Talento galego aferrado no estranxeiro: hai opción de retorno?

Coma calquera emigrante, os/as científicos/as tamén marchamos na búsqueda de oportunidades, que na nosa terra non atopamos polo escaso investimento en I+D, que os últimos datos sitúan no 0.87% do PIB en Galicia, comparado co 1,19% español e o 2.3% da media comunitaria.

Coma calquera emigrante, os/as científicos/as tamén marchamos na búsqueda de oportunidades, que na nosa terra non atopamos polo escaso investimento en I+D, que os últimos datos sitúan no 0.87% do PIB en Galicia

Pero o peor e que aínda así estes datos só existiron nos papeis, xa que o goberno español no 2016 non gastou o 62% de todo o orzamento destinado a investigación, ó redor de 3.150 millóns de euros. O que xa se converten nunhas cifras ridículas.

A investigación científica é importante, os novos descubrimentos científicos poden erradicar enfermidades e garantir a sociedade do benestar. Nembargantes, os/as investigadores/as galegos/as nunca ocupamos moito espazo nos medios públicos, pouco se fala do noso traballo, o que reflexa unha aparente falta de interese. Pero por riba,  os/as científicos/as que emigramos somos aínda máis esquecidos. Fomos formados en Universidades Galegas ou do territorio español, estamos capacitados para ocupar prazas que nunca se crearon, nin teñen perspectiva de existir. Non existe ningún censo da “fuga” de investigadores, nin sequera estamos nas listas do paro, coma se desaparecésemos das estatísticas. Ás veces si que se lembran de nós, cando os nosos traballos teñen repercusión nos nosos países de acollida, e mira ti que ben cando se descobre que os autores somos galegos/as. Sacan rédito do noso traballo, cólgannos medallas, entrégannos diplomas e dinos o orgullosos que están de nós, da nosa gran traxectoria profesional, unha palmada nas costas e entre paréntese ó final do discurso, - Parabéns pola vosa investigación feita no estranxeiro.

Os/as investigadores/as galegos/as nunca ocupamos moito espazo nos medios públicos, pouco se fala do noso traballo, o que reflexa unha aparente falta de interese

Cansa a propaganda política que se enche a boca falando do noso traballo realizado e financiado noutros países, meténdonos a todos no saco da Marca España. Cando buscamos oportunidades, só as atopamos fóra. Firmamos contratos laborais en institucións académicas pagadas polos gobernos estadounidense, alemán, inglés, francés, ou mesmo xaponés. E temos que aclarar unha vez máis que a investigación que se fai fóra do noso país, aínda feita por galegos/as, non é galega, senón dos países que a financian, por moito que nos pese.

O pasado día 28 de Decembro celebrouse no MUNCYT na Coruña a VIII Reunión de Xoves Investigadores no Estranxeiro, organizada polo Instituto de Investigación Biomédica de A Coruña (INIBIC). Nesta xuntanza retornamos á casa (só polo Nadal), para debater as opcións existentes de incorporación ó sistema de investigación na actualidade e as que se prometen para un futuro. Dende fóra contémplanse as opcións de incorporarse ó sistema de investigación de Galicia practicamente nulas ou canto menos precarias, sen oportunidades realistas polo escaso orzamento en I+D. Por parte dos responsables políticos non existe unha aposta seria por captar investigadores que poidan crear os seus grupos en Universidades galegas, sen paquetes de financiamento que permitan mercar os equipos necesarios para os laboratorios, ou para contratar a persoal investigador a todos os niveis, técnicos, postdoutorais, ou contratos de traballo durante a fase doutoral. E estes son os requisitos mínimos para poder desenrolar unha investigación competitiva a nivel internacional. E non quero dicir que non existan laboratorios en Galicia competitivos, con excelentes investigadores que ocupan os primeiros postos en moitas disciplinas a nivel mundial, o problema e son poucos e non cobren a demanda que o país merece. As posibilidades están moi lonxe de atraer ós investigadores e da resolución do problema, que é facer de Galicia un lugar interesante para facer ciencia.

