón moito antes, como ben remarca Noriega. O alcalde de Compostela entende que se en maio tivo éxito a fórmula da unidade, foi porque “o proceso estaba máis maduro que no resto do Estado”. Comezou, opina, “nos anos 90 co BNG como acumulación das forzas nacionalistas partidarias; continuou con AGE no 2012 como acumulación das forzas da esquerda nacionalista e da esquerda federal partidaria; e no 2015 coas mareas como acumulación das forzas de esquerda partidaria, tanto nacionalista como federal, e da esquerda social, entendendo esta última como 15M e Nunca Máis”.

O propio Pablo Iglesias, secretario xeral de Podemos, asegurou en varias ocasións, de feito, que se non tivera nacido a experiencia de AGE probablemente a súa formación non existiría, polo menos non nos marcos nos que se move desde os seus inicios.

Un bo resultado en decembro suporía un punto de partida idóneo para que nas próximas autonómicas existise a opción dunha candidatura unitaria na que participasen todas as forzas rupturistas galegas

Non pode resultar alleo, polo tanto, que o seguinte paso neste proceso de cambio en Galiza pasa por En Marea, a candidatura de unidade que conforman Podemos, Esquerda Unida e Anova. Un bo resultado en decembro suporía un punto de partida idóneo para que nas próximas autonómicas existise a opción dunha candidatura unitaria na que participasen todas as forzas rupturistas galegas que puidesen disputar definitivamente a hexemonía do bipartidismo, pero, sobre todo, do Partido Popular. 

En Galiza, o significante ‘marea’ sustenta máis significados dos que pode entenderse a nivel estatal. No 2002, fomos testemuñas do despectivo significado que podía acompañar ao termo ‘marea’ cando o seu apelido non podía ser outro que o de ‘negra’. A ‘marea negra’ do Prestige non se pode entender unicamente pola cor que bañaban entón as mareas que asolaron as nosas praias, senón que describe tamén a xestión entón e sempre dos gobernos do Partido Popular en Galiza.

En Marea é resultado non só da necesaria unidade popular galega, senón que responde a emerxencia de rematar coas mareas negras do Partido Popular, coas súas políticas de corrupción, recortes, desigualdade e inxustiza

En Marea é resultado non só da necesaria unidade popular galega, senón que responde a emerxencia de rematar coas mareas negras do Partido Popular, coas súas políticas de corrupción, recortes, desigualdade e inxustiza. Nunca Máis, durante a crise do Prestige, non era outra cousa que un berro de xustiza no medio de tanta inxustiza. O eco dese berro ten que escoitarse tamén o 20 de decembro, cunha marea que alcance as nosas praias e borre coa forza da unidade as inxustizas que o Partido Popular deixou escritas na area.

As primeiras mareas de ilusión chegaron en maio e conquistaron as principais cidades de Galiza, pero cumpre que non esquezamos que esa conquista precisa de logros maiores. O 20 de decembro non queremos as praias, queremos o conxunto dos océanos e mares que bordean o noso país.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.