Reis

Un bo coñecedor do século pasado comentaba que cando ouviu o discurso do rei sobre Cataluña o 3 de outubro do ano pasado, a primeira idea que tivo foi: nesas palabras están ardendo vivamente as brasas do bisavó Alfonso XIII

Un bo coñecedor do século pasado comentaba que cando ouviu o discurso do rei sobre Cataluña o 3 de outubro do ano pasado, a primeira idea que tivo foi: nesas palabras están ardendo vivamente as brasas do bisavó Alfonso XIII. Polo ímpeto, a dureza, a soberbia, a conciencia evidenciada de crerse amo de súbditos. Guillem Martínez cre que foi un discurso importante polo que non di, porque non usa o catalán, non utiliza formas de integración nin de arbitraxe, non rebaixa a tensión nin lamenta a violencia do estado contra os cidadáns. Agora sabemos tamén que chamaba como un poseso ás grandes empresas radicadas en Barcelona para que mudasen a sé social.

O mesmo 14 de abril de 1931, día da proclamación da II República, Alfonso XIII comunica que está disposto a abrir un proceso constituínte, someter a monarquía a un plebiscito e até abdicar nun familiar. O apuro é evidente. Alcalá Zamora aprecia que está desesperado. Pero o monarca ao mesmo tempo, ou poucas horas antes, ordénalle ao xefe da Garda civil que disolva a multitude que se concentra na Porta do sol, optando polo xarope de pau, tradicional e humillante. O fundamento é a valoración da cidadanía como chusma. O capitán de garda dille que se el pronunciar esa orde, os soldados non obedecerán. O republicano Miguel Maura cre que é nese momento cando decide abandonar o país. 

Fernand Braudel escribiu unha reflexión que di así: Os acontecementos que se producen e conclúen, non desaparecen, senón que deixan tras deles residuos, fumaredas, leccións e consecuencias; complican a vida que está levándose a cabo e cómpre vivir con estes ruídos, con estas músicas insistentes, coas súas leccións verdadeiras ou falsas, con este pasado vivinte.

Os acontecementos que se producen e conclúen, non desaparecen, senón que deixan tras deles residuos, fumaredas, leccións e consecuencias; complican a vida que está levándose a cabo e cómpre vivir con estes ruídos

Willian Morris dicía algo que non é o mesmo pero que axuda a meditar o asunto, aínda que sexa erróneo: A orde primitiva non morre, mais subsiste na nova, e modélaa, como unha nova forma do seu antigo ser.

Crer que a historia se repite é inconsistente e vulgar, pero adherirse á ideoloxía da liña recta, do mito do progreso, pois igualmente.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.