Cansa a propaganda política que se enche a boca falando do noso traballo realizado e financiado noutros países, meténdonos a todos no saco da Marca España. Cando buscamos oportunidades, só as atopamos fóra

Ó rematar esta xuntanza, saíron unha serie de conclusións da mesa de debate formada por investigadores galegos/as que traballamos fóra ou dentro do país, e que quedaron plasmadas nun manifesto que se difundiu ós medios de comunicación. Nel chégase á conclusión que as propostas para crear centros de excelencia e a existencia de recursos que atraian ós científicos que estamos fóra son insuficientes.

Unha das apostas máis atractivas que existe na actualidade é o financiamento europeo por medio das Starting Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC) e o programa Oportunius, que veñen a representar a mellor das opcións para convencer ós investigadores no estranxeiro de ariscarse ó retorno. Pero cando votamos unha ollada ós números, vemos que estas bolsas ERC premiaron dende o ano 2007 tan só a 152 investigadores españois (deles soamente 10 viñeron para Galicia). Se temos en conta que ó redor de 12.000 investigadores españois emigramos dende o 2010 ata o 2015, pensar en que as subvencións do ERC son unha opción loable para o retorno, convértese nunha alternativa un tanto ridícula. O mesmo cas propostas de contratación de Investigadores dos programas activos do goberno español, que incrementaron o nivel de existencia dunha maneira desorbitada por motivo da drástica redución das prazas ofertadas.

Quédanos cara de perplexidade cando escoitamos ós/as voceiros/as das administracións presentar datos terxiversados, seguidos das absurdas propostas destinadas a atraer o talento científico, e sempre co mesmo conto: - Ben, vamos crear/facer bla, bla, .. hai que ter paciencia, estamos niso, non podedes exixir moito, o país está en crise ... ¿que máis queredes?!

E realmente temos moi claro o que queremos. Desexaría para Galicia algo semellante ó modelo norteamericano, que das Universidades Galegas saísen as prazas de carreira investigadora que realmente se precisan, cunha aposta seria e inmediata pola investigación que convenza e capte ós mellores, cun paquete de financiamento competitivo a nivel internacional, cunha boa xestión dos fondos que evite a excesiva burocracia, e en definitiva consolidar e estabilizar o futuro dos investigadores. Con condicións laboral dignas, con e equipos e infraestruturas que posibiliten o traballo, e cunha aposta firme pola ciencia básica e aplicada de calidade e competitiva.

Temos talento, sabemos pedir financiamento, publicar, e xa demostramos que sabemos sobrevivir en sistemas moi competitivos, o que nos preocupa e vernos obrigados a marchar outra vez ó descubrir que estas promesas non existen en Galicia

Non temos medo a volver, iso sería o doado. Temos talento, sabemos pedir financiamento, publicar, e xa demostramos que sabemos sobrevivir en sistemas moi competitivos, o que nos preocupa e vernos obrigados a marchar outra vez ó descubrir que estas promesas non existen en Galicia, porque daquela as portas no estranxeiro non serían tan doadas de abrir de novo.

Non somos un gasto, somos un investimento, imos traer diñeiro ás universidades, crearemos potencial competitivo no mundo académico, e produciremos riqueza e benestar. Do noso traballo ten que beneficiarse a universidade, os hospitais públicos ou os centros de investigación. Non estamos pedindo prazas de funcionarios para apousentarnos en cómodas cadeiras, gústanos competir e gañar, e non temos medo a ser avaliados.

Non somos un gasto, somos un investimento, imos traer diñeiro ás universidades, crearemos potencial competitivo no mundo académico, e produciremos riqueza e benestar

A pesares de todo, son moi optimista. Creo que en Galicia existe unha formación académica de primeira liña e excelentes investigadores/as que a pesares das trabas son capaces de sobrevivir e triunfar en ambientes non moi favorables, e será cuestión de tempo que a situación mellore, e estes poucos sexan moitos máis. Oxalá nun futuro non sexa necesario emigrar para investigar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.