Se o sistema funciona, por que nos seguen matando?

Dicía o Delegado do Goberno non hai moitos días, nunhas declaracións aos medios, que o sistema contra a violencia de xénero funciona.

Fixo esta optimista aseveración xusto cando nos informaron de que o Servizo de Atención Psicolóxica as vítimas nos xulgados fora suprimido e nunha fin de semana na que aconteceron dous novos casos de violencia machista, un deles con unha muller asasinada, algo que, por desgraza, xa é  cotián.

Deixando aparte o feito de que o mencionado servizo non era para tirar foguetes, xa que as sesións coas que as mulleres maltratadas contaban eran mínimas e xa se sabía, ademais, que nacera con data de caducidade, cando a semana comezou, a Xunta rectificou e anunciou que ía dotar de novo aos xulgados das  cidades galegas con sete psicólogos, é dicir, un para cada unha,e, ademais, valoraban a posibilidade de incentivar aos funcionarios encargados de atender as vítimas con un complemento económico, e cito textualmente “por objetivos ligados al trabajo en esta materia” de entre cincuenta ou cen euros, dependendo de que xulgado se tratase.

Unha de dúas. Ou eu son parva, que pode ser, ou, de novo, as vítimas de violencia machista se nos toma por idiotas e se nos da, ademais, o tratamento de simples mercadorías, porque, de non ser así, que alguén me explique de que vai isto.
E preciso incentivar ao persoal para que as mulleres maltratadas conten coa atención que merecen?.
Que vai pasar a partir de agora, van pelexar entre os funcionarios para ver quen acapara mais vítimas co fin de acadar as prebendas ofrecidas?.
De traca!

A partir de agora, polo que se ve, de prosperar esta iniciativa, a violencia de xénero será, polo visto, tratada nos xulgados como unha campaña mais de márketing, ao mais puro estilo de venda de telefonía, seguros ou compañía eléctrica.
Todo un exemplo de empatía e de sensibilidade, si señor!
Porque está moi ben que se tente resolver un conflito laboral como o que se está a dar nos xulgados, pero xa é o colmo utilizar as vítimas de violencia de xénero como “cebo” para acadar tal resolución.
Non soamente non nos axudan, senón que nos utilizan descaradamente e sen o mais mínimo rubor.
Somos, reiteradamente, rebaixadas e ofendidas.

Por outra banda, estamos a ver como a violencia de xénero, por moito que algunhas estatísticas desas que as institucións e demais organismos competentes na materia fan chegar aos medios de comunicación para demostrar o seu bo facer digan o contrario, está, de día en día,  mais normalizada na nosa sociedade, e cada vez que se da un asasinato machista é asumido con maior naturalidade e non se lle da mais importancia que o que dura o comentario na barra do bar ou na rúa.

Que se lle conceda a unha muller maltratada a credibilidade a que ten todo o dereito, que sexa tratada coa sensibilidade que a súa tremenda situación require e que non se minimice o seu medo e se lle dea, porén, a protección que precisa, é toda unha odisea.

É o pan noso de cada día, e as que traballamos coas vítimas sabémolo ben, que, en non poucos casos, cando a muller, desesperada, acude a denunciar, e relata, xa non só o episodio que a levou a esa comisaría, senón case sempre unha longa historia de humillacións, agresións e vexacións, nin se teña a paciencia imprescindible para que narre o seu relato, que supón para ela espirse diante de persoas totalmente descoñecidas, moitas veces impacientes por rematar o seu traballo, e sen querer decatarse da anulación, da confusión e do pánico que impiden a esa muller pensar con claridade, nin se lle conceda a importancia que realmente ten, transformando unhas ameazas mais que fundadas, ou un amago de agresión, cando non unha agresión consumada, que é o preludio do que case con toda seguridade acabará por acontecer, nunha sinxela “discusión de parella”, unha expresión moi socorrida e que se utiliza recorrentemente para describir o que en realidade é un calvario, cando non unha sentenza de morte para a vítima.

Consecuentemente, a información que se lle transmite ao xuíz non é a real, nin describe con veracidade o risco que verdadeiramente corre esa muller, o que redunda en que este non tome as medidas que realmente serían precisas, polo cal a vítima é carne de canón dun maltratador que se sabe impune, mentres ela, ademais de quedar a mercé dun agresor aínda mais perigoso desde o momento no que sabe que foi denunciado, sentiuse cuestionada, ofendida,vulnerable, e de novo maltratada.

Capítulo aparte merecen eses eximentes ou atenuantes que fan que as condenas dos agresores se reduzan drasticamente, e case, case, se lles premie. Admitir a culpa, ou estar, supostamente, baixo os efectos dalgunha sustancia susceptible de provocar que non sexa consciente dos seus actos, fan que o castigo se transforme practicamente en anécdota e, eu persoalmente, non son quen de entender como ninguén con dous dedos de fronte, e menos aínda quen ten que impartir xustiza, pode crer que ningún malnacido de tal calibre como son os maltratadores, se plantexen nin por un intre reconducir a súa deleznable e letal conduta ante a benevolencia ou mais ben debería dicir indiferenza con que a lei, a xustiza, actúan.

Podería seguir enchendo folios e mais folios do que é a realidade da violencia de xénero, das mulleres e as crianzas que  a padecen e conviven co terror cada día, sentíndose totalmente indefensas non soamente ante os seus maltratadores, senón tamén ante quen se supón está para protexelas e para facer xustiza.

Di o Sr. Delegado do Goberno que o sistema funciona.

Eu soamente lle faría unha pregunta: Con cantas vítimas falou?

É moi doado sentarse arredor dunha mesa e facer un paripé deses que semelle que facemos, sacar a foto e contalo diante dun micrófono ou das cámaras. Queda moi ben, e adoita, ademais, a axudar a manter certas cadeiras e certos despachos ocupados por quen interesa, o mesmo que os seus petos, que non corren risco de verse baleiros.

O difícil, e o menos cómodo e implicarse de verdade. Tentar coñecer a realidade que están a vivir as vítimas, os nenos e nenas, vítimas tamén, para os que sobrevivir cada día e como xogar a ruleta rusa.

Gustaríame saber como se sentiría este señor se isto o vivise alguén achegado a el, alguén que lle doese no corazón.

Non llo desexo, que conste. Eso non se lle desexa a ninguén, pero o que si penso é que tal vez a súa perspectiva mudase un pouco.

E xa para rematar, permítame, Sr. Delegado, que lle plantexe unha derradeira cuestión: Se o sistema, como vostede di, funciona, por que a nós, as mulleres, as nosas crianzas, nos seguen matando?

Publicidade

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.