Tempo de limpar

Dun tempo a esta parte e coincidindo coa concesión da prórroga á empresa ENCE teño a sensación, compartida con outras persoas, de que "Celulosas" CHEIRA MÁIS. Será casualidade, ou non, pero é unha evidencia “científica” que as habitantes da Ría medimos co noso nariz, dependendo de para onde vaia o vento.

Levamos tantos anos escoitando e lendo a propaganda da empresa: Mañá será o último día. O fedor converterase nunha agradábel fragrancia. Os fumes serán transformados milagrosamente en vapor de auga. Non podemos darlle credibilidade a todas estas afirmacións. Se realmente foran certas a empresa non gastaría tantos cartos en publicidade nin en mercar vontades deportivas en Marín.

Cando falamos con persoas de outras localidades sobre o noso concello temos que desmentir dúas cousas: que Marín sexa unha vila fea e que a Celulosas estea localizada no noso termo municipal. Cousa difícil, xa que calquera que deixa a autoestrada e se dirixe a Marín o primeiro que ve é ese monstro fumegando ao carón da Ría. Esta pode ser unha das explicación do deserto hoteleiro que temos, só un, mentres outros concellos do noso entorno están cheos deles.

Todas estas reflexións veñen a complementar o debate que se da estes días sobre o saneamento da Ría. Despois de tantos anos falando deste tema poucos pasos se deron por parte das administracións, e moitos menos pola Xunta de Galiza quen debería ser a encargada da planificación e execución do saneamento integral da Ría. Se tivesen vontade xa teríamos unha planificación eficiente da rede de depuración, sendo o sistema máis racional o da distribución de depuradoras de tamaño reducido, debidamente interconectadas, con separación de augas pluviais e residuais. Nun país avanzado faríamos que as augas residuais industrias foran tratadas en orixe, antes de ser vertidas. É dicir, deberíamos ter un saneamento racional, descentralizado e integral.

Mais neste debate hai un actor principal que pretende agocharse, ENCE. Resulta chocante a forma en que se pretende desviar a atención non falando do principal protagonista da contaminación da auga, do chan e do ar da nosa Ría. Faise fincapé na responsabilidade das "augas residuais urbanas" como principal elemento contaminante tentando empregar a linguaxe como camuflaxe das malas prácticas dunha empresa. Cóllese a terminoloxía da Unión Europea para darlle a volta e botar toda a responsabilidade nas administracións locais.

A directiva do Consello da UE do 21 de maio de 1991 sobre o tratamento das augas residuais urbanas (91/271/CEE), que calquera pode consultar, define no seu artigo 2, punto 1, as "augas residuais urbanas como as augas residuais domesticas ou a mistura das mesmas con augas residuais industriais ou augas de escorrentía pluvial". Polo tanto cando a UE condena á administración non o fai só polas augas da rede de sumidoiros, “do alcantarillado”, faino tamén polos vertidos industriais sen depurar que van a parar a Ría. E xa sabemos que industria verte na Ría.

Os vertidos "urbanos", os coliformes fecais, son un problema. Pero por que non se dan coa mesma intensidade noutras rías, como a de Vigo, con maior presión de poboación e con deficientes sistemas de tratamento de augas? Será por que tamén están presentes no proceso de fabricación de pasta de papel, onde se da a combinación de presencia de materia orgánica e temperaturas moi altas, o ideal para o crecemento de coliformes.

O saneamento da Ría é fundamental para manter unha actividade económica como o marisqueo e a pesca. Para acadar isto é necesario tomar medidas a curto prazo por parte das administracións mellorando o sistema de tratamento das augas e cunha cobertura total, eliminando os vertidos.

Pero non podemos esquecer que o principal problema de contaminación da Ría, ENCE, acaba de ser prorrogado 60 anos máis, se entre todos e todas non o evitamos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.